O 'minhoto' Franco Grande

Xosé Luís Franco Grande CC-BY-SA Estevoaei

Se algo define a identidade de raíz de Xosé Luís Franco Grande, esa é a condición de militante minhoto, un perfil que vai mais aló das súas orixes en Tebra – a onde sempre tamén regresaría- e que cabe afincar na cosmovisión principal das súas percepcións intelectuais básicas. Ese estranxeiro próximo arredor do Minho era por el vivido como propio e sabía percorrelo de principio a fin.

Certo que mostrou sempre Franco Grande un profundo sentimento de admiración xeral polo país veciño, de convencemento sentido, de identificación coa fala e cultura populares e ata de proximidade política en moitos aspectos. Mais sempre profesou tamén unha comuñón espiritual que vivía particularmente arredor do mais íntimo universo minhoto. 

Franco Grande, á dereita de Xulio Ríos, nunha reunión do Consello Reitor do Igadi en 2016 © Igadi

Nese construto vivencial, cabe dimensionar adecuadamente aspectos como a paisaxe ou a gastronomía que tanto inflúen nas nosas –e nas súas- vivencias cotiás, anque non só, con curiosidades amplas que chegarían ata a antropoloxía. Como acontece en quen coñece todo o habido e por haber, non houbo recuncho que escapara ás súas habelencias neste campo, desfrutando sempre a emoción de cada descubrimento que o motivaba a continuar coa pesquisa, tan paciente como distendida e irreverente. 

E naquel rural en boa medida malogrado en Galicia, atopaba aínda na outra beira un espazo para o desenvolvemento que lle alegraba o corazón e alentaba a súa creatividade poética. Transcendendo a mera anécdota, cada manifestación dese mundo moi vido a menos e ata perdido para nós, era interpretado como expresión dunha sabedoría alternativa marcada por un dignísimo florecemento. 

É sorprendente que sendo tantos os minhotos de a pe poucos sexamos os conscientes reclamadores desa identidade. Será que vivímola como el a vivía, de forma totalmente natural, sen aditivos. Pero sorprende tamén que tras anos tantos de autonomía, de eurorrexión e bla bla bla, tan pouco se teña feito arredor da teorización e o estudo desa comunidade intelectual e humana que Franco Grande sabía recoñecer tan ben.

Pasados dous anos xa de cando nos deixou, estou seguro que se algo bota de menos alá onde estea serán os paseos e xantares polas beiras dos ríos ata as terras da Peneda e a Portela de Homem, entre as laxes dos altos e os toxos bravos, en mundos alleos a este mundo e aos que sempre querería volver. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.