O dereito ao conflito intelectual. Neutralidade, cancelación e crise do debate na escola

Alumnado nun instituto galego © IES Rosais 2 (Vigo)

A escola está deixando de ser un centro de discusión e pensamento crítico para funcionar como unha trincheira emocional fronte ao conflito. Para mudar esta tendencia, profesorado e Administración deben actuar como árbitros que reivindiquen a racionalidade, a validez argumentativa e a dúbida como condicións da madurez cívica e intelectual

Hai un ano, as instrucións da Consellería de Educación para o curso 2025/2026 sementaron a polémica ao esixir unha "neutralidade ideolóxica" que supuña fiscalizar o labor docente. Formulada desde o poder executivo, esta medida asumiuse como unha limitación da autonomía pedagóxica orientada cara a unha escola amordazada, cun profesorado temeroso de abordar tensións sociais e políticas nas aulas.

A resposta sindical da CIG-Ensino foi inmediata ao denunciala como unha manobra de censura autoritaria, pero, máis alá da lexítima defensa da liberdade de cátedra, a súa protesta incorre nunha fonda contradición: reproduce dinámicas propias de certo activismo contemporáneo que pretende establecer o que se pode discutir e o que non.

A diferenza de poder e de responsabilidade entre a inspección educativa e o profesorado é evidente, pero en ambos os casos revélase unha dificultade na xestión da discrepancia e, como resultado, o debilitamento da capacidade da escola para asumir o conflito intelectual como algo inherente ao proceso educativo.

O enfrontamento debe entenderse como a manifestación dunha crise cultural máis ampla e multifactorial: a degradación do debate público, o auxe do autoritarismo e do dogmatismo e a dificultade de distinguir entre disenso e agresión. Unha das expresións máis claras deste fenómeno é a cultura da cancelación, unha mecánica de control social no espazo dixital que substitúe o debate racional pola forza punitiva da masa. Mediante o sinalamento e a descontextualización, búscase a invalidación e o ostracismo de quen disente.

[Prodúcese] unha crise cultural máis ampla e multifactorial: a degradación do debate público, o auxe do autoritarismo e do dogmatismo e a dificultade de distinguir entre disenso e agresión

Esta dinámica saltou desde as redes cara a outros ámbitos. No político, a hiperpolarización transforma o desacordo nunha loita moral contra un inimigo que hai que destruír, mesmo dentro das propias organizacións, mentres os medios obteñen lucro espallando a indignación. O proceso agrávase cando as institucións ceden á presión social ou adoptan este xeito de actuar. Como consecuencia, medra unha espiral do silencio na que parte da cidadanía prefire calar por medo a ser estigmatizada, xerando unha sensación de unanimidade que oculta os matices e o pluralismo real.

As aulas non quedan exentas de reproducir esta inercia social, que se manifesta especialmente a través da autocensura: parte do alumnado evita apartarse do defendido polo seu grupo de iguais por medo ao illamento, mentres que hai profesorado que esquiva os temas espiñentos por temor a queixas de estudantes e familias ou á actuación da inspección. Neste contexto, iniciativas como os “espazos seguros”, concibidos en teoría para previr a discriminación, acaban funcionando como protección emocional fronte a ideas incómodas. A función pedagóxica pasa así de confrontar o pensamento a protexer a sensibilidade do alumnado. Ao evitar o contraste das ideas, debilítase a capacidade crítica da mocidade e redúcese a súa tolerancia á frustración, deixando unha sociedade cada vez menos habituada a dirimir as súas diferenzas.

A resposta ante a intolerancia esixe asertividade e, en caso necesario, a aplicación de protocolos de protección fronte ao acoso, pero prohibir sen desarmar o argumento adoita provocar unha reacción á defensiva que reforza a rebeldía na mocidade

Perante esta deriva, a escola pública non debe ser un espazo de proselitismo nin de silencio, senón un lugar no que se defenda a diversidade ideolóxica e caiban todas as ideas que respecten a dignidade humana. Porén, o problema xorde hoxe na propia definición dese respecto, cando o disentimento racional se etiqueta como un ataque á dignidade e se asimila ao discurso de odio.

Con frecuencia nas aulas, ante discursos reaccionarios —como actitudes machistas, racistas ou fascistas— óptase pola condena inmediata sen abrir canles á refutación argumentada. A resposta ante a intolerancia esixe asertividade e, en caso necesario, a aplicación de protocolos de protección fronte ao acoso, pero prohibir sen desarmar o argumento adoita provocar unha reacción á defensiva que reforza a rebeldía na mocidade. Algo semellante acontece cando determinadas consignas, símbolos e bandeiras se introducen no ámbito educativo sen filtro crítico, converténdose en mantras que clausuran o diálogo e que provocan tamén respostas defensivas ríxidas.

Ao se redefinir o respecto, o tabú estendeuse cara a calquera formulación incómoda, etiquetando como ofensivo o desacordo. A combinación de ambas as dúas dinámicas —a asunción acrítica de consignas e a mecánica da cancelación— normalizouse como unha práctica docente ordinaria ante calquera discurso conflitivo, facendo que o ensino funcione como un tribunal moral que dita sentenzas, en troques de educar mediante a discusión racional, os datos e as evidencias.

Ao se redefinir o respecto, o tabú estendeuse cara a calquera formulación incómoda, etiquetando como ofensivo o desacordo. Un dos exemplos máis visibles desta perversión atópase hoxe na xestión educativa das tensións entre o feminismo materialista e o esencialismo identitario trans e queer

Un dos exemplos máis visibles desta perversión atópase hoxe na xestión educativa das tensións entre o feminismo materialista e o esencialismo identitario trans e queer, onde o imperativo ético de protexer o alumnado do acoso non debería implicar a asimilación automática de marcos ideolóxicos específicos. Porén, na práctica, determinados símbolos e proclamas deste último adoitan introducirse nos centros educativos sen mediación crítica, mentres calquera tese fundamentada na categoría material do sexo é respondida cun forte sinalamento público e intentos de cancelación.

O caso descrito exemplifica unha tendencia máis ampla a converter desacordos teóricos en cuestións morais excluíntes. Un sector da comunidade educativa asume que certas discrepancias non son admisibles por “atacaren as persoas”, un recurso retórico que rebaixa controversias xurídicas, científicas e políticas a simples disxuntivas morais. A gravidade do problema non está na existencia de posturas enfrontadas, senón en expulsar a confrontación de ideas das aulas co pretexto de protexer as emocións. Reducir unha discusión lexítima á categoría de “fobia” actúa como un mecanismo de veto intelectual. O profesorado incorre así na contradición de denunciar o autoritarismo da Administración ao mesmo tempo que normaliza formas de censura dentro da contorna educativa.

Fronte á anestesia ideolóxica e á hexemonía moral, as aulas deben ser espazos de pluralismo deliberativo capaces de soster unha sociedade máis aberta, democrática e plural

A escola está deixando de ser un centro de discusión e pensamento crítico para funcionar como unha trincheira emocional fronte ao conflito. Para mudar esta tendencia, profesorado e Administración deben actuar como árbitros que reivindiquen a racionalidade, a validez argumentativa e a dúbida como condicións da madurez cívica e intelectual. A educación non debe erguer muros ante as formulacións incómodas, senón ofrecer ferramentas para comprender, cuestionar e intervir no mundo con liberdade e igualdade. A democracia necesita o conflito intelectual e cómpre aprender a convivir con el. Fronte á anestesia ideolóxica e á hexemonía moral, as aulas deben ser espazos de pluralismo deliberativo capaces de soster unha sociedade máis aberta, democrática e plural.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.