Galego en Londres: descubrir Galicia nunha aula do Reino Unido

Galego en Londres © Galego en Londres

O galego é unha das máis de 300 linguas faladas en Londres, pero tamén integra a selecta minoría de idiomas que se poden aprender nunha escola na capital británica. En concreto, no colexio español Vicente Cañada Blanch, onde, xunto co que castelán, o galego é a única lingua peninsular para a que se imparte docencia.

O galego é unha das máis de 300 linguas faladas en Londres, pero tamén integra a selecta minoría de idiomas que se poden aprender nunha escola na capital británica

Nesta aula de galego naceu hai agora dez anos Galego en Londres, un innovador proxecto educativo que en xaneiro deste ano recibiu o Premio da Cultura Galega como recoñecemento polo traballo de proxección de Galicia que fai no Reino Unido.

A iniciativa naceu en 2010 case que por casualidade da man do profesor Xaime Varela. O que comezou sendo un simple perfil de Facebook a través do que comunicarse cos alumnos, co tempo converteuse nun punto de referencia de toda a comunidade galega na capital londinense.

Comecei poñéndolles os deberes polo Facebook e o que me sorprendeu é que ao cabo de pouco tempo comezou a solicitar amizade xente que vivía en Londres pero non tiña contacto co centro”, comenta Varela. O punto de inflexión chegou o día en que un usuario alleo á escola, preguntoulle se el tamén debía facer os deberes que estaba mandando aos seus estudantes. “Ese foi un día clave para min”, chancea.

A partir de aí, comezou a darlle voltas á idea de conectar aos seus alumnos con toda esa xente emigrada que interactuaba coa páxina, usando o galego como lingua vehicular.

Alumnado da aula de Galego do colexio Vicente Cañada Blanch de Londres, nunha visita a Galicia Dominio Público Xunta de Galicia

Máis alá de aprender gramática ou vocabulario, os alumnos contactan co galego a través das historias, contadas en primeira persoa, de emigrados nas illas, xa sexan bioquímicos, xornalistas ou xente do mundo do cinema.

A idea é tender unha ponte entre a aula e a comunidade galega en sentido amplo, tanto a que vive en Galicia como a do Reino Unido”, explica Begoña González, a profesora que dirixiu e o proxecto entre 2015 e o curso que rematou en verán deste ano.

Máis alá de aprender gramática ou vocabulario, os alumnos contactan co galego a través das historias, contadas en primeira persoa, de emigrados nas illas, xa sexan bioquímicos, xornalistas ou xente do mundo do cinema.

E non só emigrados. A aula de galego do Cañada Blanch foi nestes últimos anos un punto de parada obrigado para moitos artistas no seu paso polo Reino Unido. Por aló deixáronse ver figuras como Xabier Díaz, Sés, Luar na Lubre, Uxía Senlle ou Narf. “O que máis lles gustaba aos rapaces era a música tradicional”, apunta González.

Malia os obstáculos da pandemia, Galego en Londres e a aula de galego do Cañada Blanch inician este curso unha nova etapa cun novo profesor pero cun mesmo obxectivo: manter vivo o galego entre os máis novos nun verxel linguístico chamado Londres.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.