• Entrevista | Iván López-Díaz
  • Mundo

"Tras a derrota da primeira volta Lula convenceuse de que había que traballar doutra forma nas redes"

Lula da Silva, nun dos últimos actos da campaña electoral © Lula

Lula da Silva consumou este domingo unha remontada histórica e derrotou a Flávio Bolsonaro nas eleccións á Presidencia do Brasil. Pasou de perder por máis de dous millóns de votos na primeira volta a gañar por 4,5 millóns no segundo turno. Con todo en contra foi quen de mobilizar de novo o seu electorado, especialmente da rexión nordeste e nas grandes áreas urbanas e de aproveitar tamén o rexeitamento que xeraba a figura de Bolsonaro e a extrema-dereita.

A comunicación dixital e nas redes sociais foi fundamental nesta mobilización, emerxendo a figura de André Janones nunha nova maneira de facer comunicación política que aproveita as peores características do algoritmo e das grandes plataformas. Falamos con Iván López-Díaz, doutorando da Universidade Autónoma de Madrid e colaborador do IGADI, sobre as claves do resultado e as consecuencias que a vitoria da esquerda pode ter na política do país nos vindeiros anos.

"Hai un aspecto que Lula sempre ignorara bastante, que é a comunicación dixital, que en América Latina é cada vez máis importante. E máis en Brasil despois do conflito que Lula tivo con Twitter e das sospeitas de que Meta estaba a favorecer a Bolsonaro"

Que pasou nesta segunda volta para que, contra os prognósticos iniciais, Lula fose quen de darlle a volta aos resultados do primeiro turno?

Hai que lembrar que despois da primeira volta saíu Lula a falar afirmando que os resultados eran moi negativos. Eran certamente inesperados, ademais, se ves como foran evolucionando as enquisas dos últimos meses, pois a comezos de ano falábase mesmo de que Lula ía gañar en primeira volta. Trala derrota da primeira volta Lula convenceuse nese momento de que había que traballar doutra forma nas redes. Hai un aspecto que Lula sempre ignorara bastante, que é a comunicación dixital, que en América Latina é cada vez máis importante. E máis en Brasil despois do conflito que Lula tivo con Twitter e das sospeitas de que Meta estaba a favorecer a Bolsonaro. Aínda agora se buscas Lula en Instagram, non che aparece o seu perfil e en cambio ti podes poñer Flabio con b e mesmo así aparéceche o perfil de Flávio Bolsonaro. 

Un dos últimos actos da campaña electoral de Lula da Silva © Lula

"André Janones creou este exército dixital de Lula que en dúas semanas mobilizou a 10 millóns de persoas, conformando unha gran plataforma na rede para poder mobilizarse e trasladar a súa mensaxe, que creo que era moi potente: que se non se votaba gañaba Bolsonaro, que a democracia está en perigo"

Déronse conta de que todo iso estaba afectando á campaña, de que as mensaxes de Bolsonaro estaban chegando máis á poboación e de que era necesario cambiar a estratexia e concentrarse nisto. Un dos seus deputados, André Janones, creou este exército dixital de Lula que en dúas semanas mobilizou a 10 millóns de persoas, conformando unha gran plataforma na rede para poder mobilizarse e trasladar a súa mensaxe, que creo que era moi potente: que se non se votaba gañaba Bolsonaro, que a democracia está en perigo. 

A este respecto hai que dicir que en Brasil hai un gran antipetismo, moita xente que rexeita ao PT e a Lula, pero tamén hai un gran antibolsonarismo. Isto provocou que unha vez que remata a primeira volta, moitos dos partidos que quedaron fóra do segundo turno pediron o voto para Bolsonaro, pero a realidade foi que eses votantes non apoiaron a Bolsonaro, senón a Lula, debido a ese sentimento antibolsonarista tan estendido. Este foi un dos factores da vitoria de Lula

"Brasil está no seu mellor momento histórico a nivel económico, ten a taxa de paro máis baixa da historia e hai un gran nivel de aprobación ao Goberno a nivel económico. Creo que é por iso que non produciu o voto de castigo ao Goberno que si se está vendo en case todas as eleccións en América nos últimos anos"

Lula foi quen de mobilizar máis que na primeira volta?

Si, o outro gran factor foi a gran mobilización que houbo: a abstención baixou dun 21% a un 19%, houbo uns tres millóns de votos máis. Foi a maior caída da abstención dunha primeira a unha segunda volta da historia, pois o habitual é o contrario, que a abstención aumente no segundo turno. O outro factor foi a especial mobilización que houbo no Nordeste. De igual xeito, o feito de que o estado de Minas Gerais, no que Bolsonaro gañara a primeira volta, agora deu unha maioría para Lula.

Tamén tiveron impacto os debates e moitos dos clips coas intervencións de Lula viralizáronse moito, como aquela na que di que quería que o votasen todos os presos, incluído Jair Bolsonaro e, sobre todo, a súa resposta cando Bolsonaro lle chama novededos.

E, ademais, hai que dicir unha cousa: Brasil está no seu mellor momento histórico a nivel económico, a compoñente económica é fundamental e Brasil ten a taxa de paro máis baixa da historia e hai un gran nivel de aprobación ao Goberno a nivel económico. Creo que é por iso que non produciu o voto de castigo ao Goberno que si se está vendo en case todas as eleccións en América nos últimos anos.

Lula da Silva celebra a vitoria con André Janones © Lula

"Estamos vivindo un xiro á dereita en América, como xa sucedeu outras veces, pero desta volta coa novidade do ascenso da ultradereita e da aparición destes líderes de carácter outsider. Agora esta vitoria de Lula nun país da importancia de Brasil convértese nun muro de contención ante este avance da extrema dereita"

En América Latina estase producindo un xiro á dereita nos últimos anos que esta vitoria de Lula frea. O feito de que Lula continúe no poder entendo que fai esperar que non se produzan grandes cambios nas súas relacións con Estados Unidos, con China, a súa participación nos BRICS..., non si?

