Horror machista e violencia institucional. O que vivimos en Galiza nas últimas semanas non ten outro nome, polos feitos gravísimos que se sucederon e polo significado profundo dunha resposta institucional que xa non é que sexa insuficiente, é cómplice e está aliñada nun momento histórico de rearme do machismo que temos que frear porque se nos vai a vida niso.
Horror machista e violencia institucional. O que vivimos en Galiza nas últimas semanas non ten outro nome
Nas últimas semanas Galiza viviu varios intentos de feminicidio brutais que deberan facer parar as rotativas, as institucións e constituír un comité de crise para ver que está fallando, porque sobran os síntomas. O 20 de maio unha muller tirábase pola fiestra dun cuarto piso no Barco de Valdeorras fuxindo do seu maltratador, que intentaba asasinala. Horas antes, acudira á Garda Civil e antes a outros recursos pero o sistema non a protexeu. Esa mesma noite do 20 de maio, a Policía Nacional detivo un home en Tomiño por presuntamente intentar matar a súa ex muller e a súa filla incendiándolles a casa. Só dous días despois, o 22 de maio, un home de 36 anos disparaba sete veces á súa ex parella en Verín como se fora unha présa de caza. Estaba en Viogén con “risco non aprezado” e acabou tiroteada, o sistema tampouco a protexeu.
O goberno que ten que protexer as mulleres galegas emprega os medios da Xunta de Galiza, os medios públicos de comunicación e a posición de poder para xulgar á denunciante.
O peor estaba por vir e este xoves o feminismo galego sae ás rúas novamente contra un feminicidio, o segundo no que vai ano. O 31 de maio apareceu un coche calcinado en Campo Lameiro e as probas de ADN confirmaron a identidade Marisol Soto, vítima de violencia machista e de Ramón García, maltratador condenado (e reincidente) que presuntamente tiña que ter entrado no cárcere. Ela tiña alto risco en Viogén e orde de protección. O sistema tampouco a protexeu e non só, agora o sistema cúlpaa a ela. A mensaxe que manda o goberno central non é comprometerse con revisar os casos para ver que mellorar, sabendo da complexidade da intervención contra a violencia machista. A mensaxe é, literalmente que “non se pode protexer a quen non quere” poñendo o foco na vítima. Non é mellor a mensaxe do Concello de Moraña do Partido Popular, cunha declaración de loito que homologa a agresor e agredida e inclúe o respecto a un maltratador condenado e reincidente. Tampouco mellora a (resposta?) da Xunta, que se limita a dicir que “está pendente” coma quen agarda se chove ou sae o sol.
Todo isto ao tempo que coñecemos a imputación por presunta agresión sexual do Conselleiro do Mar, Alfonso Villares. De por si, isto sería unha mensaxe terrible polo seu carácter simbólico: un home poderoso, dun goberno que ten que protexerte, cunha imputación por violencia machista. Mais foi peor aínda, o inicio dun cúmulo de violencias institucionais para converter o acusado en vítima e a denunciante en tirana, como xa pasou hai 25 anos con Nevenka Fernández e con tantas outras mentres se nos pide “valentía” e “denuncia” responsabilizándonos individualmente.
Que mensaxe envía todo o que está pasando ás mulleres e a calquera vítima de violencia machista? A da intimidación. O acusado foi despedido entre aplausos con mensaxes masivas do goberno apelando á súa inocencia. Hoxe sabemos que o Presidente Rueda amparou e encubriu que había unha denuncia de agresión sexual polo menos durante catro meses. Mantivo ao seu amigo persoal sentado no Consello da Xunta porque era dos seus e a comunicación pública supón unha clara insinuación de denuncia falsa certificando que se a dereita máis extrema non ten representación en Galiza é porque xa está dentro deles.
O goberno que ten que protexer as mulleres galegas emprega os medios da Xunta de Galiza, os medios públicos de comunicación e a posición de poder para xulgar á denunciante. A responsabilidade da gravísima filtración da identidade da vítima, que ningunha institución investiga, atribúese á Xunta e cando se piden explicacións a resposta é o silencio. Non é o único silencio: aínda ninguén do Partido Popular condenou a presunta agresión nin expresou a solidariedade, nin sequera a Conselleira de Política Social de Igualdade.
O que pasa nestes días non é casual, estamos nun contexto de rearme do machismo a nivel internacional e tamén no noso contexto inmediato
Hai moito que o feminismo deu internacionalmente o debate sobre quen ten a responsabilidade dun feminicidio, indo máis alá do suxeito que o comete e aludindo á responsabilidade de Estados e institucións. A a violencia machista non é algo privado nin persoal, é público, político e colectivo. A resposta institucional non puido ser peor nestas semanas, converténdose en parte do problema, ao non cuestionar o que non funciona e destinar as enerxías a culpar e xulgar ás mulleres desde distintos ámbitos: medios públicos, Xunta, concellos, Estado.
O que pasa nestes días non é casual, estamos nun contexto de rearme do machismo a nivel internacional e tamén no noso contexto inmediato. A banalización e o cuestionamento da violencia machista e dos avances feministas foi calando e normalízanse ou conséntense violencias institucionais que terían que ter, como mínimo, un carrusel de dimisións. Do feminismo de base a outros ámbitos toca, por responsabilidade colectiva, intensificar a nosa reacción contra unha violencia institucional que (tamén) nos mata, culpa e condena. Váisenos a vida, literalmente, niso.