Skala Sikaminea, unha vila de Nobel

Skala Sikamineas, en Lesbos, un pobo de Nobel © Miguelanxo Lar / María Rúa

LESBOS - Enviados especiais

Skala Sikaminea, unha vila de 200 habitantes da illa de Lesbos, ten a maior densidade de persoas nominadas aos premios Nobel do planeta. A súa exemplar actuación durante a masiva chegada de refuxiadas ás súas costas, levou a que universidades de gran prestixio como Oxford e diversas institucións europeas candidatasen varias veciñas e veciños para os premios da academia noruega. Para o Nobel da Paz. 

A exemplar actuación dos veciños de Lesbos cos refuxiados levou a varias institucións a candidatar veciños para os Nobel

O verán de 2015 foi especialmente duro na costa da illa de Lesbos. As veciñas aínda recordan con certa dor no ollar as miles de persoas que chegaban diariamente ás praias e ao porto, máis tamén a todas esas que nunca chegaron e quedaron no mar. “Non había nada. Só estabamos a xente do pobo para axudarlles. Nin o goberno nin as ONGs. Até setembro aquí non chegou ninguén” apunta Stratis Nokolaou, membro local de Syriza.

O pobo Nobel organizouse de maneira espontánea para dar cobertura a unha boa parte das necesidades urxentes que tiñan as desprazadas unha vez cruzaban os 9 quilómetros que separan Turquía da costa de Lesbos. “Fixemos o que faría calquera persoa” apunta Thanasis Marmarinos, pescador local que durante o pasado verán estivo cinco meses sen poder faenar e axudou a chegar á costa a máis de 76 embarcacións neumáticas.

As avoas de Skala Sikaminea coidaban das crianzas e unha veciña comprou tres lavadoras para lavar a roupa das refuxiadas

Sen esperar recompensa ningunha, cada veciña escolleu un ámbito no que poder axudar as miles de persoas que chegaban á súa localidade. “Cada persoa tiña unha función. Temos unha veciña que até mercou tres lavadoras para poder lavarlle a roupa ás refuxiadas segundo ían chegando” afirma Nokolaou. “Outras como as tres famosas avoas de Skala Sikaminea atoparon que a mellor maneira de axudar a estas persoas coa súa avanzada idade era coidando e alimentando as crianzas que traían mentres elas cambiaban as roupas molladas que traían”, asegura.    

Os acontecementos do pasado verán moveron as conciencias dun pobo que até daqeula vivía sen sobresaltos da pesca e do turismo. Hoxe xa nada é igual. Toda a veciñanza olla a Turquía sabendo que, dun momento a outro, o mar que tanta riqueza lles dá pode volver traer as que foxen da guerra, mais sobre todo, pode quedar coas que nunca chegarán.

“Un premio Nobel non serve para nada. Para que o quero?; o único que queremos oé que acabe a guerra e que todo volva á normalidade"

Por iso, ainda que é fácil de percibir que as veciñas e veciños se senten orgullosas do comportamento colectivo que tiveron á hora de axudar ás máis vulnerables, paralelamente rexeitan recibir recoñecementos internacionais pola súa actitude. Entenden que a axuda prestada entra dentro da lóxica común de solidariedade do ser humano. Así, Thanasis Marmarinos ao ser preguntado por este xornal acerca da súa nominación aos premios Nobel, respondeu sen pensalo: “Un premio Nobel non serve para nada. Para que o quero? Até Kissinger e Obama teñen un”. Pola súa bada, Maritsa Mavrapidou, unha das tres avoas tamén nominada aos Nobel asegurou a Praza que “o único que queremos aquí é que remate a guerra e que todo volva á normalidade. Non queremos ver máis imaxes de horror.”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.