Unha 'Acción global polo clima' para construír outro modelo de produción e consumo e evitar novas pandemias

Acción Global polo Clima © Movemento Galego polo Clima

O Movemento Galego polo Clima (MGPC) lanzou unha convocatoria á cidadanía para que participe este venres nunha Acción Global polo Clima para reclamar que "a saída da crise xerada pola COVID-19 non pode basearse no nocivo modelo de produción, consumo e destrución da natureza que nos conduciu ata a emerxencia ecolóxica e social actual". O movemento chama a unha "manifestación de luces e sombras chinesas" dende fiestras e balcóns ás dez da noite, ofrecendo na súa web patróns para realizar as figuras.

O movemento reclama que "a saída da crise xerada pola COVID-19 non pode basearse no nocivo modelo de produción, consumo e destrución da natureza que nos conduciu ata a emerxencia ecolóxica e social actual"

Para o MGPC a actual situación de urxencia xerada pola pandemia "non nos debe facer esquecer que a mudanza climática e a perda de biodiversidade seguen a ser as principais ameazas para o planeta e a humanidade, e que os gobernos non están a facer dabondo para evitalas".

O movemento vén de publicar un novo manifesto no que afirma que “non debemos descartar que a actual pandemia da COVID-19 sexa unha consecuencia máis do cambio climático e a continuada perda da biodiversidade”. Así, entendendo que a actual crise sanitaria é o máis urxente, piden tamén aprender dela: “se non aproveitamos esta forzada paralización da actividade para reducir e reorientar a nosa actividade, decidida e rapidamente, alcanzarase un cambio climático de tal magnitude e rapidez que faría imposible a nosa adaptación”.

O MGPC chama a unha "manifestación de luces e sombras chinesas" dende fiestras e balcóns ás dez da noite, ofrecendo na súa web patróns para realizar as figuras

Neste senso, o movemento fai unha proposta de actuacións para relanzar a actividade "dunha forma xusta e sostible", que parta dunha "redución drástica das emisións netas de gases de efecto invernadoiro". Entre outras medidas, proponse "unha moratoria ás novas plantacións de eucalipto" e tamén a súa inclusión nos catálogos de especies invasoras; así mesmo, pídese un plan forestal que garanta a recuperación dos ecosistemas naturais protexidos pola lexislación, os solos agrarios e a vexetación de ribeira.

Tamén se aposta pola "reconsideración das políticas comerciais, nacionais e internacionais", primando os consumos de proximidade e limitando a dependencia exterior. E deféndese "apostar polo rural na procura dunha nova ruralización da sociedade". E apóiase "a protección das persoas máis vulnerables, sexa cal for a causa da súa vulnerabilidade (clase, raza, xénero…), avanzando cara a unha renda básica".

Consumo de proximidade, enerxía renovable, redución e transformación da mobilidade, defensa do rural e protección das persoas máis vulnerables a través dunha renda básica, entre as propostas

Reclámase a aceleración da transición enerxética desde os combustibles fósiles cara a un modelo baseado na reducción dos consumos e 100% renovable, sen emisións contaminantes, xusto, eficiente e en mans das persoas, apostando decididamente polo autoconsumo. Proponse igualmente a redución e transformación da mobilidade de persoas e mercadorías, axustándoa á necesaria, minimizando o uso do vehículo privado e fortalecendo as infraestruturas e os servizos do transporte público e compartido, especialmente do ferrocarril convencional tanto para mercadorías como para pasaxeiros

Previamente ao Día de Acción Global do venres 24, dende o MGPC organizouse unha completa semana de palestras web polo clima. De luns a venres distintas persoas expertas puxeron enriba da mesa as diferentes dimensións da crise ecosocial global e moitas das alternativas impulsadas dende o movemento climático. O MGPC está formado por 85 entidades galegas, que conforman o groso do movemento ecoloxista galego coas principais organizacións ambientalistas as nivel xeral e tamén de ámbito local ou comarcal; ademais, participan na plataforma outras entidades sociais e veciñais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.