Informe PISA: sobre excesos e ausencias

Aula dun centro de ensino © Xunta

A narrativa dominante sobre o informe PISA —as pantallas empeoran o rendemento— ten un efecto halo: deslumbra e cega outros detalles que tamén teñen interese

Dende que se publicou o Informe PISA 2025 non paramos de ler artigos, columnas, fíos e comentarios que o interpretan, o explican e, sobre todo, o xulgan. Hai algo profundamente irónico en que un informe que fala, entre outras cousas, da perda de curiosidade e da présa cultural na que vivimos, teña xerado precisamente máis présa —máis titulares rápidos, máis conclusións apresuradas—. Mal de moitos, mal dun tempo que habitamos. Eu tampouco escapo desa présa ao escribir isto. Mentres leo opinión tras opinión, análise tras análise, pregúntome cantos de nós lemos realmente o informe enteiro, se alguén o terá impreso ou todos recorremos a pantallas, se tomamos notas mentres o faciamos ou botamos man dunha IA para que nos fixera un resumo dos principais argumentos. A ningún de nós se nos avalía a comprensión lectora: aumentou, diminuíu, mantívose igual? Cústame crer que isto sexa só cousa das novas xeracións e non nos estea a afectar, e moito, tamén a nós. Que pensarán eles e elas de todo isto e das nosas opinións?

A narrativa dominante sobre o informe PISA —as pantallas empeoran o rendemento— ten un efecto halo: deslumbra e cega outros detalles que tamén teñen interese. Daniel Kahneman explicaba hai anos, en Pensar rápido, pensar despacio, como a nosa mente busca case sempre a explicación máis inmediata e coherente, aínda que sexa incompleta, antes que soster a incerteza dunha causa complexa.

España case duplica a media da OCDE en escaseza percibida de persoal, e esa carencia dispárase nos centros públicos fronte aos privados

O analista xefe da OCDE, Tue Halgreen, sinalou que a coincidencia temporal entre a extensión dos móbiles e a caída das competencias lectoras en tantos países á vez é, na súa opinión, "probablemente a razón principal" do declive. Debemos aceptar entón que hai un exceso de pantallas que require corrección. Pero iso non debería facernos esquecer o que é, cando menos, igual de fundamental: o déficit de presenza humana que hai detrás dese exceso.

O informe español, o que desagrega por comunidades, pregunta ás direccións dos centros ata que punto a falta de persoal condiciona a súa capacidade de ensinar. O resultado é contundente: España case duplica a media da OCDE en escaseza percibida de persoal, e esa carencia dispárase nos centros públicos fronte aos privados, precisamente nos máis desfavorecidos, onde máis se precisaría reforzar os recursos. Tamén iso é, no fondo, un déficit de presenza.

As familias con menos nivel socioeconómico adoitan ter tamén menos acceso a alternativas — apoio académico fora dos centros educativos, actividades extraescolares, recursos culturais que non adoitan ser gratuitos— e menos tempo para estar presentes. O exceso de pantallas fala tamén dunha desigualdade que a receita individual de "menos móbil" non resolve

Hai, ademais, un compoñente de clase neste debate. A recomendación de "desconectar as pantallas" presupón un tempo e uns recursos que non están repartidos por igual: quen ten un traballo precario, ou varios, ten por definición menos dispoñibilidade para acompañar. As familias con menos nivel socioeconómico adoitan ter tamén menos acceso a alternativas — apoio académico fora dos centros educativos, actividades extraescolares, recursos culturais que non adoitan ser gratuitos— e menos tempo para estar presentes. O exceso de pantallas fala tamén dunha desigualdade que a receita individual de "menos móbil" non resolve.

Escoitei ao meu colega José Ramón Ubieto dicir que ningún neno ou nena nace cunha pantalla baixo o brazo. Somos nós quen llelas facilitamos, nunha cultura orientada á captación permanente da atención e do desexo, o que Amador Fernández-Savater chama a protocolización da vida cotiá. Iván Illich, hai xa cincuenta anos, deulle nome a ese tránsito: a pasaxe da ferramenta, algo que se usa para un fin e logo se deixa aparcada, ao sistema, no que xa non usamos a tecnoloxía desde fóra, senón que pasamos a formar parte dela. Vivimos hoxe, dirían autoras como Flavia Costa, en pleno Tecnoceno, habitando arquitecturas deseñadas para capturar a atención, das que cada vez resulta máis difícil situarse fóra.

O informe PISA achega un fío a ter en conta: un dos apoios máis eficaces que poden dar as familias é simplemente falar cos fillos sobre o que fixeron na escola. Non fai falta ser profesor para acompañar. Fai falta poder estar presente

O informe PISA achega un fío a ter en conta: un dos apoios máis eficaces que poden dar as familias é simplemente falar cos fillos sobre o que fixeron na escola. Non fai falta ser profesor para acompañar. Fai falta poder estar presente. E presenza, aquí, non significa soamente compañía: significa corpo, contacto físico, fricción, a calidez dunha man ou dunha mirada, un límite, unha orientación basada na experiencia persoal que ningunha pantalla pode substituír.

Por iso o título. A mensaxe de fondo no informe PISA trata un exceso, o das pantallas, e unha ausencia, a de suficientes adultos con tempo dispoñible para os vínculos. A pregunta sería entón como favorecemos a curiosidade, a disposición ao esforzo, o desexo de aprender que este informe di que estamos a perder. Todas elas precisan de presenza sostida e corporal de persoas adultas que transmiten o desexo de aprender e vivir. Sabendo, ademais, que esa presenza xa non se pode dar por suposta, hai que crear e protexer, de forma deliberada, política, os espazos —familiares, escolares, comunitarios— que aínda non foron enteiramente colonizados polo propio sistema. Este é o reto que nos lanza PISA e ben seguro que non se responde con présa. Nin sequera con este artigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.