Na vindeira semana, Manuel Baltar pode acadar a condición xurídico-administrativa de delincuente por transgredir as normas previstas no Código de Circulación
Na vindeira semana, Manuel Baltar pode acadar a condición xurídico-administrativa de delincuente por transgredir as normas previstas no Código de Circulación. Se o protagonista de tal circunstancia fose unha persoa desprovista de calquera representación institucional, estariamos ante un feito que formaría parte das estatísticas que contemplan o volume das condutas incumpridoras da lexislación vixente. Poren, o protagonismo que desempeña, neste suceso, o actual presidente da Deputación de Ourense transforma a anécdota en categoría.
Dende o momento no que transcendeu publicamente este incidente, o afectado recoñeceu que transitaba -conducindo un vehículo oficial da institución provincial- a unha velocidade de 215 km/hora. Xa que logo, non lle quedaba mais remedio que asumir as consecuencias administrativas e/ou penais que se derivasen de tal actuación. Daquela, a controversia desprazouse a outro territorio: que efectos debería provocar tal comportamento no ámbito das responsabilidades políticas?
No universo do PP -tanto no galego coma no estatal- a resposta foi reveladora. Os dirixentes que falaron -Feijoo, por exemplo, gardou un significativo silencio- aceitaron que non era adecuada a conduta de Baltar pero non quixeron esixir a súa retirada da vida política institucional
No universo do PP -tanto no galego coma no estatal- a resposta foi reveladora. Os dirixentes que falaron -Feijoo, por exemplo, gardou un significativo silencio- aceitaron que non era adecuada a conduta de Baltar pero non quixeron esixir a súa retirada da vida política institucional. Esta reacción de complicidade corporativa non se viu alterada no ámbito do que poderiamos denominar "tecido social comunicativo" afín ao partido que ven administrando as institucións do autogoberno galego. Se alguén é quen de atopar - no sistema mediático conservador- un artigo ou unha editorial que critique o sucedido ou que demande a asunción dalgún tipo de responsabilidade por parte do político ourensán merecería un recoñecemento semellante á persoa que descubrira auga no deserto.
A historia política da familia Baltar conforma o marco explicativo que permite entender o sentimento de impunidade que caracteriza o seu comportamento público. Case nunca prosperaron as denuncias políticas e xudiciais por distintos abusos de poder nos que se viron involucrados o pai e o fillo. Feijoo quixo desprazalo do seu status de poder e foi rotundamente derrotado nun Congreso provincial que certificou o dominio absoluto sobre todo o que sucede no PP ourensán. Por iso pode ocorrer unha torpeza como a que vimos de coñecer: conducir un coche oficial sen facer uso do protocolo habitual establecido e facelo dun xeito temerario sen cavilar na existencia de controis de velocidade ou, tal vez, pensando que ningún funcionario da Garda Civil se atrevería a sancionar a súa actuación ilegal.
A pelota está no tellado dos votantes do PP na provincia de Ourense. Se non o castigan nas urnas, poderemos seguir afirmando que a cita do 28-M demostra a vixencia da calidade que se proclama do actual sistema democrático?
Estamos a poucos días de que se celebren os comicios municipais. Manuel Baltar é o candidato do PP para repetir mandato na presidencia da Deputación. Padecerá un desgaste electoral por mor do sucedido na súa temeraria viaxe por estrada? Velaquí unha pregunta realmente incómoda para quen defendemos a pertinencia dun sistema democrático que controle e corrixa os comportamentos dos que aspiran a ser representantes da cidadanía. Neste caso non se pode alegar ignorancia dos feitos acontecidos nin existen dúas versións (como cando hai unha denuncia por un presunto abuso sexual ou por unha suposta malversación de recursos públicos). Baltar aceita que ía a 215 km/h e sabe que iso é un delito no actual Código circulatorio.
Obviamente, se non dimite é porque non quere facelo e porque, ademais, o seu partido -nun acto de complicidade digno de mellor causa- non lle esixe a renuncia. A pelota está no tellado dos votantes do PP na provincia de Ourense. Se non o castigan nas urnas, poderemos seguir afirmando que a cita do 28-M demostra a vixencia da calidade que se proclama do actual sistema democrático?