Dende 2015 o xardín do Concello de París se chama Jardin des Combattants-de-la-Nueve e é un lugar de constantes actos e peregrinacións memorialistas de antifascistas solidarios
A Asociación 24 de agosto de 1944 foi creada en París no ano 2013 por descendentes de exiliados republicanos españois co obxectivo de “promover e cultivar a memoria histórica (escrita, gravada, iconográfica, artística, etc.) da Liberación de París en 1944 vinculando esta celebración á participación dos antifascistas españois”, pois, como é sabido, a loita contra o fascismo que comezou en España o 19 de xullo de 1936 tivo heroica continuación noutros lugares de Europa e de África durante a Segunda Guerra Mundial. O seu nome oficial completo é Association 24 août 1944 - La Nueve, en alusión á 9.ª Compañía da 2.ª División Blindada da Francia Libre, coñecida como División Leclerc polo apelido do seu xeneral en xefe.
Dela formaron parte uns 150 republicanos españois liderados polo capitán Dronne, maioritariamente anarquistas, que foron os primeiros aliados en tomar París e por tanto aos que se renderon oficialmente os nazis na Casa do Concello da capital. Por isto, dende 2015 o xardín do Concello de París se chama Jardin des Combattants-de-la-Nueve e é un lugar de constantes actos e peregrinacións memorialistas de antifascistas solidarios, como tamén o é o moi próximo Jardin Federico García Lorca que se encontra á beira do río Sena.
Dende a súa fundación, dita asociación vén promovendo investigacións, publicacións, debates, exposicións, producións e exhibicións de películas e actos festivos e conmemorativos. Unha destas conmemoracións, realizada en colaboración coa Association de Parents de Familles Espagnoles Emigrées en France, sección de Charente, tivo lugar o pasado 5 de maio de 2025 diante do monumento levantado en 1969 pola Federación Española de Deportados e Internados Políticos (FEDIP) no cemiterio Père-Lachaise en homenaxe aos republicanos españois internados nos campos nazis. A data escolleuse por ser a do 80 aniversario da liberación do campo de exterminio de Mauthausen-Gusen, coñecido como Campo dos Españois porque nel foron internados milleiros de exiliados do franquismo, cos que realmente se inaugurou contando coa súa forzosa man de obra este terrible recinto concentracionario xa en 1940.
Unha destas conmemoracións tivo lugar o pasado 5 de maio de 2025 diante do monumento levantado en 1969 pola Federación Española de Deportados e Internados Políticos (FEDIP) no cemiterio Père-Lachaise en homenaxe aos republicanos españois internados nos campos nazis
O longo e concorrido evento comezou cunha manifestación polo cemiterio iniciada na estación de Metro Gambetta da Rue des Rondeaux, na que abundaron as bandeiras republicanas e as da CNT, comparecendo tamén a senyera catalá, a ikurriña vasca e a azuralba galega. No cortexo participaron numerosos veteranos do exilio e da emigración, pero así mesmo membros de institucións civís españolas e francesas e un bo número de docentes e discentes de centros do ensino público en París.
Presentou o acto o sempre acolledor Henri Salou en nome da organización do evento e dando inicialmente a palabra ao concelleiro delegado da memoria e dos antigos combatentes do distrito 20 de París, o solidario Hamidou Samaké, quen se mostrou moi comprometido coa memoria dos deportados e coa defensa dos dereitos humanos; á eficiente presidenta da Association 24 août 1944, Véronique Salou Olivares, filla dun membro da Columna Durruti deportado a Mauthausen, quen ofreceu un xusto e cabal discurso memorialista contra o esquecemento, o negacionismo e o fascismo; á anciá testemuña do internamento no campo de Les Alliers, en Angulema, Conchita Pragout Gutiérrez, cuxa intervención resultou especialmente emotiva para un público entregado política e sentimentalmente á causa da liberdade, e ao emocionado presidente da Association de Parents de Familles Espagnoles Emigrées en France, sección de Charente, Gregorio Lázaro, fillo de refuxiados que terminou lembrando ao seu tío deportado a Mauthausen e pronunciando a histórica consigna “No pasarán”.
