Xa se pode escoller entre 421 propostas para os orzamentos participativos da Coruña

Os orzamentos participativos da Coruña contan este ano con tres millóns de euros © Concello da Coruña

3 millóns de euros. 421 propostas. Dende este venres e ata o 14 de xuño a cidadanía da Coruña pode escoller os proxectos de investimento que considera que deben levarse a cabo coa partida dedicada este ano aos orzamentos participativos, unha contía que triplica a do pasado ano. Un millón de euros dedicarase ás propostas que afecten ao conxunto do concello e outros dous millóns de euros ás iniciativas máis localizadas, pensadas especificamente para cada un dos dez distritos nos que se divide a cidade (200 mil euros para cada un).

O número de ideas propostas creceu un 20% con respecto á primeira edición dos orzamentos participativos. Unha primeira revisión técnica a cargo do persoal municipal serviu para descartar aquelas que non eran viables, ben por non entrar na categoría de investimento, non ser competencia municipal ou non poder ser correctamente valoradas por tratarse de propostas múltiples ou demasiado inconcretas. Quedan 421, 121 referidas ao termo municipal na súa totalidade e outras 300 relativas aos distintos barrios. Agora, durante case tres semanas todas as persoas de máis de 16 anos empadroadas na Coruña poderán votar polas súas propostas preferidas, aquelas que consideren máis útiles ou urxentes. Para facelo, deberán rexistrarse na plataforma dixital que dá soporte ao proceso, www.aportaaberta.coruna.es. Todas as persoas participantes poden votar por calquera dos proxectos de ámbito xeral e polos dun distrito, á súa elección (pode ser aquel no que vivan, no que traballen, ou calquera outro). As propostas máis apoiadas pasarán á fase de avaliación técnica e económica.

O proceso de Orzamentos Participativos conta con "puntos de apoio á participación", nos que recibir soporte presencial e consultar a información e o listado en papel das propostas de cidade e de distrito, para que as veciñas e veciños participantes poidan coñecelas ao detalle. Estes puntos están situados nas bibliotecas municipais, no CMIX, na sede da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña, na rede de centros cívicos municipais da cidade e, igualmente, no autobús itinerante que se situará, ao longo deste período de apoios, en distintos puntos da cidade.

Cada vez son máis os concellos que apostan por esta fórmula de participación, co obxectivo de involucrar a cidadanía na reflexión sobre a xestión da localidade, das contas públicas e das políticas públicas de investiemento. As capitais de provincia españolas destinarán este ano máis de 130 millóns do presupuestado a lo que decidan los vecinos, como destacaba esta reportaxe de El Diario hai uns días. No proceso levado a cabo o pasado ano na Coruña 2.693 persoas rexistráronse na plataforma online habilitada, participando de forma activa 1.964 cidadáns e cidadás.

 

As propostas

Entre as 421 ideas hai, ao igual que o pasado ano, un pouco de todo, aínda que destacan algúns ámbitos: mellora do espazo público, mobiliario urbano, incremento de árbores e espazos verdes na cidade, novas zonas peonís nos barrios, infraestruturas para a mocidade ou áreas caninas. Entre as propostas que xa se poden votar hainas tamén referentes ao incremento dos puntos de recarga para vehículos eléctricos, a creación de aplicacións móbiles, a posta en marcha dunha rede de locais de ensaio, proxectos de eficiencia enerxética, habilitación de hortas urbanas ou a creación de microinstalacións deportivas en distintos puntos da cidade. En canto ás iniciativas que afectan de forma particular a algúns dos barrios, priman aquí os investimentos concretos, centrados na mellora de rúas, a súa humanización ou peonalización e o incremento das zonas verdes.

 

Financiamento europeo para os orzamentos participativos de Compostela

A cidade de Compostela vén de acadar 172.000 euros para potenciar o seu proceso de orzamentos participativos, ao ser aprobado pola UE o proxecto Atlantic Social LabTrátase dun proxecto enviado polo Concello de Santiago en colaboración con outras cidades do arco atlántico do continente co obxectivo de testar políticas sociais innovadoras que sexan replicables noutras partes do continente.

O conxunto das nove entidades participantes conseguiu un total de 1.643.000 euros, dos cales Santiago recibiu 172.000 para estimular a participación nos procesos de Orzamentos Participativos que o Concello vén desenvolvendo dende 2015. María Rozas destacou que este financiamento "é un premio e un recoñecemento á aposta que fixemos dende o goberno polos procesos de participación directa que nos permitirá desenvolver orzamentos participativos practicamente a custo cero". Entre os obxectivos que persegue este proxecto están: enriquecer e aumentar a participación entre a terceira idade e en zonas de poboación dispersa; aplicar novas tecnoloxías da información e da comunicación tanto nos procesos en liña por internet como especialmente nos presenciais; desenvolver contidos audiovisuais didácticos sobre os orzamentos municipais e os mecanismos de participación; elaborar procesos de decisión sobre gasto corrente e non só sobre investimentos e iniciar unha deliberación social sobre os ingresos municipais, a fiscalidade e a distribución da renda e da riqueza.

 

Claudia Delso, concelleira de Participación e Innovación Democrática © Concello da Coruña
Marta Lois e María Rozas © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.