Carta aberta a unha vítima de agresión sexual

Unha das imaxes da campaña 'En negro contra as violencias machistas' © 'En negro contra as violencias machistas'

Compañeira: nosoutras, as feministas estamos ao teu carón, damos alento e apoio ao teu proceder, pois somos sabedoras que desde o intre en que decidiches facer a denuncia pola agresión da que fuches vítima, comezaches un percurso de dor, sufrimento, agresións, descualificacións e vexacións sen nome

Compañeira, amiga, comadre, muller valente agredida sexualmente: nosoutras, as feministas estamos ao teu carón, damos alento e apoio ao teu proceder, pois somos sabedoras que, desde o intre en que decidiches facer a denuncia pola agresión da que fuches vítima, comezaches na andaina dun percurso de dor, sufrimento, agresións, descualificacións e vexacións sen nome. Por iso dámosche as grazas no nome de tantas mulleres que non denuncian por medo a ese camiño de perigosidade.

No teu caso, compañeira, como xa se está a ver, ese camiñar está a ser máis agresivo, pois o presunto agresor é un home poderoso e, por iso, o seu clan político e social está a utilizar ese poder para tentar facer del un mártir. Teñen os medios de comunicación e de descualificación -que non de información- ao seu servizo e empregaranos até a fin.

Por iso, como muller e vítima, queremos que sintas o noso apoio, agarimo, denuncia e loita ao teu carón. SE TOCAN A UNHA TÓCANNOS A TODAS. 

No teu caso, compañeira, como xa se está a ver, ese camiñar está a ser máis agresivo, pois o presunto agresor é un home poderoso e, por iso, o seu clan político e social está a utilizar ese poder para tentar facer del un mártir. Teñen os medios de comunicación ao seu servizo e empregaranos até a fin

Os feminismos saben moi ben que os camiños da xustiza e da verdade son longos e cheos de perigos, mais hai que deixar que actúen conforme a dereito, por iso queremos que recibas a calor, a forza, as voces e o apoio de tantas e tantas mulleres que foron valentes, coma ti, para denunciar os seus agresores,que maiormente son da súa contorna máis próxima. 

Sabemos que as túas palabras falan verdade e que vas precisar azos, afouteza e moita perseveranza para chegares até a fin dese camiño que abriches coa túa denuncia, queremos que recuperes o teu sosego e a túa vida de muller libre e forte e por iso pediremos xustiza, estaremos nas rúas, nas prazas, para que a verdade de vítimas coma ti sempre sexa a que se escoite.

Grazas, amiga, comadre, compañeira, pola túa verdade e afouteza e que pronto sande esa ferida que abriu no teu corpo un agresor e que agora o seu poder e vileza queren de novo encher de lixo e negrura porque fuches quen de non calares. Sabías moi ben que os silencios son sempre cómplices cos agresores e que as mulleres precisan dos apoios de tantas para vivir as vidas que lles corresponden de pleno dereito. 

Nosoutras, as feministas, estaremos sempre ao teu carón na verdade e na xustiza. Obrigada pola túa afouteza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.