Eu mesmo lin en galego o meu poema “Un minuto de silencio (O mal nunca é banal)”, centrado nos padecementos provocados pola barbarie nazi nos campos de exterminio de Mauthausen e Gusen, alternando cada estrofa coa súa lectura en francés por parte da galicista e memorialista do exilio en Francia María Lopo
A continuación tivo lugar a lectura de poesía a cargo de estudantado presente dirixido polos seus implicados profesores. O alumnado do Collège Pierre Alviset (que leva o nome dun estudante resistente cristián executado polos nazis), dirixido polo seu profesor Christophe Linuesa, leu textos en castelán dun poeta deportado a Mauthausen, Antonio Aznar Pomares, e doutro asasinado polo fascismo español, Federico García Lorca. O alumnado do Lycée Henri Bergson, presentado pola súa profesora Ana Botella Sorribes, leu versos en castelán de Paca Aguirre (exiliada e filla de executado polo fascismo español) e cantou, tocou e danzou a contestataria canción en catalán “Al vent” do cantautor valenciano Raimon. O alumnado do Microlycée Jean Macé de Vitry, coordinado pola súa profesora Begoña Maceiras, leu un poema en castelán do interno en Mauthausen Pepe Perlado e un resumo da espectacular evasión de presos rusos do Bloque 20 de dito campo, a maioría dos cales foron abatidos despois por civís e militares nunha asañada cacería humana. Ademais, os docentes Étienne Roch-Meyrand e Rosa Idarraga, leron, respectivamente, un poema orixinal en catalán e outro traducido ao éuscaro escritos en Mauthausen por outros dous presos, o primeiro de nome descoñecido e o segundo o murciano Antonio Hernández Marín.
Despois, eu mesmo lin en galego o meu poema “Un minuto de silencio (O mal nunca é banal)”, centrado nos padecementos provocados pola barbarie nazi nos campos de exterminio de Mauthausen e Gusen, alternando cada estrofa coa súa lectura en francés por parte da galicista e memorialista do exilio en Francia María Lopo, tradutora do poema en colaboración con Claudine Allende Santa Cruz, memorialista e filla de deportado que naceu no posterior exilio deste en Bretaña. A miña intención foi a de resumir canto lin, escoitei e vin en numerosos libros, filmes e actos conmemorativos para cifrar nun poema todo o horror causado alí polo nazismo, pero poñendo en evidencia as motivacións económicas e sociais de tan cruel política xenocida.
No resume da web da asociación organizadora pode lerse que “O público vibrou ao escoitar estas palabras, tan verdadeiras como cálidas. O mal nunca é banal, pero o ben tampouco! Isto é o que aprendemos e meditamos mentres Claudio e María nos presentan todas as afirmacións do mal absoluto!”
Tal aproximación integral cumpriu o seu obxectivo ao xeneroso dicir dos membros das asociacións organizadoras e das institucións representadas, así como doutras significativas persoas alí presentes, como a cineasta Maggie Perlado, filla do deportado a Mauthausen Pepe Perlado; como os docentes colaboradores no evento ou como entrañables e irredutibles descendentes do exilio anarquista (Ángel Carballeira, Alba Marcellan) e do exilio comunista (Palmyre Ros, Enrique Burgaleta). No resume da web da asociación organizadora pode lerse que “O público vibrou ao escoitar estas palabras, tan verdadeiras como cálidas. O mal nunca é banal, pero o ben tampouco! Isto é o que aprendemos e meditamos mentres Claudio e María nos presentan todas as afirmacións do mal absoluto!”
A masiva difusión do vídeo e dos textos por Internet agregou o entusiasta agradecemento de descendentes de deportados (como a propia co-tradutora do poema Claudine Allende Santa Cruz, quen se ocupou do evento na web da asociación Mémoire de l'exil républicain espagnol dans le Finistère, MERE 29) e doutros dignos fillos do exilio (Jean Sala Pala, Blanca Campos, Rose-Marie Serrano, Marie-Blanche Requejo, Manuela Parra Serrault, Diana Conchado), algúns dos cales me emocionaron pola fraternal empatía humanista que compartimos. Houbo tamén boa recepción da comunidade xudía en Europa (dende París a filla de exiliados rusos Natacha Lévy) e en América (dende Texas a libertaria Lily Litvak, filla de ucraíno e mexicana), así como algún estudoso dunha vítima do seu holocausto (Antonio Pombo Sánchez, experto no inmolado educador Janusz Korczak).
