ILLA DE LESBOS - Enviados especiais
Hai un ano Thanasis Marmarinos, pescador da vila de Skala Sikamineas en Lesbos, deixaba as redes e as nasas na casa para cambiar a faena do San Nicolaos un día máis. Se antes collía bacallaus e gambas, agora o mariñeiro percorría os escasos nove quilómetros que separan a costa da illa do Exeo e Turquía en busca de lanchas cheas de refuxiadas. Foron cinco meses duros. Entre xuño e novembro de 2015, asegura, “non puiden saír a faenar un só día. Cando entraba no mar non había máis que lanchas con centos de refuxiadas desesperadas a bordo e non podía colocar as nasas porque con tanto tráfico, rompían”. Marmarinos lembra aínda como axudou máis de 76 embarcacións a chegar á costa. Sorprende que o mariñeiro tiña o seu propio protocolo de actuación: “primeiro metía no barco os rapaces e rapazas máis pequenos e despois as persoas que non tiñan salvavidas”.
Marmarinos pasou de pescar bacallaus e gambas a buscar lanchas con refuxiadas: "entre xuño e novembro non fun faenar un só día"
O verán de 2015 foi especialmente duro na costa da illa de Lesbos. As veciñas aínda recordan con certa dor no ollar as miles de persoas que chegaban diariamente ás praias e ao porto, mais tamén todas esas que nunca chegaron e quedaron no mar. “Non había nada. Só estabamos a xente da vila para axudarlles. Nin goberno nin as ONGs. Até setembro aquí non chegou ninguén” apunta Stratis Nokolaou, membro local de Syriza.
“Non había nada. Só estabamos a xente da vila para axudarlles. Nin goberno nin as ONGs. Até setembro aquí non chegou ninguén”
A localidade de 200 habitantes entregouse por completo na asistencia ás refuxiadas. A xente do mar empregaba as súas propias embarcacións para socorrer as lanchas. Xa en terra, as voluntarias facían café e sopa para recibilas e proporcionábanlles roupa seca para se cambiar e continuar a ruta. As persoas maiores, como retratou o fotógrafo grego Lefteris Partsalis, encargábanse das máis cativas dándolles de comer mentres nais e pais recuperaban forzas. Unha das tres coñecidas avoas de Skamias, Maritsa Mavrapidou, lembra como todas as tardes saían a camiñar á beira da praia e axudaban “como podían”. Maritsa lembra emocionada como as crianzas se agarraban a elas. “Debían notar que con nós estaba seguras e alí quedaban tranquiliñas e moitas veces durmidas. Démonos conta de que era moi importante o que estabamos a facer. As nais e pais precisaban descansar un pouco das criaturas e nós estabamos encantadas”.
Os refuxiados camiñaban para chegar a Mitilene e coller un ferry; só podían ir a pé porque transportalos en coche era delito
Durante meses as praias deron boa conta da chegada masiva das refuxiadas e da ruta que percorrían. O gris das rochas virou en laranxa polos centos de miles de chalecos salvavidas que quedaban detrás e cada poucos metros unha lancha pneumática aparecía. Outra estampa típica eran as ringleiras de persoas camiñando polas estradas tentando chegar a Mitilene, unha vila máis poboada, para coller un ferry e poñer rumbo ao continente heleno. Este traxecto só o podían facer a pé, xa que transportar unha persoa refuxiada nun autocar privado implicaba incorrer no delito de tráfico de persoas.
Lesbos, un ano despois
Un ano despois, Lesbos intenta recuperar a normalidade. No sentir común aínda se albisca certo cansanzo, mais tamén orgullo. A veciñanza séntese especialmente empoderada despois da súa admirable actuación e, como non, de espallar a súa solidariedade entre as máis vulnerables. Non obstante, os datos económicos non as acompañan nunha illa na que o 20% dos ingresos proveñen do turismo.
Orgullosos pola súa actuación e o espallamento da súa solidariedade, a illa sofre a crise do turismo, o 20% dos seus ingresos
Dende hai un ano, numerosas touroperadoras nórdicas deixaron de traballar na illa debido ao medo a que este ano novamente as praias estiveran cheas de refuxiadas. Algo similar aconteceu coas reservas hoteleiras, que descenderon entre un 45% e un 50% ao tempo que as cancelacións se incrementaron un 20% en comparación co ano 2014. O número de cruceiros que pararon na illa este verán pasaron de 46 a 25 e na actualidade só teñen 9 voos ao día dos 23 que tiñan o ano pasado.
