Ana Baneira, liberada e camiño a Galicia. A coruñesa detida en novembro do pasado 2022 en Irán durante as protestas pola morte de Mahsa Amini, unha muller de 22 anos detida pola 'policía da moral', vén de recuperar a liberdade tras máis de tres meses de cativerio e negociacións diplomáticas tan intensas como discretas.
A familia da activista galega confirmaba este domingo que Ana "está camiño de volta á casa" dende a tarde deste pasado sábado, 25 de febreiro. Segundo puido ratificar Praza.gal de fontes próximas á familia, este domingo xa se atopaba en lugar seguro en Dubai e dende alí emprendeu a viaxe de volta.

Espérase que Ana Baneira, de 24 anos, poida chegar este luns á Coruña. En calquera caso, a familia explica que será ela mesma quen decida "cando e como" falar ante os medios de comunicación, aos que agradecen "o respecto co que trataron o asunto" e aos que tamén piden "espazo e intimidade" na chegada de Ana.
Tras meses de discretas e intensas negociacións diplomáticas, Ana Baneira puido emprender este sábado o retorno a través de Dubai tras a súa liberación. A súa chegada prevese para este luns
O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, confirmaba este domingo que el mismo puido falar xa con Ana Baneira, que a súa liberación se produciu o sábado e que dende ese momento estivo acompañada polo embaixador de España en Irán. "Atopábase ben; o embaixador puidera visitala noutras ocasións durante a súa retención", sinala Albares, quen ratifica ademais que dende Dubai viaxou a Xenebra "e dende aí, á Coruña".
"Eu pedira ao meu homólogo iraniano a inmediata liberación, porque os cargos eran totalmente infundados". En calquera caso, agrega, "o importante é que xa está libre". O Goberno de España, agrega, continuará "insistindo" tamén para a liberación do madrileño Santiago Sánchez, detido tras visitar a tumba de Masha Amini.

A ausencia dun excesivo rebumbio mediático, segundo puido saber este xornal, foi clave para a resolución dun caso que, segundo a a axencia de noticias HRANA, que divulga as informacións de diferentes colectivos de defensa dos dereitos humanos que actúan en Irán, comezou nunha das manifestacións pola morte de Amini. Tras o prendemento, destacaran, fora encarcerada sen que transcendese o lugar exacto.
A moza coruñesa agora liberada leva anos implicada na defensa de diversas causas sociais e, nesta liña, exerceu como voluntaria en Cáritas. En 2020 participara en diferentes espazos nos medios por unha iniciativa en clave ambiental.
Daquela percorrera a costa galega, da Guarda á Mariña, mentres recollía o lixo que atopaba. Tratábase de evidenciar que "non é o meu lixo, pero si o meu planeta", explicaba en declaracións á Radio Galega.