Desenvolveu a carreira profesional nun período difícil para a Ciencia nestas latitudes, e especialmente para as mulleres que aspiraban a ser científicas. Nese contexto, Ángeles Alvariño forxou o seu propio camiño e construíu unha obra de considerable alcance. Eses logros profesionais foron posibles grazas ao talento persoal do que estaba dotada e a outra característica da súa singular personalidade: a tenacidade
A biografía da científica de Ángeles Alvariño González (1916-2005) xirou arredor do mar. Un elemento sempre presente na súa profesión, vida persoal e social, tamén nos momentos de lecer. Algúns dos seres vivos que habitan os océanos constituíron o obxecto de estudo desta bióloga que acadou un éxito notable traballando en centros de investigación de vangarda. O seu prestixio internacional confírmase con logros como a inclusión na Enciclopedia de Científicos Mundiais de Elizabeth H. Oakes (2007), onde apareceu como a única científica española de renome mundial. Anteriormente, Elizabeth Sleeman (2002) incluíraa nunha guía das mulleres máis eminentes do mundo. Dese salientable labor dá testemuña o seu fondo documental, conservado no Arquivo municipal da Coruña.
Desenvolveu a carreira profesional nun período difícil para a Ciencia nestas latitudes, e especialmente para as mulleres que aspiraban a ser científicas. Nese contexto, Ángeles Alvariño forxou o seu propio camiño e construíu unha obra de considerable alcance. Eses logros profesionais foron posibles grazas ao talento persoal do que estaba dotada e a outra característica da súa singular personalidade: a tenacidade. Non aceptou os límites que a sociedade lles impoñía ás mulleres da súa época; negouse a desempeñar o papel subordinado que a comunidade científica lles tiña destinado: un recuncho do laboratorio ou da biblioteca.
En Serantes, rodeada de mar
O seu prestixio internacional confírmase con logros como a inclusión na Enciclopedia de Científicos Mundiais de Elizabeth H. Oakes (2007), onde apareceu como a única científica española de renome mundial. Anteriormente, Elizabeth Sleeman (2002) incluíraa nunha guía das mulleres máis eminentes do mundo
Serantes, lugar de nacemento de Alvariño o 3 de outubro de 1916, era daquela un concello limítrofe con Ferrol, que o anexionaría en 1940. A súa familia vivía no número 27 de O Bosque (actualmente o 65), nunha fermosa casa deseñada e construída uns anos antes do nacemento da futura científica polo arquitecto Rodolfo Ucha Piñeiro para os seus avós maternos.
Naceu e criouse rodeada do mar: do tranquilo que circula polo interior da ría de Ferrol, na Malata, e do mar aberto e bravo da praia de Doniños, co seu acolledor lago, un lugar ben especial para ela, escenario de momentos significativos da súa vida.
Sempre gozou do mar e tamén do vento, dous elementos que a acompañaron desde o nacemento, como lembraba cando a súa vida estaba a piques de rematar:
“O romper das ondas e o vento foron os primeiros sons que escoitei ao nacer e, desde entón, o violento ruxido do vento espertou en min unha sensación moi especial. Lembro que, dende que tiña menos dun ano e medio, me encantaba escoitar o áspero murmurio do mar e, nas noites de inverno, con ventos fortes e tormentas, podía escoitar dende a miña cama o ruxido do océano distante, as ondas batendo contra a costa granítica dende Doniños ata Cobas, e tamén as súas praias de area. Intentando durmir, pero gozando nese fascinante ruxido mentres estaba esperta. Adoro o vento, sempre sentín a mesma atracción, e gústame camiñar rápido, dirixindo os meus pasos contra o vento”1
Os pais de Ángeles foron María del Carmen González Díaz-Saavedra, profesora de piano, e Antonio Alvariño Grimaldos, médico. A nena asistiu a un colexio relixioso en Ferrol, unha experiencia que lle desagradou; de feito, prometeuse a si mesma que, se tiña unha filla, non a enviaría a unha institución similar, unha decisión que levaría á práctica. Un accidente obrigouna a deixar eses estudos e tivo que continuar a súa educación básica na casa cunha profesora privada. Seguindo os pasos da nai, tamén recibiu clases de piano, instrumento que acabaría dominando.
A mocidade ferrolá que desexaba cursar o Bacharelato debía asistir ao Instituto situado na Coruña. Pero Ángeles tivo a sorte de que en agosto de 1927, durante o mandato do alcalde Antonio Usero Torrente, se establecese na cidade de Ferrol un centro oficial de ensino secundario: o Instituto Concepción Arenal, que comezou as súas actividades no curso 1927-28. Aprobou o exame de acceso en xuño de 1928 e comezou alí os seus estudos en outubro. Obtivo, con excelentes cualificacións, o título de Bacharelato elemental e, máis tarde, o de Bacharelato superior en 1933.
