Uruguai, único país da diáspora en iberoamérica liberado de restricións de entrada á UE polo coronavirus

Unha das sedes do Centro Gallego de Montevideo © Centro Gallego de Montevideo

O Ministerio do Interior publica no BOE o listado de estados a cuxos residentes levanta a prohibición de entrada e as excepcións previstas para o resto

Tras abrirse este mércores por completo a fronteira con Portugal, último estado comunitario co que aínda se mantiñan restricións de mobilidade polo coronavirus, o Ministerio do Interior publica este venres no Boletín Oficial del Estado (BOE) unha orde coa que fai oficial a decisión conxunta da UE de a que “terceiros países” alleos a ela levantar as restricións fronteirizas de entrada, así como a flexibilización das excepcións para o resto de estados. No listado de 15 países aos que se levantan as restricións fronteirizas só aparece un, Uruguai, dos moitos iberoamericanos con ampla presenza de diáspora galega, que en todo caso podería beneficiarse dalgunhas das excepcións previstas para o resto de estados.

O listado de “terceiros países” países liberados de restricións é este: Alxeria, Australia, Canadá, Xeorxia, Xapón, Montenegro, Marrocos, Nova Zelandia, Ruanda, Serbia, Corea do Sur, Tailandia, Tunisia, Uruguai e China.

Estados liberados de restricións fronteirizas de entrada á UE © BOE

O BOE sinala que ao falar de “terceiros países” nestes países “a referencia debe entenderse feita á residencia neles, non á posesión da nacionalidade deses países”, pero tamén aclara que as restricións de entrada á UE que persisten non afectan a “os cidadáns da UE e os seus familiares, e os demais beneficiarios do dereito á libre circulación”.

A emigración galega noutros estados podería beneficiarse dalgunha das excepcións previstas 

Para que non teña cidadanía da UE nin viaxe cun cidadán comunitario sendo á vez familiar del, o BOE flexibiliza igualmente as excepcións para permitir a entrada, facilitando que tamén o poidan facer, entre outras, “persoas que viaxen por motivos familiares imperativos debidamente acreditados”, “persoas que acrediten documentalmente motivos de forza maior ou situación de necesidade, ou cuxa entrada se permita por motivos humanitarios”, traballadores ou estudantes con permiso ou visado.

Interior advirte que “o levantamento de restricións non se debe considerar de efecto inmediato, senón que se someterá a criterios de progresividade e reciprocidade”, isto é, que o outro estado permita o acceso á cidadanía europea en similares condicións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.