Solidarios así mesmo foron moitos apoios, debidos a persoas relacionadas coa creación e coa investigación e chegados da memoria familiar republicana (Santiago Lamas, Irene Doval Reija), da órbita anarquista (Javier Valle-Inclán Alsina, Antonio Orihuela, Felip Equy, Eduard Masjuan, Miguel Ángel Revaldería Becerra, Roberto Pérez Domínguez), do asociacionismo memorialista (José María Ade, Marisa Padrón Guede, Carmen García-Rodeja, Xosé Lois Losada Ruiz, Memoria Celanova), do ensino comprometido (Isabel Becerra Castro, Marianne Equy, Encarna Otero, Lourdes Lorenzo, Isabelle Kerdudo, Leo Luceri, David Ferrer Revull), da tradución intercultural (Adina Ioana Vladu, Rocío Moriones) e da escena musical e teatral (Eduardo Gattinoni e Clemy Gerez dende a República Arxentina).
Ademais dalgunhas das persoas xa citadas, de Galicia chegou tamén a solidariedade expresa doutras relacionadas coa arte (José Manuel Bouzas, Sara Lamas), coa música (Pilocha, Luís Vila Pillado, César Morán, Susana de Lorenzo), co cine (Manuel Curiel), co xornalismo (Tonina Gay), co ecoloxismo (Adela Figueroa Panisse) e coa literatura (Santiago Lopo), dende o acordo total da escritora Carmen Blanco (“Magnífico e positivamente emocionante contra o Poder Político do Mal”) á comprensión integral da poeta Olga Novo (“Parabéns polo BEN”).
O poema comeza presentando o contexto histórico do xenocidio nazi: “Campos de concentración do mal / de Mauthausen e de Gusen: / matadoiros sacrificiais, exterminio, / por condición xudía ou por causa antifascista, / dos pobos libres de Europa / para os que o mal nunca é banal”. Logo se dá paso á escravitude imposta e á súa esencia explotadora: “Traballos forzados en réxime de escravitude na canteira da extenuación: / cargar grandes pedras de gran máis pesadas que a supervivencia / subindo cento oitenta e seis chanzos pola escalinata da morte / ata guindarse polo suicidio inducido ou polo sadismo acosador / como as púas e as descargas dos valados eléctricos de arame. / O mal era unha explotación, o mal nunca é banal”.
A continuación móstrase a instauración do terror como método para establecer o autoritarismo como réxime: “Celas de castigo e de tortura ata asasinar de fame, sede e desespero. / Flaxelacións ata matar a carne viva coa fusta da violencia e da humillación. / Duchas xeadas e mergullos prolongados ata a extinción por hipotermia. / Masificación infrahumana ata minar toda convivencia e dignidade. / Divertimentos de crueldade inconcibible ata no peor inferno imaxinable. / O mal era un terrorismo, o mal nunca é banal”. Mais tamén se mostra como se economizaban recursos e esforzos con inhumana usura letal: “Fusilamentos selectivos, tiroteos masivos e aforcamentos individuais. / Inxeccións letais para aforrar o esforzo de liquidar a golpes. / Experimentos médicos e sangrado de corpos para aproveitar seu sangue. / Cámaras de gas móbiles en camións con tubo de escape dirixido ao interior / e cámaras de gas extáticas onde se agonizaba en grupo ata abafar. / O mal era una economía, o mal nunca é banal”. Por suposto, alí non se trataba de producir para ningunha humanidade imaxinable, senón que se inmolaba a humanidade para a produción de guerra liquidacionista: “Decenas de miles de presos mal aviados / para fabricar armas, municións e pezas de metal / ou explotar minas e canteiras mentres eran útiles, / e despois inmolados como material de desfeita, / incluíndo mulleres violentadas e criaturas famélicas. / O mal era un negocio, o mal nunca é banal”.
