Galicia mobilízase contra o golpe de estado en Bolivia

Mobilización de apoio a Evo Morales, hai uns días © Telesur

Galicia mobilízase contra o golpe de estado en Bolivia que xa provocou a morte de 25 manifestantes a mans da Policía e do exército. Tras as concentracións impulsadas a pasada semana pola plataforma Mar de Lumes, este xoves están convocadas mobilizacións nas sete cidades. Ademais, vén de difundirse un manifesto asinado por un cento de activistas, intelectuais e profesionais galegos e galegas que rexeita a autoproclamación dun novo goberno da man do exército e que esixe unha reacción da comunidade internacional.

O manifesto rexeita "o recoñecemento do autoproclamado goberno Añez por parte dos EEUU, Brasil e a UE" e pídelle á Comunidade Internacional "que actúe de contado e deteña esta barbarie"

O texto sinala que "denunciar o xorne represor e ditatorial do golpe de estado en Bolivia, vén sendo hoxe un imperativo ético e, ao tempo, unha enérxica acción na defensa das liberdades e a soberanía dos pobos". Ademais, rexeita "o recoñecemento do autoproclamado goberno Añez por parte dos EEUU, Brasil e a UE" e pídelle á Comunidade Internacional "que actúe de contado e deteña esta barbarie".

O manifesto alerta de que "a realidade que se está a vivir en Bolivia, Ecuador, Chile, en Haití ou en Honduras retrotráenos á antesala dos peores tempos que se viviron naquela área do mundo, na década dos '70 e '80 do pasado s.XX, a partir dos pláns perpetrados desde a coñecida Escuela de las Américas".

A lista de asinantes do manifesto, publicado nas catro linguas oficiais no Estado, está encabezada polas sinaturas do escritor Xurxo Borrazás, o historiador andaluz José Antonio González Alcantud, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, o escritor Suso de Toro, o historiado Uxío Breogán Diéguez e o historiador Eliseo Fernández.

Unha das mobilizacións da plataforma 'Mar de Lumes' contra o golpe de estado en Bolivia, desenvolvidas a pasada semana CC-BY-SA Mar de Lumes

Este xoves distintas organizacións políticas, sociais e sindicais convocan concentracións de apoio ao pobo boliviano e para rexeitar o golpe de estado

Este xoves distintas organizacións políticas, sociais e sindicais convocan concentracións de apoio ao pobo boliviano e para rexeitar o golpe de estado. As convocatorias denuncian que "o presidente lexítimo, Evo Morales, foi forzado polas forzas armadas a deixar o poder" e que, ao tempo, "vulneráronse as normas legais para a sucesión, todo no medio dunha espiral de violencia e represión armada de calquera tipo de protesta".

Sinálase que "as elites sociais e económicas, así como a cúpula militar antiesquerdista, sempre se resistiron a ser gobernadas por un campesiño indíxena de orixes humildes", engadindo que "nos catorce anos de goberno de Morales, Bolivia conseguiu estabilidade, os seus mellores índices de crecemento, escolarización e acceso a servizos públicos e saúde, que nunca foron ben vistos polas devanditas elites".

Convocatorias: Xoves 21 ás 20.30

  • A Coruña: Obelisco
  • Ferrol: palco da música (Cantón)
  • Santiago de Compostela: praza de Cervantes
  • Lugo: diante do Concello
  • Ourense: praza Maior
  • Pontevedra: Subdelegación do Goberno
  • Vigo: praza da Princesa
  • Vilagarcía de Arousa: praza de Galicia
Este xoves están convocadas nas sete cidades galegas concentracións de denuncia do Golpe de Estado en Bolivia ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.