Urbaser fracasa no seu intento de evitar a suspensión da taxa de saneamento en Ferrol

O alcalde, Jorge Suárez, na visita á depuradora © Concello de Ferrol

A Comisión Extraordinaria de Economía e Facenda do Concello de Ferrol vén de desestimar o recurso de reposición interposto por Socamex-Urbaser, contra o acordo plenario do pasado 18 de setembro que suspendera a aplicación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola depuradora de augas residuais, despois de comprobar que a empresa mixta Emafesa (xestionada por Socamex-Urbaser) nunca levara a cabo este servizo.

Na Comisión, a demanda da empresa foi desestimada por unha ampla maioría, votando neste senso Ferrol en Común, PSdeG-PSOE, BNG e Ciudadanos, mentres que o PP reservou o seu voto.

A demanda da empresa foi desestimada por unha ampla maioría, votando neste senso Ferrol en Común, PSdeG-PSOE, BNG e Ciudadanos, mentres que o PP reservou o seu voto

En declaracións aos medios, o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, salientou que “Socamex pide que anule a suspensión da taxa e nós, desde o Goberno, coidamos que non procede suspender a suspensión porque aínda non está ditaminado na auditoría que pasaba coas augas residuais que ían a Edar”. Así mesmo, o rexedor lembrou que “o Concello ten todo o dereito a pedir compensacións económicas en defensa dos intereses do pobo de Ferrol se se demostra que ese saneamento -o feito impositivo da taxa- non se producía na realidade”.

O rexedor lembrou que “o Concello ten todo o dereito a pedir compensacións económicas en defensa dos intereses do pobo de Ferrol se se demostra que ese saneamento -o feito impositivo da taxa- non se producía na realidade”

Neste momeno un grupo de investigación da Universidade da Coruña está a redactar unha auditoría externa e PW, desprazada desde Madrid, segue a traballar no terreo noutra investigación. Esta semana prevese realizar a parte da auditoría que se centra en determinar a quen compete acometer as chamadas "obras de gran reparación" para dilucidar as responsabilidades que se deriven "pola nefasta xestión dunha infraestrutura aínda incompleta para unha depuración integral", sinálase dende o Concello.

 

Construtoras pagaban enquisas

Este luns El Diario publica que varias construtoras, entre elas a propia Urbaser, investigadas no marco da Operación Púnica, pagaron enquisas para o PP en varios municipios madrileños por un importe superior aos 400.000 euros. A documentación do sumario da Púnica indica que a responsable de facer as enquisas, TNS, subscribía contratos fraudulentos coas empresas para realizar estudos sociolóxicos, aínda que en realidade se trataba de prospeccións de voto para PP e PSOE (no caso da localidade de Parla).

Visita dos técnicos de AEOPAS á depuradora de Ferrol © Concello de Ferrol

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.