Facer ou non facer, esa é a cuestión (ideolóxica)

Alumnado dun centro escolar galego © Xunta

Se as persoas responsables -dirección, claustro, consellaría- deciden non cambiar (denunciar) nada para manter a “tranquilidade” do centro, esa omisión non é neutral, esa omisión é unha forma de violencia neutral que consegue empoderar as familias máis retrógradas, o alumnado máis irrespectuoso e o profesorado máis elitista

O mundo está feito de contrastes: ricas e pobres, gordos e fracos, quen actúa e quen queda á marxe… e tamén, ese grupo esquivo que nin fai nin deixa facer, limitándose no mellor dos casos só a observar e a fomentar a política de non facer nada, ou o que é o mesmo, a política de inacción deliberada, que non se trata dunha simple pasividade, senón dunha estratexia consciente na que se decide non intervir, na que se decide deixar que as cousas sigan o seu curso (“como se fixo sempre”) ou como di o refrán: “máis vale malo coñecido que bo por coñecer”.

Se aplicarmos este concepto (inacción deliberada) a un ámbito concreto, o sistema educativo -tanto o actual como o que está por vir- a análise vólvese reveladora e “preocupante”. Os institutos de secundaria non son máis que unha mostra do que acontece na sociedade, un espello no que se reflicten, en pequena escala, as mesmas dinámicas que operan fóra das súas paredes. É como se, nese cubículo, se concentrasen unha mostra de cada un dos “tipos humanos” que se relacionan utilizando as mesmas estruturas de poder, as mesmas inxustizas e as mesmas loitas que definen a realidade social.

A inacción non é neutral cando falamos de espazos onde adolescentes pasan polas aulas como fantasmas, cando se cortan debates por medo e cando o profesorado máis comprometido paga as consecuencias

Imaxinemos agora un sistema onde as desigualdades cada vez son máis evidentes, onde o mesmo tipo de alumnado queda sempre atrás, onde os privilexios se repiten xeración tras xeración. Se as persoas responsables -dirección, claustro, consellaría- deciden non cambiar (denunciar) nada para manter a “tranquilidade” do centro, esa omisión non é neutral, esa omisión é unha forma de violencia neutral que consegue empoderar as familias máis retrógradas, o alumnado máis irrespectuoso e o profesorado máis elitista. O sistema educativo non pode ser só currículo e avaliación, debería ser un espazo onde as decisións -e as non decisións- teñen consecuencias destacables porque as mensaxes que o alumnado recibe (de maneira directa ou indirecta) son claras. Imos pór algún exemplo, imaxinemos que nun centro público onde se coloca unha exposición que relata historias de crianzas, mulleres e homes asasinados en Gaza na último ano un pai decide protestar porque ten un lema que el vincula cun tema político e inmediatamente se retira, sen cuestionar. Que mensaxe chega á nosa mocidade? “Mellor non meterse en problemas (co pai) que fomentar o debate”. 

O sistema educativo pode ser unha ferramenta de transformación, mais tamén unha máquina de perpetuar o que xa existe, fomentando así a neutralidade ideolóxica. Nesta neutralidade non hai espazo para o pensamento crítico, senón para a perpetuación da inacción, facilitando o prohibir e dificultando, pois sempre foi máis cómodo silenciar que dialogar

Agora pensemos nas crianzas migrantes que chegan ao longo do curso e chocan cunha maquinaria burocrática que os trata como “problemas” e non como persoas. Non hai adaptacións reais, nin tempo para acompañamento emocional. O importante é que cada docente dea as súas horas e non “interrompa” nunca o normal funcionamento do centro. Que mensaxe chega á nosa mocidade? “Mantente no teu lugar sen ollar para o lado e interrompendo o menos posible”. Estas condutas premian así a pasividade e castigan a iniciativa, levándonos a unha integración fallida que reproduce desigualdades, que non se adapta a elas/es e si se lles exixe que se adapten ou que marchen.

Por tanto, a inacción non é neutral cando falamos de espazos onde adolescentes pasan polas aulas como fantasmas, cando se cortan debates por medo e cando o profesorado máis comprometido paga as consecuencias. O sistema educativo pode ser unha ferramenta de transformación, mais tamén unha máquina de perpetuar o que xa existe, fomentando así a neutralidade ideolóxica. Nesta neutralidade non hai espazo para o pensamento crítico, senón para a perpetuación da inacción, facilitando o prohibir e dificultando, pois sempre foi máis cómodo silenciar que dialogar. O alumnado aprende así que “de política non se fala”, que “non se chora en público” -retirando as emocións da aula- e que pensar pode ser un risco -tal e como xa representou Castelao: así aprenderán a non ter ideas.

A emoción, o posicionamento crítico e a subxectividade non son perigos que debamos evitar: son ferramentas fundamentais para construírmos unha cidadanía libre, consciente e comprometida. Hai unha liña moi fina entre a prudencia e a covardía. E mentres direccións e claustros debaten protocolos, hai rapaces e rapazas aprendendo que certas realidades non merecen ser nomeadas. A neutralidade cómoda é, no contexto educativo, unha forma de violencia institucional, saber do problema e mesmo así, escoller non moverse.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.