"Temos que traballar xuntos para ser unha Igrexa que tende pontes de diálogo", di León XIV
"Habemus papam". Robert Francis Prevost Martínez, León XIV, é o novo papa, bispo de Roma e soberano do Estado Vaticano.
O nome do sucesor de Pedro número 267 foi anunciado este xoves tras a cuarta votación dos cardeais reunidos no conclave na Capela Sistina desde o mércores. É o primeiro pontífice da orde dos agustinos e formaba parte da Curia romana.
O cardeal Dominique Mamberti foi o encargado de anunciar en latín a identidade do elixido dende o balcón da basílica de San Pedro ante máis de 50.000 persoas na Praza de San Pedro do Vaticano, blindada por seguridade desde que comezou o conclave.
Pasou máis dunha hora desde que o fume branco apareceu no ceo de Roma, mentres as papeletas da votación foron queimadas e o novo papa trasladouse da Capela Sistina á chamada Sala das bágoas para vestirse antes de presentarse ao mundo, visiblemente emocionado durante o seu primeiro discurso.
Os 133 cardeais electores precisaron catro votacións para acordar a elección deste papa, nun procedemento áxil que lembrou ao que escolleu a Francisco. Esta escolla precisou de mínimo dous terzos dos votos, un total de 89. Foi ás 18 horas e sete minutos cando comezou a saír a fumeira branca pola cheminea instalada no exterior de San Pedro. Hai tres días que se colocaron as cortinas no balcón, que se abriron para recibir ao novo cabeza da Igrexa católica no mundo.
Robert Francis Prevost Martínez é o primeiro papa estadounidense
Nas súas primeiras palabras, León XIV agredeceu a Francisco que tendese pontes na Igrexa durante os seus trece anos como papa. "Temos que traballar xuntos para ser unha Igrexa que tende pontes de diálogo", asegurou, para engadir que "a Igrexa ten que buscar sempre a paz" e "estar ao lado de quen sofre". En español, fixo referencia á diócese de Perú coa que traballou en diversas ocasións. Seguindo o camiño de Francisco, tamén fixo referencia a que a Igrexa ten que acoller a "todos".
Robert Francis Prevost Martínez é o primeiro papa estadounidense, naceu en Chicago o 14 de setembro de 1955. Ten ascendencia española por parte materna e italiana e francesa por parte paterna. No ano 2015 obtivo a nacionalidade peruana. Fala inglés, español, italiano, francés e portugués. Ingresou na orde de San Agustín en 1977.
En 2015 o papa Francisco nomeouno bispo de Chicago, entre 2018 e xaneiro de 2023 foi vicepresidente segundo da Conferencia Episcopal Peruana. En setembro de 2023 Francisco outorgoulle a condición de cardeal. Optou por seguir o nome papal de León XIII, impulsor da doutrina social da Igrexa.
León XIV celebrará a súa primeira misa ao día seguinte de converterse en papa
Este mesmo venres, León XIV celebrará a súa primeira misa. Entre os retos que ten por diante o novo pontífice está o de seguir achegando a Igrexa católica aos fieis de todos os países, que foi unha das principais ocupacións de Francisco. O contexto xeopolítico e as guerras, en concreto as que se viven en Gaza e na Ucraína, estiveron moi presentes no papado que rematou o pasado 21 de abril co falecemento de Jorge Mario Bergoglio.
Francisco acometeu tarefas como a reforma da Curia romana, os órganos de goberno da Santa Sé. E, sobre todo, introduciu novos controis e rigor económico no Vaticano, o que lle xerou máis inimizades que as súas consideracións en ámbitos doutrinais ou morais, caso de abrirse á bendición a parellas homosexuais ou censurar abertamente a explotación laboral mentres priorizaba as viaxes aos lugares máis desfavorecidos por riba de visitas a países ricos.