Aylan: un ano despois, 400 nenos máis afogados no Mediterráneo

Mural de Aylan Kurdi, nunha cidade alemá CC-BY-SA Frank C. Müller

LESBOS - Enviados especiais

Este venres cúmprese un ano da morte do cativo curdo de tres anos, Aylan Kurdi, nas costas turcas. A imaxe, que en poucas horas deu a volta ao mundo, non deixou indiferente a ninguén. A tranquilidade macabra enfrascada na fotografía axitou as conciencias de millóns de persoas e puxo no centro do bebate a inseguridade das persoas refuxiadas na súa tentativa de poñer rumbo ao exilio.

Con todo, 365 días despois, a realidade das desprazadas segue a ser totalmente crítica. Tras a ineficaz política de cotas de realoxo de refuxiadas desenvolvida pola UE a iniciativa de Merkel, Hollande e Juncker o pasado setembro, e após o acordo entre a UE e Turquía, cóntanse por miles o número de persoas que diariamente arriscan a vida no mar Mediterráneo para chegar a Europa.

Máis de 10.000 migrantes perderon a vida no Mediterráneo desde 2014; no último ano, máis de 400 menores morreron afogados

As cifras son demoledoras. Dende 2014, máis de 10.000 migrantes perderon a vida no Mediterráneo segundo o Alto Comisariado de Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR). Da mesma maneira, estímase que no último ano máis de 400 menores morreron afogados tentando chegar a Europa segundo a OING Save the Children.

 

Cambio nas políticas europeas de asilo

As refuxiadas están obrigadas a empregar vías ilegais como único mecanismo de chegada a Europa. A imposibilidade de solicitar asilo en terceiros países xunto coa inexistencia de corredores humanitarios que lles permitan chegar por vías legais e seguras, empúrranas a caer en mans de mafias de persoas como única alternativa. Isto implica que moitas embarcacións naufraxian debido á precariedade das propias lanchas máis tamén ao escaso coñecemento do funcionamento do mar das propias refuxiadas.

As refuxiadas están obrigadas a optar por vías ilegais pola imposibilidade de solicitar asilo ou a inexistencia de corredores humanitarios

Numerosas organizacións e partidos políticos veñen solicitando o cambio das políticas europeas de asilo para permitir que as persoas que foxen de guerras ou persecucións non se vexan na obriga de arriscar as súas vidas e caer en mans de mafias. Na actualidade, a UE establece que a solicitude de asilo só se pode realizar en territorio dos Estados membros. Así, os mecanismos de chegada sempre teñen unha natureza irregular e impulsan que as mafias poidan operan libremente.

No caso concreto das refuxiadas que proveñen de Siria, Iraq, Afganistán ou Paquistán, principalmente, unha medida que posibilitaría eliminar os riscos da travesía e acabar coas mafias que operan en Turquía sería, como defende o alcalde de Lesbos Spyros Galinos, “crear un pre-rexistro en Turquía de persoas solicitantes de asilo para despois ser trasladadas aos países europeos garantindo a súa seguridade”.

Refuxiados sirios chegan a Lesbos tras viaxar nunha barca inchable dende Turquía © ACNUR/A.McConnell

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.