As últimas estrofas refírense aos republicanos españois deportados ao considerar o xenocida Franco que non eran españois e entregarllos así ao xenocida Hitler, polo que a maior parte daqueles pereceu alí: “Miles de antifranquistas atrapados en Francia, / enfermados, torturados, asasinados / e cercados con muros de horror e arames de espiño / no chamado campo dos españois en Austria, / malia ser apátridas por estar a súa patria usurpada. / O mal era un saqueo, o mal nunca é banal”. Por iso estaban marcados co triangulo azul dos apátridas cunha inscrición distintiva do S de Spanier en alemán (para os nazis eles xa non eran verdadeiros españois, quizais porque dalgún xeito pensaban que España era xa tamén deles): “Portaban, dende mil novecentos corenta, / o triángulo azul con tres beiras da esperanza: / a da independencia, a da xustiza e a da liberdade. / Estaban no campo irredutible dos con razón tachados / de inimigos políticos incorrixibles do Reich Alemán, / contra o que dende mil novecentos trinta e seis / foran os primeiros en loitar. / O mal era unha invasión imperialista, unha conquista calculada, / o mal nunca é banal”.
A digna e esperanzada resistencia republicana española en Mauthausen impresionou ata os alemáns e tivo consecuencias mesmo despois da vitoria aliada, pois as fotos feitas e custodiadas por aquela foron decisivas para documentar e incriminar o xenocidio nazi no proceso de Nuremberg: “Cóntase que, cando morreu o primeiro resistente español, / os seus solidarios compatriotas, xa ben organizados, / gardaron un minuto de silencio. / Eles fixeron e agacharon / as fotos da infamia e eles recibiron aos aliados coa pancarta / “Los españoles antifascistas saludan a las fuerzas liberadoras”. / Resistiron porque sabían que o mal / sempre comeza por combater a esperanza, / que o mal nunca é banal. / Adoitaban gardar un minuto de silencio irredento / por cada vítima da máis absoluta barbarie do nazismo. / Por iso eu ofrezo agora un milenio de silencio / por cada resistente que loitou con esperanza / sabendo que o mal, como o ben, nunca é banal”.
Tras a lectura do poema en galego, escoitouse a esperanzadora peza musical titulada en catalán “Retornarem”, composta por Ricardo Garriga e cantada por Juan Vilató, ambos presos en Mauthausen, que fora interpretada precisamente o día da liberación do campo. E a música volvería ao final do acto, pois, tras gardarse un minuto de silencio en homenaxe ás vítimas do nazismo, a memorialista Begoña Maceiras e o seu alumnado do Microlycée Jean Macé de Vitry cantaron a capela a canción de loita antifranquista “¡Ay, Carmela!”, coreados por moitas das persoas asistentes.
Mais antes do remate musical tivo lugar o xustamente reivindicativo discurso de clausura en nome da Association 24 Août 1944 por parte de Aimable Marcellan (fillo de exiliado), quen lembrou que o nazi-fascismo provocou máis de 60 millóns de mortes en todo o mundo entre 1940 e 1945, ademais de beneficiar co traballo escravo ao que forzou aos deportados ás empresas capitalistas alemás, demostrando que, pola avidez de poder e riqueza dunha minoría apoderada, as propias democracias poden dar lugar a réximes monstruosos como o nazismo, ser atacadas militarmente por golpistas como na España de 1936 ou derrubarse como na Francia colaboracionista de Pétain, polo que cómpre defender sempre os seus irrenunciables obxectivos de progreso, xustiza e liberdade para todos. Tras el, sucedéronse as intervencións institucionais debidas aos representantes do goberno catalán (conselleiro de Xustiza e Calidade Democrática da Generalitat de Catalunya, Ramon Espadaler Parcerisas), do goberno español (embaixador Victorio Redondo Baldrich) e da alcaldía de París (o devandito concelleiro Hamidou Samaké), todos os cales falaron cunha sintonía co memorialismo máis aló do protocolario e depositaron flores cerimonialmente ante o monumento aos deportados republicanos.