Dende logo estamos vivindo un xiro á dereita en América, como xa sucedeu outras veces, pero desta volta coa novidade do ascenso da ultradereita e da aparición destes líderes de carácter outsider. Agora esta vitoria de Lula nun país da importancia de Brasil convértese nun muro de contención ante este avance da extrema dereita na rexión. Os países do resto de Sudamérica necesitan ter unha relación con Brasil porque é o motor económico da rexión. E, de feito, todos os gobernantes felicitaron inmediatamente a Lula e recoñeceron o seu triunfo, coa única excepción do arxentino Milei, que a día de hoxe aínda non o fixo e nin sequera acepta que Bolsonaro perdera as eleccións.

"A xestión de Lula vai ser complicada esta xestión, ao igual que o foi nestes últimos catro anos, aínda que é verdade que agora as cámaras están máis xiradas á dereita. Pero Lula sempre chegou a acordos"

Lula vai seguir sendo o presidente, pero vai ter que gobernar cunhas cámaras máis viradas á dereita. Vai ser difícil a súa xestión?

Sí, vai ser complicada esta xestión, pero igual que o foi nestes últimos catro anos, aínda que é verdade que agora as cámaras están máis xiradas á dereita. O que pasa é que dentro deste bloque de dereita ata certo punto desexábase unha derrota de Bolsonaro. Vían que a familia Bolsonaro ten poder de convocatoria, pero ten aínda máis poder de desconvocatoria. 

E esta derrota vai ser aproveitada nas seguintes eleccións por parte do centrodereita brasileiro, pois xa houbera críticas a que se colocara como líder a Bolsonaro. O gobernador de São Paulo, Tacísio de Freitas pode ser o próximo líder desta dereita, porque o bolsonarismo vai perder moito poder, aínda que aí segue Michelle Bolsonaro. Eu creo que a dereita decidiu facer un último intento cos Bolsonaro e que agora déronse xa de conta de deben redixirse cara a outros liderados. [A entrevista realizouse antes da fuga de Flávio Bolsonaro aos Estados Unidos]

Sobre a relación coas cámaras, Lula sempre chegou a acordos. Ao final as cámaras brasileiras funcionan moito a nivel persoal e non tanto como conglomerados de partidos e iso axuda a que Lula poida chegar a acordos, como xa veu facendo ata agora coas opcións máis de centro.

Resultado da segunda volta da eleccións presidenciais brasileiras, por estado CC-BY-SA Danielmoreno4774

"Esta derrota vai ser aproveitada nas seguintes eleccións por parte do centrodereita brasileiro. O gobernador de São Paulo, Tacísio de Freitas pode ser o próximo líder desta dereita, porque o bolsonarismo vai perder moito poder"

Falas dunha recomposición no bloque da dereita, con menos influencia para a famlia Bolsonaro. Pero na esquerda tamén se debe elixir un novo liderado, porque Lula ten xa 81 anos e, ademais, non se pode volver presentar á Presidencia. Como vai ser este proceso?

No caso da esquerda non teño unha previsión tan clara de que ocorrerá. Por unha parte, como comentas, Lula fai agora 81 anos e dentro de catro terá 85 e nin sequera se pode presentar. Polo tanto débese buscar a alguén novo para que lidere o PT. A rexión nordeste é a que vai ter a última palabra, pois é onde o PT ten un maior caladoiro de voto e creo que de aí sairá o novo líder do Partido dos Trabalhadores. Se cadra buscan unha opción máis moderada, procurando aumentar a súa votación polo centro. Estas eleccións foron unha pelexa entre Lula e Bolsonaro, pero nas seguintes eleccións van desaparecer estes liderados tan rupturistas dentro da sociedade e por iso creo que tanto a dereita como a esquerda van tentar abrir máis os seus brazos para chegar a novos caladoiros de votos

Toda América está moi polarizada: as opcións que se presentan buscan cada unha un extremo e non semella haber nada no medio, pero creo que chega un momento en que a sociedade cansa destes discursos e destas fracturas sociais e volverá atoparse nun punto máis central.

"A min paréceme que, gañe quen gañe, e independentemente do modelo de país que se defenda, a defensa da democracia é fundamental. E esa tendencia que semella existir na dereita brasileira a non recoñecer os resultados electorais debería mudar"

Nesta noite electoral Bolsonaro fixo un amago de non recoñecer, unha vez máis, o triunfo de Lula e ameazou con solicitar xudicialmente a anulación dos comicios, aínda que finalmente si asumiu o resultado e a súa derrota. Como valoras este movemento?

A dereita brasileira dixo que as eleccións gañadas por Dilma foron unha fraude, cando perdeu Bolsonaro pai volveron dicir que houbera fraude, agora volven dicir o mesmo. Levan moitos anos, cada vez que perden, dicindo que todo é unha fraude. A min paréceme que, gañe quen gañe, e independentemente do modelo de país que se defenda, a defensa da democracia é fundamental. E esa tendencia que semella existir na dereita brasileira a non recoñecer os resultados electorais debería mudar.

Eu creo que desta volta a maior parte dos grupos de dereita no Brasil, que si recoñeceron o resultado inmediatamente, fixeron a análise de que non ten ningún sentido facer este tipo de afirmacións. E creo que é o camiño que van seguir: máis cara ao centro e desconectados de Bolsonaro.

Iván López Díaz © Fundación Carolina
Lula da Silva, cun exemplar da Constitución brasileira © Lula
Lula da Silva sostén un cartel nun dos últimos actos da campaña electoral © Lula

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.