- Galería de imaxes das concentracións
- ENTREVISTA | Xosé María Dios: "O problema da sanidade pública galega non é de funcionamento senón de desmantelamento"
O proxecto da nova Lei de Saúde que se tramita dende mediados de decembro no Parlamento por iniciativa da Xunta leva meses a acumular protestas na súa contra, especialmente nas comarcas afectadas por unha das súas medidas máis controvertidas: a supresión das áreas sanitarias da Mariña, O Salnés, Monforte e O Barco de Valdeorras. Este precepto, aseguran os colectivos contrarios ao proxecto, trae consigo un novo "ataque á sanidade pública" e un reforzamento das derivacións de pacientes a centros privados xa facilitada pola lei de garantías sanitarias de 2014. Este é o pano de fondo da "gran mobilización" que, a través da plataforma SOS Sanidade Pública, se prepara para o vindeiro 4 de febreiro en Santiago, unha protesta que foi alentada este mércores con máis dunha ducia de concentracións por todo o país.
"A única forma de parar esta reforma inxusta é a mobilización masiva", di SOS Sanidade, que lembra o precedente da retirada da lei de acuicultura grazas ás protestas
Unha das comarcas máis activas no rexeitamento desta norma nos últimos meses, a da Mariña, foi tamén unha das mías activas nas concentracións previas. Aínda que a convocatoria a nivel galego só prevía unha protesta en Burela, ante o Hospital da Costa, as mobilización estendéronse tamén por centros de saúde de Foz, Barreiros, Ribadeo, San Cibrao e Burela. "Pretenden borrarnos do mapa como área sanitaria" para "provocar unha perda de camas e servizos nos hospitais comarcais", acusan para cargar contra unha reforma que, no caso mariñao, vai ter como "grandes beneficiados aos hospitais privados da cidade de Lugo", din.
"A única forma de parar esta reforma inxusta, insolidaria, xeradora de desigualdade e que afectará a toda a sanidade galega" é "a mobilización social masiva", lembraron na concentración de Burela. Cómpre recordar, sinalan, os efectos que "a mobilización masiva e contundente" chegou a ter noutro polémico proxecto lexislativo do Goberno do PP, a lei de acuicultura, que chegou a retirar entre numerosas protestas.
Concentración no hospital do Salnés / Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés
O hospital Lucus Agusti, en Lugo, o Hospital de Monforte e o Hospital do Salnés foron tamén escenarios de concentracións durante a mañá, previas ás organizadas para o serán na Coruña, Ribeira, Ferrol, Santiago, Ourense, O Barco, Pontevedra e Vigo. En todas elas SOS Sanidade pon como exemplo os "colapsos das urxencias hospitalarias" nos últimos días, en plena campaña da gripe, como mostra duns "recortes" no sistema sanitario que agora, sinalan, se enfronta a unha nova "ameaza" tras a posta en marcha e desenvolvemento regulamentario da devandita lei de garantías.
SOS Sanidade, sindicatos e oposición parlamentaria alertan dun "desmantelamento dos hospitais comarcais", que a Xunta nega
A Lei de Saúde, advirte a plataforma, "desmantela os hospitais comarcais" e teima na "centralización do control" da asistencia, ademais de "perpetuar as Estruturas de Xestión Integrada que someten a Atención Primaria ás xerencias hospitalarias en detrimento da promoción, prevención e atención próxima da poboación". Entre os prexuízos da futura lei SOS Sanidade cita tamén a "privatización da formación e a innovación sanitaria", así como a "limitación da participación social no control da sanidade pública galega".
As tres forzas da oposición parlamentaria galega reiteraron este mércores o seu apoio e asistencia ás mobilizacións, rexeitadas con contundencia dende a Xunta e o PP. Tras reducir nas últimas semanas a importancia das mobilizacións tanto o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, como o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, atribúen a intereses partidarios o conxunto da mobilización. Mostra disto, esgrimiu Feijóo durante a sesión de control deste mércores no Parlamento, é que a Xunta prevé construír unha vintena de centros de saúde nos vindeiros anos.
Concentracións contra a Lei de Saúde
-
A Coruña -
Ourense -
Imaxe da concentración de Vigo, este mércores pola noite -
Pontevedra -
Ourense -
A Coruña -
O Salnés -
Concentración en Foz -
Concentración ante o hospital da Costa, en Burela -
Concentración en Lugo