Fai poucas datas o Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou un demoledor informe que poñía en evidencia e devalo demográfico que sofre Galicia dende fai xa algunhas décadas. Un informe que, a pesar de que algúns medios de información galegos o minimizaron cando non o ocultaron –non vaia ser que a Xunta de Galicia lles retire a subvención-, non deixa lugar ás dúbidas.
Como xa teño sinalado neste mesmo medio o devalo demográfico dun pais pode deberse a variables diferentes e variadas. Nembargante as evidencias europeas nos mostran como unhas son mais relevantes que outras. Así por caso a situación do mercado laboral e a medida do benestar social están entre as mais decisivas. Dúas variables nas que Galicia aparece no furgón de cola entre as comunidades autónomas españolas.
En relación ao mercado laboral o nivel de emprego e moi especialmente de emprego feminino aparece como unha variable de grande incidencia no balance demográfico. Non por casualidade os estados europeos con maior vitalidade demográfica (os estados escandinavos) presentan os maiores índices de ocupación feminina (entre o 70% e o 75%: os mais elevados da Unión Europea cuxa media está no 63%). Comparemos por caso eses valores co índice galego (42,5%) e empezaremos a entender algúns dos por qué do devalo demográfico de Galicia.
Si analizamos as políticas de benestar social a resposta a pregunta anterior é aínda mais negativa. E de sobras coñecido que España, e con ela Galicia, é un dos estados europeos que menos gasto público destina a protección social (27% do PIB) dentro da Unión Europea (31% na zona euro pero que acada o 40% nos estados escandinavos). Durante os últimos mandatos e por mor das políticas de axuste fiscal que aplicaron os últimos gobernos do Partido Popular (PP) o gasto público en protección social en Galicia tivo uns dos recortes mais elevados de España (-7,5%, fronte ao -7,1% de media no estado) situándose nos derradeiros anos 5,5 puntos por baixo da media española en térmenos per capita. Si tódalas funcións públicas de benestar inciden sobre a dinámica demográfica hai unhas con maior preso que outras. Por caso familia/infancia función na que Galicia presenta un elevado déficit como evidencian tódalas estatísticas oficiais.
Como sinalan os informes mais fiables (EUROSTAT, OCDE, BM) nos estados escandinavos as políticas que incidiron favorablemente no emprego feminino e no estado de benestar provocaron un cambio positivo na evolución demográfica deses países. Uns países que demostraron como o devalo demográfico case nunca é casual senón que ten, na maioría dos casos, causas políticas xa que, por caso, as políticas de igualdade de xénero e de mellora da conciliación e a vida familiar teñen efectos inmediatos na evolución demográfica.
Un baixo nivel de ocupación feminino frea a independencia da muller e a súa liberación –as mulleres queren e deben ter os mesmos dereitos a traballar que os homes-. A carencia duns servizos públicos de axuda a familia e a infancia supoñen case sempre unha sobrecarga para as mulleres que deben compaxinar o seu traballo profesional –si o teñen- co traballo familiar. Ámbolos dous fenómenos inciden negativamente na fertilidade das mulleres, na formación das familias e, xa que logo, no devalo demográfico.
Un goberno que ignora estas evidencias, como sucede coa actual Xunta de Galicia, non pode ocultar as súas responsabilidades. Moito mais cando leva tantos anos gobernando e con maiorías absolutas.