Estudos en Madrid interrompidos
A titulación universitaria en Ciencias Naturais só se impartía –naquel tempo– en Barcelona e Madrid. Alvariño trasladouse á capital española no outono de 1934 para comezar a carreira e atopouse cunha universidade dinámica que experimentara cambios relevantes ao longo do século XX. Este proceso de modernización estaba moi relacionado co labor da Junta para a Ampliación de Estudos (JAE), que, desde a súa fundación en 1907, impulsara un notable aumento da formación da comunidade científica española. Ela puido experimentalo de primeira man nas aulas da Facultade de Ciencias, no Museo de Ciencias Naturais e no Xardín Botánico.
Durante a súa estadía en Madrid viviu na "Residencia de Señoritas", dirixida por María de Maeztu, que complementaba a "Residencia de Estudantes". Alí, reuníase a vangarda intelectual máis brillante de estudantes españois e estranxeiros. Ángeles consideraba esa experiencia durante a República clave para o seu desenvolvemento intelectual, a sede de coñecemento e afán por acadar obxectivos profesionais.
Os estudos víronse interrompidos polo levantamento militar e a posterior Guerra Civil (1936-1939). Durante este período, permaneceu no seu Serantes natal e aproveitou o parón académico para aprender linguas estranxeiras.
Casamento e finalización da carreira universitaria
O 16 de marzo de 1940 casou con Eugenio Leira Manso (1907-2006), oficial da Armada Española e sobrevivente do afundimento do cruceiro Baleares, derrubado por destrutores republicanos en 1938. Coñecéranse na praia de Doniños un par de anos antes.
Pasaron a súa lúa de mel en Santiago de Compostela, retomando os estudos universitarios nalgunhas materias que podía cursar alí. Examinouse de tres: aprobou Inglés, obtivo un notable en Química Analítica e sobresaínte en Física.
Unha vez reaberta a Universidade de Madrid matriculouse por libre para poder superar un maior número de materias. Aquela cidade era ben diferente da que coñecera antes da guerra e a universidade sufrira o "atroz desmoche" ao que aludiu Pedro Laín Entralgo. A represión dalgúns membros do profesorado afectou notablemente á Facultade de Ciencias e ao Museo de Ciencias Naturais.
Ángeles graduouse en 1941, cursara 18 materias e recibira sete sobresaíntes. Unha vez obtido o título regresou a Ferrol, onde –durante uns sete anos– impartiu clases de Ciencias Naturais en varios colexios da cidade e tivo unha filla, María de los Ángeles Leira Alvariño (1942).
No Instituto Español de Oceanografía
En 1948 a familia trasladouse para Madrid e Alvariño acudiu á sede central do Instituto Español de Oceanografía (IEO). As autoridades franquistas suprimiran a Junta para Ampliación de Estudios (JAE) pero mantiñan a ese Instituto, se ben “reformado”, cesados algúns investigadores e baixo o control da Armada, un almirante era o director xeral e outro oficial ocupaba a secretaría xeral.
Ángeles, reuniuse co capitán de navio Pedro Lapique (secretario xeral), quen lle explicou o traballo que se realizaba no IEO e as posibles vías para acceder ela á institución. Acordaron que a mellor maneira de incorporarse sería solicitar unha bolsa á Dirección Xeral de Pesca para realizar o curso que ofrecía o IEO, especializado en Bioloxía. Alvariño obtivo a bolsa, que ascendía a 3.750 pesetas anuais, e comezou o curso no outono dese mesmo ano. En maio de 1950, acadaría outra, por concurso de méritos, para traballar na sección de Bioloxía do Instituto.
En 1952, a institución anunciou prazas vacantes para axudantes de laboratorio (o equivalente ao que hoxe sería un científico titular). Alvariño presentouse e obtivo unha, converténdose así en integrante fixa do organigrama da institución, cun soldo anual de 13.440 pesetas e un destino: o Laboratorio Oceanográfico de Vigo, actual Centro Oceanográfico de Vigo (BOE do 7 de maio de 1952).
En Vigo realizou diversos traballos, entre eles unha pescuda na lago de Doniños, mais a estadía no laboratorio olívico non lle resultou grata á bióloga, quen se queixou do trato que recibira por parte do director da instalación. Por iso, e por especializarse no estudo do plancto mariño, marchou en 1953 a traballar ao Marine Biological Laboratory de Plymouth (Inglaterra), cidade de referencia nos estudos do mar en Gran Bretaña e da la que fora alcalde, en 1581, Francis Drake.
