Ademais de compilar os nomes existentes, o traballo propón novas denominacións para varios relevos submarinos que ata agora non foran nomeados. Entre eles atópase un monte submarino dedicado á oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño
O Instituto Español de Oceanografía (IEO) en colaboración co Institut de Cièncias do Mar de Barcelona, dependentes ambos do CSIC, vén de analizar por primeira vez de forma sistemática os talasónimos os nomes que identifican as formas do relevo submarino. O traballo, publicado na revista Estudos Xeográficos, compila 443 nomes de elementos do fondo mariño, converténdose na compilación máis completa realizada até agora nas augas españolas.
Ademais de compilar os nomes existentes, o traballo propón novas denominacións para varios relevos submarinos que ata agora non foran nomeados. Entre eles atópase un monte submarino dedicado á oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño, pioneira da investigación mariña española finada en California en 2005. O monte localízase fronte á costa do Baixo Miño, a uns 100 quilómetros do litoral.
A nova denominación para este monte vén unirse a outros talasónimos xa existentes que homenaxean a figuras da cultura ou da mitoloxía, coma o Val de Valle-Inclán, a Terraza de Pardo Bazán ou o Monte Submarino Breogán.
A nova denominación para este monte vén unirse a outros talasónimos xa existentes que homenaxean a figuras da cultura ou da mitoloxía, coma o Val de Valle-Inclán, a Terraza de Pardo Bazán ou o Monte Submarino Breogán
Tamén se nomea outro monte submarino dedicado ao investigador Andrés Barbosa e un montículo co nome de Odón de Buen, en homenaxe ao fundador do Instituto Español de Oceanografía.
O estudo pon de manifesto que en ocasións un mesmo relevo submarino pode aparecer con nomes distintos segundo a base de datos ou a publicación consultada, o que xera confusión e dificulta a comunicación científica. A nova base de datos elaborada polas investigadoras busca contribuír a ordenar e estandarizar a toponimia do fondo mariño, unha ferramenta fundamental para a investigación oceanográfica, a cartografía mariña e a xestión do espazo marítimo que, á súa vez, permite modificacións e a adición de novos nomes no futuro.
Para realizar o estudo, o equipo investigador revisou bases de datos internacionais, visores cartográficos e publicacións científicas, integrando toda a información nun sistema cartográfico que permitiu elaborar mapas detallados do relevo submarino e crear unha base de datos aberta con estes nomes.
O estudo pon de manifesto que en ocasións un mesmo relevo submarino pode aparecer con nomes distintos segundo a base de datos ou a publicación consultada, o que xera confusión e dificulta a comunicación científica. A nova base de datos elaborada polas investigadoras busca contribuír a ordenar e estandarizar a toponimia do fondo mariño
Os nomes destas estruturas submarinas teñen orixes moi diversas. Algúns fan referencia á súa localización xeográfica, outros describen a forma do relevo, e moitos están dedicados a científicos, exploradores ou figuras relevantes da historia marítima. O estudo mostra que os nomes xeográficos son os máis frecuentes, seguidos polos que homenaxean a personalidades científicas.
"O traballo marca tamén un fito ao propor nomes de mulleres científicas no campo das ciencias mariñas para designar relevos submarinos. Isto é un paso significativo cara ao recoñecemento da contribución das mulleres científicas nesta disciplina", destaca Desirée Palomino, autora principal do estudo e investigadora do Centro Oceanográfico de Málaga.
Ángeles Alvariño
Ao longo de catro décadas de carreira converteuse nunha experta mundial en zooplancto, descubrindo un total de 22 novas especies
Ángeles Alvariño naceu en Serantes en 1916. Tras estudar en Santiago de Compostela e Madrid, comezou a investigar en Vigo, no Instituto Español de Oceanografía, especializándose en zooplancto. Os maiores expertos no grupo no que centraba os seus estudos, os quetognatos, estaban nos Estados Unidos, polo que, grazas a unha prestixiosa bolsa Fullbright, se trasladou ao Woods Hole Oceanographic Institute (Massachusetts), onde colaborou coa experta zooplanctóloga Mary Sears. De Massachusetts pasou a traballar no Instituto Scripps de Oceanografía, en La Jolla (California) e no Servizo Nacional de Pesca Marítima dos EEUU.
En 1977 presentou una denuncia por discriminación de xénero ante o Goberno dos Estados Unidos, pois malia contar "con máis experiencia científica e recoñecemento internacional" que a maioría dos homes que foran ascendidos, ela nunca acadou unha promoción
Ao longo de catro décadas de carreira converteuse nunha experta mundial en zooplancto, descubrindo un total de 22 novas especies animais mariñas de pequeno tamaño. Foi a mediados do século XX a primeira muller científica que traballou en campañas oceanográficas levadas a cabo por navíos de exploración británicos. En 1977 presentou una denuncia por discriminación de xénero ante o Goberno dos Estados Unidos, pois malia contar "con máis experiencia científica e recoñecemento internacional" que a maioría dos homes que foran ascendidos, ela nunca acadou unha promoción.
Faleceu en 2005 en California, onde residía. No ano 2012 o IEO botou un buque oceanográfico que foi bautizado co nome de Ángeles Alvariño e que desde entón é un dos principais recursos da investigación mariña española. En 2015 foi a homenaxeada no Día da Ciencia en Galicia.