Touroperadoras nórdicas deixaron Lesbos por se había refuxiados, as reservas hoteleiras descenderon un 50% e os voos diarios pasaron de 23 a 9
A perda de turismo internacional é evidente, mais esta situación paliouse ao longo de todo o ano cun enorme incremento no número de ocupación debido á maré de voluntarias, persoal de OINGs ou Frontex internacional que se desprazaron á illa. Segundo afirma María Sarafoglou, propietaria do hotel Ofeas de Mitilene, “o número de turistas internacionais durante a temporada de verán descendeu pero ao mesmo tempo, a ocupación mantívose grazas ás persoas que viñeron de moitas partes do mundo a axudar ás refuxiadas. Este ano non tivemos só unha temporada. Levamos traballando a bo ritmo todo o ano”.
“O número de turistas internacionais durante o verán descendeu pero a ocupación mantívose grazas aos que viñeron axudar ás refuxiadas"
No entanto, non toda a veciñanza pensa da mesma maneira. Sophia, propietaria dun coñecido restaurante da zona do porto considera que a vaga de refuxiadas trouxo moi mala imaxe para a illa e que agora é normal que os turistas non queiran visitala. “As refuxiadas foron a nosa ruína e non creo que isto se vaia recuperar. Agora Lesbos é coñecido internacionalmente por unha mala razón e é normal que ninguén queira vir. As turistas teñen medo”.
"Chegaban miles de refuxiadas ao día; a miña responsabilidade era prestarlles a atención que merecían", di o alcalde de Mitilene
Pola súa banda, o alcalde de Mitilene asegura que a súa estratexia apelou ao sentido común aínda que puidera afectar un chisco ao turismo. “Aquí chegaban miles de refuxiadas ao día e a miña responsabilidade era prestarlles a atención que merecían. Todos somos seres humanos e por moito que diga algunha xente, o máis importante é coidalas e respectalas”.
Cara a un novo paradigma turístico
Non é cuestionable que a chegada masiva de refuxiadas cambiou os mecanismos de funcionamento da illa. Polo de agora, o modelo económico é sustentable, mais un día as voluntarias e traballadoras relacionadas co ámbito da axuda humanitaria marcharán e Lesbos precisará dun novo plan. E como sempre pasa, o que a ollos de algunhas ten un gran impacto negativo para outras é unha oportunidade.
Nas vilas da illa, a maior parte da veciñanza quere pensar que todo o que aconteceu pode traerlles un futuro próspero. Algo así como a xustiza poética. Segundo Dimitris Mantzaris, membro local de Syriza. “Lesbos agora é coñecido mundialmente e recoñecido pola súa solidariedade. Temos a un motón de veciñas e veciños nominados aos premios Nobel da Paz. A xente sabe que somos hospitalarios e boa xente. Temos que aproveitalo e facer diso un efecto chamada para que o mundo nos veña a visitar e coñecer”.
“Lesbos agora é coñecido e recoñecido pola súa solidariedade. Temos que aproveitalo para que o mundo nos veña a visitar e coñecer”
Na actualidade xa existe algo diso. Unha boa parte dos turistas que se achegan a Lesbos veñen chamados pola boa fama e bo saber facer da xente. Peter Smith, turista británico afirma que chegou a Lesbos despois de seguir toda a situación das persoas refuxiadas. “Foi incrible como reaccionou esta xente. Sentín moita admiración por todas elas e por iso decidín vir pasar aquí as miñas vacacións. Precisaba comprobar de primeira man que esta solidariedade e hospitalidade eran reais”. Smith, que asegurou gozar co turismo de calidade, afirmou que vir a Lesbos foi a súa maneira de lle agradecer á veciñanza todo o que fixeron polas refuxiadas.
Lesbos debátese entre o modelo máis comercial de Mikonos ou un modelo máis responsable baseado na solidariedade e na calidade do servizo e do valor humano
Lesbos debátese agora entre o modelo máis comercial de illas como Mikonos ou Santorini ou un modelo máis responsable baseado na solidariedade e na calidade do servizo e o valor humano. Os paso que se desenvolvan nos próximos meses serán decisivos para ditaminar unha boa parte do futuro económico da illa.
Proxectos en marcha
Este novo modelo económico xa está sendo apoiado dende o exterior con iniciativas importantes como o estudo que o artista chino Ai Wei Wei abriu no mes de xaneiroi na illa. A idea do autor é realizar proxectos sobre temas relacionados coas persoas refuxiadas onde participaran el e o seu alumnado. Segundo o autor, a escolla da illa non foi fortuíta, senón que valorou a actitude dos habitantes da illa coas persoas refuxiadas ao igual que a súa tolerancia e axuda prestada.
Ai Wei Wei abriu un estudo de arte centrado nos refuxiados e un proxecto pretende crear obras cos miles de chalecos salvavidas que alí quedaron
Outra das ideas, que aínda se está a concretar, refírese á nova vida que se lle dará aos centos de miles de chalecos salvavidas que agora descansa nun prado preto da vila de Molybos. A idea é crear obras de arte con eles empregando técnicas que respecten o medio ambiente e así, que recorden a traxedia que tantas persoas tiveron que vivir escapando da guerra.