As cotas en Daca

Imaxe das protestas en Daca © Moncho Iglesias Míguez

A Universidade de Daca foi, dende a súa orixe hai pouco máis dun século, un dos centros neurálxicos das loitas democráticas. En 1952 o Movemento pola Lingua iniciou unha protesta contra a imposición lingüística do urdú, un idioma alleo para a xente de Paquistán Oriental

A Universidade de Daca foi, dende a súa orixe hai pouco máis dun século, un dos centros neurálxicos das loitas democráticas. Tras a partición da India, Daca pasou a ser unha cidade de Paquistán, e seguiu a defender os seus dereitos. De feito, as ansias de liberdade levaron á independencia de Bangladesh, país da lingua do bengalí ou bangla. Amais, foi dende a mesma universidade de onde saíron as primeiras protestas en defensa da lingua do pobo, o bengalí, abafallada fronte ao urdú, o idioma oficial.

En 1952 o Movemento pola Lingua iniciou unha protesta contra a imposición lingüística do urdú, un idioma alleo para a xente de Paquistán Oriental. O 21 de febreiro dese ano, o estudantado da Universidade de Daca saíu ás rúas para se manifestar xunto a outros grupos de activistas. Malia a ser unha marcha pacífica, a policía disparou e o resultado foron varias persoas mortas e feridas. O fatal incidente acrecentou a ira e a arela por recoñecer a oficialidade do bangla, feito que se acadou catro anos máis tarde.

Bangladesh © Moncho Iglesias Míguez

A loita converteuse no símbolo mundial contra a dominación lingüística. Amais, serviu de alicerce para a independencia de Bangladesh

A loita pola defensa da lingua propia da terra do bangla converteuse nunha icona identificadora da rexión e no símbolo mundial contra a dominación lingüística e a aniquilación cultural. Amais, serviu de alicerce para a independencia de Bangladesh, en 1971, así como punto de partida de futuras demandas e eventos, como o Ekuxei, a feira do libro, unha das máis grandes do planeta.

Unha das maiores críticas ao goberno é o sistema de cotas aprobado en 1972 que reserva un 30% dos postos de funcionariado a descendentes de combatentes pola liberdade

Con pouco máis de cincuenta anos, o país segue a ser unha nación nova, cunha forte base moza, mais coa experiencia dun longo camiño trazado. Esa mocidade que estes días se atrincheira nas rúas esixe maior protagonismo no deseño do presente e pide avances e a abolición de leis apoutadas nos días da independencia. Unha das maiores críticas ao goberno, dende hai anos, é sobre o sistema de cotas aprobado en 1972 polo chamado pai do país, Bangabandhu, pai da actual primeira ministra de Bangladesh, que reserva un 30% dos postos de funcionariado a descendentes de combatentes pola liberdade. 

Un traballador en Bangladesh © Moncho Iglesias Míguez

Nun país novo, cun 20% da poboación desempregada, os berros de netas e netos do movemento de liberación aclaman xustiza para as novas xeracións

A comezos de xullo, a Corte Suprema ratificou o sistema de cotas, e dende ese momento alzou a voz a Universidade de Daca, que pide maior presenza de méritos académicos no emprego público. Nun país novo, cun 20% da poboación desempregada, os berros de netas e netos do movemento de liberación aclaman xustiza para as novas xeracións, sen que haxa implicacións políticas. Con todo, as rúas de Daca volvéronse encher de sangue estes días. 

Así o gritan milleiros de estudantes que defenden un futuro mellor fronte ao que chaman un novo alumnicidio, tras a morte de varias persoas durante as protestas

Sen esquecer as violencias doutras partes do mundo, nomeadamente a de Gaza, xorden comparacións sobre as inxustizas e estoupan alarmas sobre conflitos

E así o gritan dende o asfalto milleiros de estudantes que defenden un futuro mellor fronte ao que chaman un novo alumnicidio, tras a morte de varias persoas durante as protestas deste e doutros actos. 

Bangladesh © Moncho Iglesias Míguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.