Syriza perde o goberno de Grecia fronte á dereita, que logra a absoluta

Tsipras, nun acto da campaña electoral deste 2019 CC-BY-SA Syriza

Fin da era Syriza. O ata agora primeiro ministro de Grecia, Alexis Tsipras, admitiu sen demora a derrota e avisou que se quere preparar para volver. Tsipras compareceu ante os medios -sen preguntas- no palacio de Zappeion, en Atenas, dúas horas e media despois do peche dos colexios, cando o escrutinio estaba ao 60% e a vitoria da dereita de Nova Democracia era incontestable.

Tsipras: "Temos que respectar o desexo da xente, non vou imitar os meus predecesores"

"Contactei con Mitsotakis para felicitalo. O cambio de poder é natural", recoñeceu Tsipras: "Temos que respectar o desexo da xente, non vou imitar aos meus predecesores, vou dar a benvida a Kyriakos Mitsotakis este luns no palacio Maximus [residencia do primeiro ministro grego] para facer o traspaso de poder".

A dereita conseguiu a maioría absoluta, co 39,6% dos votos, mentres que Syriza queda nun 31,5%. Os datos tamén auguran a entrada no Parlamento grego de Yanis Varoufakis, o mantemento do KKE e un retroceso para os neonazis de Aurora Dourada.

Tsipras lanzou un aviso: "Espero que no regreso de Nova Democracia non sexa unha oportunidade para vingarse, non vaian contra o que conquistou a xente. Syriza estará aquí para facer oposición".

Mitsotakis, líder de Nova Democracia e gañador das eleccións © ND

"Recibimos un país en bancarrota, coas arcas públicas baleiras e gran parte da poboación na pobreza"

O líder de Syriza recoñece que este catro anos de Goberno foron "nun momento moi difícil. Quizá non sabiamos o risco, pero criamos no poder da nosa xente, coa cabeza alta. Recibimos un país en bancarrota, coas arcas públicas baleiras e gran parte da poboación na pobreza. Hoxe temos superávit, crecemento, con xuros máis baixos e un país respectado internacionalmente. Para conseguilo tivemos que tomar decisións difíciles, cun custo caro".

"Hoxe Nova Democracia gañou claramente", recoñeceu Tsipras: "O resultado non é unha derrota estratéxica para Syriza, imos loitar duramente para que esta derrota sexa só temporal. Syriza veu de partido protesta cun 4% a gobernar no momento máis difícil da nosa historia desde a ditadura. Votounos un 35% [en setembro de 2015] para parar os desastres da austeridade e os memorandos. Creo que fixemos bo uso dese voto, conseguimos o que queriamos, facer avanzar ao país".

"Syriza veu de partido protesta cun 4% a gobernar no momento máis difícil da nosa historia dende a ditadura. Farei todo o posible para transformar Syriza nun gran movemento progresista"

Parte da autocrítica de Tsipras veu das dificultades para reforzar a Syriza como partido estes anos: "Porque estabamos comprometidos con este obxectivo, fomos incapaces de facer crecer o partido, e converter aos votantes en simpatizantes. Isto é probablemente unha parte da nosa derrota".

"Hoxe ficamos a catro puntos do noso triunfo de 2015; hoxe recibimos un mandato para cambiar o partido, para construír un movemento de esquerdas, con raíces e na xente traballadora. Farei todo o posible para transformar Syriza nun gran movemento progresista e democrático para este país", anunciou Tsipras.

O primeiro ministro grego saínte anunciou: "Imos seguir aquí para protexer os intereses da xente traballadora, imos facer unha oposición activa, para defender o que conseguimos e os dereitos da xente e os valores. Ímonos preparar para ser máis maduros e fortes para cando volvamos ao goberno".

"Hoxe", concluíu Tsipras, "remata un ciclo difícil, imos mirar e avaliar o que fixemos ben e mal, non vou negar a miña responsabilidade, nunca o fixen. Hai que facelo para mirar ao futuro, facer cambios para avanzar máis fortes que nunca. Aprendín a loitar e traballar duro, quen non loita e non traballa duro non comete erros. Os que loitan cometen erros e acertan, pero érguense cando caen. Mañá estaremos aquí, presentes". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.