Uns 40 incendios aínda arden en Galicia, pero xa non poñen casas en perigo

Área afectada por un dos incendios en San Cristovo de Cea Dominio Público MAPAMA

A extensión da chuvia polo país e o intenso traballo dos equipos de extinción de incendios dende o domingo rebaixou as cifras do lume no monte a valores baixos en comparación coas durísimas xornadas do domingo e o luns. A incompleta información da Consellería de Medio Rural -nesta vaga de incendios mantivo intacto o criterio de non revelar os inferiores a 20 hectáreas- indica que contra o mediodía deste martes ardían no país unha corentena de incendios, xa ningún sen control tras ser considerado como "estabilizado" o que atinxe ao concello ourensán da Gudiña.

Como xa sucedera a pasada semana antes de que a vaga descontrolada impactase de cheo no sur da provincia de Pontevedra, o lume impacta fundamentalmente no interior, en Lugo e Ourense. Xunto ao devandito incendio da Gudiña, Medio Rural indica como "estabilizados", pero aínda non controlados, unha quincena de incendios: 8 en Ourense -Xunqueira, Maceda, Esgos, Lobios, Paderne de ALlariz, Parada de Sil, Baños de Molgas e Montederramo; e outros seis en Pontevedra: Fornelos de Montes, Salceda de Caselas, Nigrán, Salvaterra de Miño, Gondomar e Ponteareas.

Os incendios controlados eran no inicio da xornada arredor dunha trintena, 26 segundo o parte oficial. Catro deles atinxen á montaña lucense -Negueira de Muñiz, dous en Cervantes e Monforte de Lemos-, e unha ducia na ourensá: Chandrexa de Queixa, San Xoán de Río, Melón, Vilariño de Conso, Vilar de Barrio, San Cristovo de Cea, Boborás, Piñor, tres en Montederramo e outro en Manzaneda. O parte complétase cunha decena de concellos da provincia de Pontevedra en Caldas, dous en Ponteareas, Mondariz, As Neves, Mos, Baiona, A Guarda, Salvaterra e Meis.

Feijóo reduce o "problema" á "delincuencia"

Feijóo: "Non é un problema de política forestal, é un problema de atentado e delincuencia"

Mentres diversas voces expertas chaman a aproveitar a enésima catástrofe no monte galego para reabrir o debate sobre o modelo forestal e o futuro da ordenación territorial o presidente da Xunta aproveitou a visita ao centro de control de incendios en Santiago da ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, para pechar a porta a calquera debate ao respecto nun problema que circunscribe á orde pública. Alberto Núñez Feijóo admite que a Administración galega perdeu o "control" da situación durante "12 horas" do domingo, pero o feito de que houbese "132 incendios un domingo de outubro" e isto sucedese "unhas horas antes" da entrada dos restos do furacán Ophelia debera levar a "darse conta" de que "non é un problema de política forestal", senón "un problema de atentado e delincuencia".

A tese do "terrorismo" é defendida como a única posible dende o Goberno galego mentres seguen sen se producir accións policiais de relevancia ao respecto. Así, nas últimas horas a Policía Nacional revelou que fora detido en Lugo un home sospeitoso de estar por tras dos incendios que afectaron a diversas áreas da cidade durante o serán e a noite do domingo, chegando a pór en risco o tráfico da autovía A-6 e achegándose a áreas sensibles como o Hospital Lucus Augusti ou o polígono industrial das Gándaras. O sospeitoso quedou en liberdade tras prestar declaración e non transcenderon, polo momento, novas detencións.

Traballos de extinción en Parada de Sil Dominio Público Brif Laza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.