Vigo, primeira escala europea da "travesía pola vida" do Exército Zapatista

Militantes zapatistas a bordo do barco CC-BY-NC-SA http://enlacezapatista.ezln.org.mx/

A delegación, formada por sete zapatistas, ten previsto realizar unha xira por unha vintena de países

Unha delegación do Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) partiu este domingo da costa mexicana nun barco veleiro (La Montaña) en dirección a Europa, onde os e as sete zapatistas realizarán unha xira por unha vintena de países, dende Francia a Rusia, pasando por Suecia, Grecia, Italia ou Alemaña, onde serán recibidos por grupos anticapitalistas. O primeiro punto do continente europeo ao que chegará o barco será Galicia e Vigo será a primeira parada da xira, ao redor do 13 de agosto.

Nun recente comunicado, o Subcomandante Galeano (anteriormente coñecido como Subcomandante Marcos) explicou que "se non se pode desembarcar, sexa pola COVID, migración, franca discriminación, chovinismo..." dende o barco despregarase unha gran faixa que diga "Espertade!". "Agardaremos a ver se alguén le a mensaxe e logo outro tanto a ver se, en efecto, esperta; e outro tanto máis a ver se fai algo", engade. 

Afirman que se non logran desembarcar en Vigo, despregarán unha gran faixa que pon 'Espertade'. Pero que se desembarcan e logran "abrazar coa palabra a quen alá loitan, resisten e se rebelan", haberá "festa, baile, cancións, e cumbias" 

Con todo, o texto apunta tamén que "se logramos desembarcar e abrazar coa palabra a quen alá loitan, resisten e se rebelan, entón haberá festa, baile, cancións, e cumbias e cadeiras estremecerán chans e ceos distantes entre si. E, en ambos os lados do océano, unha mensaxe breve alagará todo o espectro electromagnético, o ciberespazo e eco será nos corazóns: a invasión comezou". 

A xira xoga co concepto de invasión ou de descuberta á inversa, 500 anos despois da realizada pola Coroa de Castela e, en xeral, polos europeos ao continente americano. Antes de embarcar en Isla Mujeres, este domingo, a delegación percorreu mil quilómetros polas selvas de Chiapas, no que foi o inicio dunha autodenominada "travesía pola vida" que ten "moito de desafío e nada de reproche".

O veleiro "La Montaña" CC-BY-NC-SA http://enlacezapatista.ezln.org.mx/

“Iremos a dicirlle ao pobo de España dúas cousas sinxelas. Un: Que non nos conquistaron; que seguimos en resistencia e rebeldía. Dous: Que non teñen por que pedir que lles perdoemos nada"

“Iremos a dicirlle ao pobo de España dúas cousas sinxelas. Un: Que non nos conquistaron; que seguimos en resistencia e rebeldía. Dous: Que non teñen por que pedir que lles perdoemos nada", sinalan os zapatistas nunha nota que afonda no enfrontamento que manteñen co presidente mexicano Andrés Manuel López Obrador, que esixiu que os pobos europeos que colonizaron o continente americano piden perdón polo saqueo da conquista.

A xira europea dos zapatistas levaraos por varios países do continente CC-BY-NC-SA @zapatistaorg

O barco foi despedido polo Subcomandante Moisés, que no ano 2013 se converteu no voceiro do EZLN

Os e as sete integrantes da delegación, con experiencia na navegación, tiveron que realizar unha corentena previa para asegurar estar libres de COVID. O barco foi despedido polo Subcomandante Moisés, que no ano 2013 se converteu no voceiro do EZLN. Moisés sinalou: "queremos aprender máis como son eses outros mundos, queremos escoitar, queremos compartir, queremos saber como é, para que poidamos aprender. Cremos que hai xente en Europa coa que podemos entendernos e por iso imos".

Zapatista dirixindo o barco CC-BY-NC-SA http://enlacezapatista.ezln.org.mx/

O derradeiro comunicado do EZLN, asinado por El Gato-Perro, péchase cuns versos en galego

O derradeiro comunicado do EZLN, asinado por El Gato-Perro péchase cuns versos en galego (procedentes do poema de Xabier Cordal musicado por Luar na Lubre en 'Memoria da Noite'): "Volverei, volverei á vida/ cando rompa a luz nos cons/ porque nós arrancamos todo o orgullo do mar/ non nos afundiremos nunca máis/ que na túa memoria xa non hai volta atrás/non nos humillaredes NUNCA MÁIS”. E o texto conclúe "Al oriente, muy lejos, las olas en las costas de Galicia repetían; “nunca máis”.

Asemblea de despedida á delegación marítima zapatista CC-BY-NC-SA http://enlacezapatista.ezln.org.mx/
Cartel da expedición zapatista a Europa © @zapatistaorg

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.