1. As galegas que, desde o 29 de outubro, seguimos con anguria a desastrosa calamidade provocada pola dina (principalmente) na Comunitat Valenciana, sorpréndenos topar tantos paralelismos entre o noso momento Nunca Máis, vivido hai 22 anos xa, e este momento Nunca Máis valenciano.
Durante o episodio do Prestige, os galegos aprendemos moitas das cousas que acabaría abordando con brillantez a xornalista Naomi Klein na súa maxistral obra Shock Doctrine. The Rise of disaster capitalism
En ambos casos, trátase dun desastre inducido pola neglixente xestión pública de certos riscos sobrevidos, pero non imprevisibles, onde as autoridades (in)competentes pugnan ao tempo por escapar da súa evidente responsabilidade político-administrativa, amañar os desperfectos catastróficos, e gañar a batalla dos relatos políticos.
Durante o episodio do Prestige, os galegos aprendemos moitas das cousas que acabaría abordando con brillantez a xornalista Naomi Klein na súa maxistral obra Shock Doctrine. The Rise of disaster capitalism (A doutrina do Shock. A auxe do capitalismo do desastre, 2007), en especial o seu capítulo sobre a xestión da terrible crise do Katrina (Nova Orleans) no ano 2005. A capacidade das oligarquías políticas e económicas para aproveitar no seu beneficio os desastres, especialmente os causados polas súas propias neglixencias, é moi alta.
2. No caso valenciano, as dinas non poden cualificarse como fenómenos climáticos imprevisibles ou extraordinarios. Pola súa climatoloxía mediterránea e a súa morfoloxía territorial, a recorrencia deste tipo de riadas destrutivas é frecuente. Así o acredita a historia recente.
A esta altura, é máis que evidente que, con esas previsións meteorolóxicas, a produción de tantos mortos é un testemuño obxectivo das fatais consecuencias que tivo a omisión de medidas de protección civil, que debían ter sido adoptadas pola autoridade competente
É certo, sen embargo, que a virulencia desta dana foi extraordinaria. A súa gravidade está relacionada directamente co quecemento global, moi especialmente coa inusual elevación da temperatura do Mediterráneo durante este verán. O tren de tormentas previsto pola AEMET deu lugar á alerta vermella desde primeira hora do día 29. A previsión foi acertada: a colisión dos ventos cálidos de Levante e os ventos fríos da atmósfera nas montañas das cabeceiras da cunca do Turia e o Júcar acabou provocando un tsunami fluvial explosivo, que, pola orografía do terreo, correu en moi pouco tempo cara o mar por unha zona moi urbanizada, que continuaba desenvolvendo os seus quefaceres cotidianos.
3. A esta altura, é máis que evidente que, con esas previsións meteorolóxicas, a produción de tantos mortos é un testemuño obxectivo das fatais consecuencias que tivo a omisión de medidas de protección civil, que debían ter sido adoptadas pola autoridade competente. Unha autoridade que non era outra que a Generalitat Valenciana, conforme á Lei 17/2015, do sistema nacional de protección civil e a lei valenciana 13/2010, de protección civil e de xestión de emerxencias. Ambas leis, estatal e autonómica, por certo, feitas polos gobernos de Mariano Rajoy e Francisco Camps, ambos do Partido Popular.
Xuridicamente, a protección civil defínese (artigo 1 da Lei 17/2015) como un instrumento da seguridade pública e “el servicio público que protege a las personas y bienes garantizando una respuesta adecuada ante los distintos tipos de emergencias y catástrofes originadas por causas naturales o derivadas de la acción humana, sea ésta accidental o intencionada”. Se isto é así, a omisión das medidas proporcionadas aos enormes riscos de riada que as alertas da AEMET e os datos da Confederación Hidrográfica do Jücar foron poñendo de manifesto durante todo o día 29 (lembremos que o aviso de alerta aos móbiles foi enviado ás 20:03 horas pola Generalitat Valenciana), abre á porta a dúas posibles calificacións xurídicas do acontecido:
Agora xa sabemos que o negacionismo climático pode provocar moitas mortes por imprudencia. Na súa minimización do risco, no desprezo das alertas, o Presidente Mazón foi vítima da súa propia ideoloxía e dos intereses aos que representa. Sábeo, aínda que aplicase, noqueado, o manual de guerra de Feijóo
- No ámbito penal, a produción de delitos de homicidio imprudente do artigo 142 CP, en concurso con delito de estragos por imprudencia grave (artigo 347 CP).
- No ámbito administrativo, un caso paradigmático de responsabilidade patrimonial da Administración por mal funcionamento do servizo de protección civil, onde a grande discusión xirará arredor de se a dina, na era do quecemento global, debe considerarse ou non forza maior exoneradora da responsabilidade (art. 32.1 Lei 40/2015, e 34.1: “No serán indemnizables los daños que se deriven de hechos o circunstancias que no se hubiesen podido prever o evitar según el estado de los conocimientos de la ciencia o de la técnica existentes en el momento de producción de aquéllos, todo ello sin perjuicio de las prestaciones asistenciales o económicas que las leyes puedan establecer para estos casos”).
4. A ideoloxía do negacionismo climático, gobernante na Comunitat Valenciana, foi probablemente a causa determinante da irresponsable minimización dos riscos por parte dos responsables do Goberno valenciano.
Ese mesmo día, 29 de outubro, esa ideoloxía de “non pasa nada que deba preocuparnos, podemos seguir no business as usual” expresábase tamén no acordo do PP con Vox para ampliar a edificación de hoteis en zona litoral.
Agora xa sabemos que o negacionismo climático pode provocar moitas mortes por imprudencia. Na súa minimización do risco, no desprezo das alertas, o Presidente Mazón foi vítima da súa propia ideoloxía, e dos intereses aos que representa. Sábeo, aínda que desde o primeiro minuto aplicase, noqueado, o manual de guerra de Feijóo, cuxo primeiro capítulo se titula “Transfire sempre as túas responsabilidades ao inimigo político”.
Deberemos estar atentos para seguir o festín de capitalismo do desastre que se aveciña: esa será a segunda dina nacida do desgraciado día 29 de outubro
O Goberno valenciano segue así, noqueado; buscando como xestionar unha desfeita que o sobrepasou até ameazar a súa supervivencia política. Onte domingo estivo en vigor nos municipios máis afectados, até as 23:59, un toque de queda, para manter a marea de voluntarios a raia o día en que Felipe VI ía visitar a zona.
5. Estamos ainda na fase de resposta inmediata á catástrofe (artigo 16 da Lei 17/2015). Localizar os mortos, identificalos, desentullar, garantir a alimentación da poboación, restituir as redes de abastecemento de auga, electricidade e transporte...O traballo levará semanas. Sen embargo, a experiencia indica que xa está en marcha o capitalismo do desastre, na procura de que os seus beneficios, tanto en sentido político como económico, caian nas persoas correctas. Pedro Sánchez anunciou para o Consello de Ministros deste martes un cheque en branco de diñeiro público para a reconstrución por vía de emerxencia. Pola súa parte, as empresas de seguros de fogar e do automóbil tratarán de escudarse na forza maior para evitar uns pagos que as leven á ruína; con toda probabilidade, buscarán que eses danos se cubran primeiro coas xenerosas axudas extraordinarias que, sen dúbida, habilitarán o Goberno central e autonómico.
Dada a magnitude dos danos, a brutal confrontación política do PP contra goberno central, e a crecente tensión social existente en Valencia, deberemos estar atentos para seguir o festín de capitalismo do desastre que se aveciña: esa será a segunda dina nacida do desgraciado día 29 de outubro.