Carreira prtofesional en EE. UU.
En agosto de 1954 regresou de Inglaterra e retomou o seu labor no Instituto Oceanográfico. Aínda que tiña a súa praza de investigadora en Vigo decidiu incorporarse aos laboratorios do IEO en Madrid. Pasado un tempo, en 1956, presentouse na embaixada dos Estados Unidos para obter unha axuda coa fin de ampliar estudos nese país. Obtivo unha bolsa Fulbright para traballar na Woods Hole Oceanographic Institution de Massachusetts coa salientable oceanógrafa Mary Sears
En agosto de 1954 regresou de Inglaterra e retomou o seu labor no Instituto Oceanográfico. Aínda que tiña a súa praza de investigadora en Vigo decidiu incorporarse aos laboratorios do IEO en Madrid. Pasado un tempo, en 1956, presentouse na embaixada dos Estados Unidos para obter unha axuda coa fin de ampliar estudos nese país. Obtivo unha bolsa Fulbright para traballar na Woods Hole Oceanographic Institution de Massachusetts coa salientable oceanógrafa Mary Sears.
Foi o comezo dunha carreira investigadora relevante en diversas institucións americanas situadas en California. Alí en La Jolla (un barrio acomodado de San Diego), residiu a familia nunha casa que mercaron moi preto do lugar de traballo de Ángeles, na avenida Cabrillo. O marido dedicou moito tempo á vivenda familiar, que ampliou, así como ao xardín, baseándose nas ideas súas e de Ángeles e nos deseños da filla. Nese xardín, sempre que podían, comían e conversaban, gozando do sol de California, das plantas e da compañía dos amigos. Dende a casa, podían ver o océano Pacífico, situado a poucos metros de distancia. En 1959 a filla comezaría os seus estudos de Arquitectura, Arte e Enxeñaría Civil no State College (máis tarde Universidade Estatal de San Diego) e, entre 1963 e 1966, completou a súa carreira de arquitectura na Universidade de California, Berkeley, en San Francisco, un lugar moi estimulante naquel momento para a moza Leira Alvariño. A nai estaba feliz de que ela estivese nun ambiente así; lembráballe ao Madrid que coñecera antes da Guerra Civil.
Compartían o tempo de lecer con amigos que vivían na zona. Por exemplo, cun paisano, José Rubia Barcia (1914-1997) de Ferrol, a quen lembraba dos seus días no instituto na cidade. Rubia, un exiliado antifascista, foi profesor na Universidade de California Los Ángeles e Alvariño comentou que era a única persoa de Ferrol que coñecía alí. Tamén recibiría a visita do coruñés Alberto González-Garcés Santiso, investigador do Instituto Español de Oceanografía, quen foi traballar uns meses en 1984 á institución da que formaba parte Alvariño nese momento (Centro de Pesca del Suroeste, SWFC). Alí tivo a oportunidade de tratala na fase final da súa carreira. Posteriormente relataría este encontro no libro que publicou sobre o traballo científico da bióloga galega, no que comentou:
«Tiven unha sorte incrible de coñecela. Creo que falabamos case todos os días no SWFC, e tamén tiven unha sorte incrible de que me convidase varias veces a xantar e pasar as tardes dos sábados na súa casa, onde me presentou á súa familia e amigos”2.
Unha doazón en Doniños
O 25 de xullo de 1993 ela e o seu marido decidiron doar á Xunta de Galicia dous terreos en Doniños para a construción dun centro de investigación biolóxica e ecolóxica ou para outras finalidades similares que se considerasen oportunas
O 25 de xullo de 1993 ela e o seu marido decidiron doar á Xunta de Galicia dous terreos en Doniños para a construción dun centro de investigación biolóxica e ecolóxica ou para outras finalidades similares que se considerasen oportunas.
Mercarano mentres antes da marcha a EE.UU., coa intención de construír unha casa para as vacacións e para que os seus compañeiros a usasen durante as súas investigacións científicas en Galicia. A razón sentimental da compra foi que –como vimos– estaba nas inmediacións da casa onde nacera Ángeles e preto dunha fermosa praia, o lugar onde ela e o seu marido Eugenio se coñeceran. Esta zona areosa forma parte dun complexo costeiro composto pola praia, a barreira dunar e o lago; unha masa de auga dunha profundidade máxima de dez metros, cunha media de cinco, alimentada polo río Regueiro.
O matrimonio adquiriu unha parcela plana, cuberta de grandes piñeiros e cunha fileira de salgueiros ao longo da beira do lago. O proxecto orixinal nunca chegou a materializarse pois a vida levou á parella a establecerse en California.
