Aida Fernández Ríos, referente no estudo dos océanos, científica galega do ano

Aida Fernández Ríos, referente no estudo dos océanos, © CSIC

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vén de elixila como Científica Galega do Ano co obxectivo "de poñer en valor o seu legado científico e a súa excelente traxectoria"

Aida Fernández Ríos foi unha profesora de investigación do CSIC en Galicia, no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), que durante anos, ata o seu falecemento en 2015, foi unha referencia internacional no estudo dos océanos. A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vén de elixila como Científica Galega do Ano co obxectivo "de poñer en valor o seu legado científico e a súa excelente traxectoria".

“A súa figura representa tamén o compromiso coa ciencia feita desde Galicia e pon de relevo o papel fundamental das mulleres no coñecemento científico”, subliña a Academia de Ciencias, que celebrará ao longo do ano diferentes actos na súa honra que culminarán cun evento especial o Día da Ciencia en Galicia (8 de outubro), coincidindo co aniversario do nacemento do Padre Feijóo.

A RAGC outorga este recoñecemento desde 2008 para honrar a un científico ou a unha científica que contribuíse decisivamente ao desenvolvemento da ciencia e a tecnoloxía en Galicia. Aida Fernández convértese na terceira muller en recibir este recoñecemento tras Jimena Fernández de la Vega (2021) e Ángeles Alvariño (2015).

Aida Fernández Ríos © Real Academia Galega de Ciencias

“A súa figura representa tamén o compromiso coa ciencia feita desde Galicia e pon de relevo o papel fundamental das mulleres no coñecemento científico”, subliña a Academia de Ciencias, que celebrará diferentes actos na súa honra que culminarán cun evento especial o Día da Ciencia en Galicia (8 de outubro)

Ademais, científicos como Isidro Parga Pondal (2009), Cruz Gallástegui (2010),  Ramón María Aller (2011), Luís Iglesias (2014), Ignacio Ribas (2016), Domingo Fontán (2018), Andrés Comerma (2020), Juan Rof Codina (2022) ou o Matemático Rodríguez (2024) foron igualmente recoñecidos con esta distinción, entre preto dunha vintena de nomes.

 

A súa traxectoria

Aida Fernández Ríos (1947-2015), que faleceu prematuramente por un accidente de tráfico cando aínda estaba en activo, naceu en Vigo no seo dunha familia traballadora do barrio de Peniche, rodeada dun marcado ambiente mariñeiro. Comezou a estudar Peritaxe Mercantil na Escola de Comercio de Vigo, pero o delicado estado de saúde do seu pai levouna a deixar os estudos e a incorporarse no mundo laboral, traballando nunha imprenta.

Aida Fernández convértese na terceira muller en recibir este recoñecemento tras Jimena Fernández de la Vega (2021) e Ángeles Alvariño (2015)

A súa contorna animouna a finalizar a súa formación, de modo que compaxinou o seu traballo con clases de debuxo na Escola de Artes e Oficios e de francés na Alianza Francesa. Foi alí onde coñeceu a Carmen Mouriño Sabucedo, que traballaba no que sería o xerme do actual IIM, e quen espertou o seu interese polas ciencias, alentándoa a presentarse ás oposicións do CSIC.

En 1972, con 25 anos, aprobou as oposicións de auxiliar de laboratorio. Gozaba tanto do seu traballo que se matriculou en clases nocturnas para obter o bacharelato superior e continuar formándose. Posteriormente, sen abandonar o seu labor no IIM, iniciou a licenciatura de Bioloxía no Colexio Universitario de Vigo e concluíuna na Universidade de Santiago, onde ademais completou a súa tese doutoral ('O fitoplancto na Ría de Vigo e as súas condicións ambientais', dirixida por Fernando Fraga Rodríguez).

Aida Fernández Ríos CC-BY-NC-ND CCG

Aida Fernández Ríos (1947-2015), que faleceu prematuramente por un accidente de tráfico cando aínda estaba en activo, naceu en Vigo no seo dunha familia traballadora do barrio de Peniche, rodeada dun marcado ambiente mariñeiro

Tras obter o título de doutora, foi avanzando na súa carreira investigadora, obtendo primeiro praza como científica titular e, posteriormente, como investigadora científica, até converterse en profesora de investigación do IIM. En 2006 converteuse, ademais, na primeira muller en dirixir o IIM, labor que desempeñou ata 2011

Como bióloga mariña, o seu principal interese científico centrouse nos cambios físico-químicos que se producen nos océanos, en particular no Atlántico, e na súa repercusión no clima do planeta. En 1974 embarcouse na súa primeira campaña oceanográfica. Estímase que participou en preto de 30 campañas oceanográficas (das que foi xefa científica en cinco) e que acumulou máis de 750 días no mar, atravesando o Atlántico de norte a sur e de leste a oeste, o Índico e a Antártida, ademais de muestrear o litoral galego e a costa portuguesa.

Como bióloga mariña, o seu principal interese científico centrouse nos cambios físico-químicos que se producen nos océanos, en particular no Atlántico, e na súa repercusión no clima do planeta

Entre os seus principais fitos científicos destacan a autoría dunha publicación científica sobre a variabilidade das masas de auga no Atlántico Norte (un dos artigos máis citados de toda a produción do IIM), e a súa participación na primeira avaliación global dos niveis de CO2 no océano derivados da actividade humana (traballo publicado na revista Science). Foi unha das principais expertas de Europa no estudo da relación entre as emisións de dióxido de carbono producido pola actividade humana e o aumento da acidez na auga do mar.

Foi presidenta do Comité Español de International Geosphere-Biosphere Programme) sobre cambio global e membro do Comité Español de Investigación para o Cambio Global. Autora de máis de 110 artigos publicados en revistas científicas de elevado índice de impacto, realizou estadías en centros de investigación estranxeiros, entre eles o James Rennell Center for Ocean Circulation de Southampton (Reino Unido), Brookhaven National Laboratory Associated Universities en Long Island (EEUU) ou o Laboratoire de Physique des Océans en Brest (Francia).

Ingresou na RAGC como académica numeraria na entón denominada Sección de Farmacia e Bioloxía o 18 de xuño de 2015, seis meses antes de falecer, converténdose na terceira muller en incorporarse á institución. Pronunciou o seu discurso baixo o título 'A acidificación do mar: unha consecuencia das emisións de CO2'.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.