Posteriormente, os representantes dos gobernos catalán e español depositarían flores na moi próxima tumba do deportado Francisco Boix, fotógrafo xunto a Antonio García do campo de Mauthausen, acompañados por varios dos asistentes. A Amical de Mauthausen conseguiu trasladar en 2017 os restos de fotógrafo, que repousaban nunha agachada tumba en Thiais da que se acababa a concesión, polo que de non efectuarse o traslado os seus osos irían parar á fosa común. En efecto, alí fora enterrado Boix, famoso tras a estrea en 2018 do filme El fotógrafo de Mauthausen, quen falecera prematuramente antes de cumprir trinta anos, en 1951, a causa dos padecementos sufridos durante a deportación. O seu traslado á zona memorial do cemiterio Père-Lachaise, quizais a máis célebre necrópole do mundo, foi propiciado pola alcaldesa socialista de París e filla de emigrantes españois Anne Hidalgo, quen presidiu a cerimonia de inhumación. Por certo, nesa ocasión cantou a miña querida e admirada amiga Marina Rossell, solidaria cantautora catalá que me honrou recitando no congreso internacional sobre María Casares de 2022 en Barcelona o meu poema “A viaxe vermella”, precisamente sobre o exilio da actriz galega.
Só cómpre rematar coa frase, que resume e dá pleno sentido ao labor feito pola Association 24 août 1944, enviada por Natacha Lévy, lúcida, enérxica e sabia anciá xudía que cumprirá 99 anos este 2025 e a quen os nazis asasinaron trece dos seus familiares no campo de concentración de Auschwitz: “Bravo pour cette lutte formidable”
Entre outras persoas, fixeron gravacións audiovisuais do completo e variado acto conmemorativo parisiense do 80 aniversario da liberación dos campos de exterminio nazis o cineasta Richard Prost, autor de documentais diversos, como Un autre futur, sobre o anarquismo español, e o sempre eficiente e colaborativo publicista galego e de Galicia Eduardo Cuña, quen colgou os seus vídeos no canal de YouTube de “La Pequeña España en París”:
Como é sabido, máis dun cento dos deportados a Mauthausen eran antifascistas galegos, mais sobreviviron moi poucos. Lembro o moito que me impresionara ler a primeira listaxe deles que coñecín a través de Lois Vázquez Fernández, quen en 1982 publicou na revista Grial o artigo “Máis de 100 galegos foron morrer a Mauthausen”. Moitos esforzos por lembrar e honrar a estas vítimas da barbarie nazi-fascista, aínda que non suficientes, se fixeron dende entón no terreo asociativo, institucional, audiovisual e investigador, como demostran, por exemplo, os libros Galegos en Mauthausen (2012), de Enrique Barrera Beitia, especialmente centrado nos deportados orixinarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal, e De Galicia a Mauthausen. As traxectorias vitais dos deportados galegos aos campos de concentración da Alemaña nazi (2023), de Alba Garrido Fernández.
Por aqueles deportados galaicos inmolados e torturados, xeralmente en plena xuventude, ondeou a bandeira galega e recitei eu en galego ante o monumento memorial de París que evoca a escaleira da morte de Mauthausen. Ademais, coñezo persoalmente familiares e amizades dalgúns daqueles mozos escravizados, como é o caso de Balbino Santín Aira (natural do lugar de Sebrás, da parroquia de Doncos, pertencente ás Nogais, e morto en Gusen en 1941) e de Enrique Doval Reija (natural do Coeo, Lugo, e liberado de Gusen en 1945, quen chegou a volver ao lugar do internamento en 1979 para participar no documental Mauthausen, regreso ao campo da morte).
Por isto, só cómpre rematar coa frase, que resume e dá pleno sentido ao labor feito pola Association 24 août 1944, enviada por Natacha Lévy, lúcida, enérxica e sabia anciá xudía que cumprirá 99 anos este 2025 e a quen os nazis asasinaron trece dos seus familiares no campo de concentración de Auschwitz: “Bravo pour cette lutte formidable”.