A sinatura da escritura de concesión e demais documentos da transacción tivo lugar en Madrid (de abril de 1994) ante notario nun acto na Casa de Galicia. A consellería da Xunta encargada da xestión do territorio solicitou a colaboración da delegación Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol para establecer un proxecto científico. Dado o limitado orzamento dispoñible, propúxose a construción dun pequeno observatorio ornitolóxico. A petición da consellería, a SGHN elaborou os planos de construción e xestionou unha empresa para levar a cabo a mesma. A SGHN – que incluíu a parcela nas súas visitas guiadas pola zona– tamén se encargou durante anos do mantemento da parcela e a consellería fornecía dunhas tesoiras de poda.
Ángeles Alvariño deleitábase co espectáculo mar e gozando del despediuse da vida. Enferma e con importantes limitacións, a familia decidiu que debía pasar os seus últimos momentos na casa. Colocaron a súa cama fronte ao océano Pacífico, que tanto estudara e amara
Anos máis tarde, Ángeles soubo que o vixilante do lugar estaba a informar aos visitantes de que o terreo fora doado “por unha parella de científicos estranxeiros que se namoraran da beleza da zona”. Esta nova amolouna; considerou que o mínimo que se debía facer era colocar unha placa na honra da familia Leira-Alvariño, os doantes do terreo. O problema non era só a falta de recoñecemento; despois dun período inicial, o espazo entrou nunha fase de descoido e deterioro. En 2023, a Delegación da SGHN e o Club de Prensa de Ferrol solicitaron ao Concello da cidade que renovase o lugar: limpeza, delimitación e instalación de paneis informativos para dar a coñecer a súa existencia e importancia. A finais de marzo de 2026 puidemos comprobar por nós mesmos que o espazo seguía abandonado, un desleixo total. A Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol deben tomar medidas para corresponder á xenerosa doazón do matrimonio Alvariño-Leira.
Morte fronte o mar
Parte dos restos foron depositados na tumba dos pais da científica no cemiterio de Serantes, mentres que outra foi esparexida, nun acto íntimo, no océano Atlántico fronte á praia de Doniños
Ángeles Alvariño deleitábase co espectáculo mar e gozando del despediuse da vida. Enferma e con importantes limitacións, a familia decidiu que debía pasar os seus últimos momentos na casa. Colocaron a súa cama fronte ao océano Pacífico, que tanto estudara e amara, e quizais reviviu o que expresara no libro que escribiu sobre a expedición Malaspina:
“Nun solpor en California, o vasto Océano Pacífico esténdese ante min. O oeste está alí, o sol poñéndose lonxe. Verei o destello verde? Hoxe non; hai unha néboa na distancia. Vin ese destello verde esmeralda máxico e inesquecible tres veces. O solpor avanza, e os tons carmesí do ceo avanzan e intensifícanse, estendéndose por toda a extensión, entrecruzados por bandas e pinceladas de diferentes tons de vermello. Dende a miña terraza, observo a parella de pelicanos voar ao seu pousadeiro en Coronado, onde pasarán a noite. Ao parecer, veñen a esta costa e ás lagoas durante o día para alimentarse. Todos os días, o seu voo de regreso coincide co solpor. Comeza a soprar unha agradable brisa mariña, e todo está en calma mentres o sol se pon. Hoxe non vin o flash verde, pero contemplo a inmensidade do Pacífico. Agora a Lúa sae sobre a montaña, cara ao Leste”3.
Ás 11:00 horas do 29 de maio de 2005 faleceu Ángeles Alvariño González. Decidira que as súas cinzas debían ser levadas a Galicia. A súa filla, Ángeles Alvariño Leira, tróuxoas dous anos despois da súa morte xunto coas do pai, xa que Eugenio morrería uns meses despois do falecemento da parella, o 7 de xaneiro de 2006.
Parte dos restos foron depositados na tumba dos pais da científica no cemiterio de Serantes, mentres que outra foi esparexida, nun acto íntimo, no océano Atlántico fronte á praia de Doniños.
Notas
1 Alvariño, 2002, España y la primera expedición científica oceánica, 1789-1794. Xunta de Galicia, p. 17, orixinal en español.
2 González-Garcés Santiso, A. (2016) Ángeles Alvariño González, investigadora marina de relevancia mundial. Madrid: Instituto Español de Oceanografía (IEO), p. 62, orixinal en español.
3 Alvariño, 2002, España y la primera expedición científica oceánica, 1789-1794. Xunta de Galicia, p. 242, orixinal en español.