O pasado 6 de outubro, o pleno do Parlamento galego aprobou por 50 votos do PP e do PSdG o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Así se publicou o acordo no BOPG do 9 de outubro:
Co voto en contra do BNG, rachouse finalmente o consenso unánime co que o Parlamento galego aprobara en setembro do 2004 o primeiro Plan Xeral de Normalización Lingüística.
Fóra desta dimensión política, que foi a que máis atraeu a mirada pública, acontece que a natureza, metodoloxía de elaboración, actores, estrutura e contidos do PXNLG de 2026 resulta ser sustancialmente similar ao do ano 2004. Por iso o propio Plan insiste en denominarse a sí propio como unha “actualización”. Ben mirado, o único sustancialmente novo do Plan do 2026 é que esta actualización se fixo desbotando conscientemente a realización dunha avaliación previa dos resultados do Plan do 2004, que fose quen de identificar os seus efectos na consolidación do proceso de substitucion lingüística do galego polo castelán que as enquisas do IGE evidencian.
Os redactores do Plan limitáronse a facer unha análise DAFO puramente intuitiva, non empírica, sobre fortalezas e debilidades de cada sector. Desbotouse, pois, facer unha (auto)avaliación seria dos efectos do Plan do 2004, que permitise situar de maneira obxectiva o seu resultado de cara a unha correcta reorientación para os vindeiros anos.
Esta eiva estrutural de partida, que lastra a credibilidade de toda a “actualización”, non é apenas unha expresión máis da indiferenza fronte aos datos sociolingüísticos que deberían asentar unha política pública lingüística coherente; está directamente relacionada coa filosofía neoliberal da política lingüística deseñada polo Partido Popular de Galicia: se o uso das linguas debe deixarse á liberdade individual dos seus usuarios, sen “imposicións”, os poderes públicos deben absterse de regular con normas ou plans vinculantes a normalización dese uso, limitándose a recomendalo e subvencionalo.
Tal é a razón de fondo que explica a intanxibilidade das normas legais e regulamentarias de normalización da lingua, e tamén a propia concepción da actualización do Plan de 2004 como un conxunto de simples recomendacións por sectores. Ainda que isto do Dereito, na nosa cultura política, sexa unha leria burguesa, coido que é interesante profundizar na valoración xurídica que o Plan suscita. Para iso, abordaremos en primeiro lugar a desregulación conxénita da planificación lingüística galega e nun segundo lugar as súas consecuencias sobre o procedemento de aprobación e natureza mesma do Plan do 2026.
O insuficiente marco regulatorio da planificación lingüística
É importante partir, en primeiro lugar, da confusa e escasa regulación que a Lei de Normalización Lingüística de 1983 fai dun tema tan central como é o da planificación lingüística.
Os seus artigos 22 e 23 limítanse a atribuirlle ao Goberno galego “a dirección técnica e o seguimento do proceso de normalización da lingua galega”, e a establecer que “establecerá un plan destinado a resalta-la importancia da lingua como patrimonio histórico da comunidade e a poñer de manifesto a responsabilidade e os deberes que esta ten respecto da súa conservación, protección e transmisión”. Máis do que unha planificación lingüística estandarizada, o que este último artigo contempla é máis ben unha campaña de comunicación ou sensibilización.
Como pode observarse, esta confusa regulación da LNL de 1983 non define nin remite a ningún tipo de norma concreta esa planificación do proceso de normalización do galego. Simplemente, atribúelle unhas funcións moi difusas ao Goberno galego, e omite calquera participación do Parlamento. Ao entregar ao Poder executivo unha carta branca de tal amplitude, a indeterminación legal da planificación lingüística supuxo unha eiva grave, que ata á vontade política gubernativa o conxunto das políticas de normalización dos últimos corenta anos. E tamén a actualización do 2026.
Por iso, no Foro participativo Un País coa súa Lingua impulsado polo Consello da Cultura Galega en marzo do 2025 defendín que, antes de facer un novo plan, era necesario e inaprazable superar este marco desregulado, mediante o desenvolvemento regulamentario da LNL de 1983, na liña do xa previsto polas leis de normalización basca (disposición adicional segunda) e catalana (artigo 39 da Lei de 1998), cuxas planificacións lingüísticas son obxecto de detalladas disposicións xerais (por exemplo, Decreto 19/2024, de 22 de febrero) que homologan a súa elaboración cos principios e técnicas de boa regulación usadas para todas as disposicións xerais das administracións públicas. A cuestión recolleuse así no documento final:
Ese esforzo de regulación xurídica debería tería sido o punto de partida para asentar a planificación lingüística de xeito consensuado sobre unhas bases sólidas a respecto dos seguintes items:
Fixación da natureza xuridicamente vinculante da planificación
Fixación dos datos relevantes para facer diagnósticos sociolingüísticos obxectivos, empíricos, dentro da mellor ciencia disponible e das operacións estatísticas públicas;
Regulación dos órganos competentes para a planficación;
Fixación dos obxectivos, o ámbito temporal e dos indicadores de seguimento.
Fixación dos procedementos de elaboración, seguimento e control dos plans;
Fixación das medidas de execución e os orzamentos vinculados nun escenario plurianual.
Por suposto, a proposta non tivo ningunha repercusión. Todos os actores, desde os partidos políticos da oposición até o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega, asumiron como ineluctable ese tradicional marco desregulado de xogo do Partido Popular que nos trouxo até esta triste ratio do 52,9% versus 45,5% de castelanfalantes fronte a galegofalantes (IGE, 2023). Ninguén parece acreditar no Dereito como arma de transformación social no ámbito das prácticas lingüísticas da cidadanía.
O procedemento de elaboración e a natureza do Plan
O trámite impulsado pola Xunta para que o Parlamento se pronunciara sobre o Plan foi o previsto para as comunicacións enviadas pola Xunta de Galicia, previsto nos artigos 140 e 141 do Regulamento do Parlamento. Non se seguiu o trámite previsto para os plans polo artigo 142.
Esta precisión é importante, porque pon de manifesto que o Parlamento non pudo incidir no seu contido a través dos mecanismos de emenda. Simplemente, limitouse a expresar o seu respaldo a un plan xa negociado e pechado polo Goberno, mediante unha votación de conxunto. Visto o efecto “caixa de resonancia” do trámite parlamentar, o BNG, ademáis de votar en contra, aproveitou para colar no BOPG a súa contraproposta de “Plan Lingua Vital”.
É tamén relevante subliñar a natureza xurídica “feble” do Plan finalmente aprobado. Ainda que formalmente “visto” e votado polo Parlamento, o Plan segue mantendo a súa natureza de documento gubernativo carente de rango de disposicion xeral e, por tanto, non vinculante para os operadores xurídicos.
Por iso nin é obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, nin pode ser obxecto de recurso contencioso-administrativo directo ou indirecto, nin o seu contido pode fundamentar unha demanda por inactividade administrativa na súa execución. A súa eficacia xurídica é puramente declamatoria, non vinculante en termos xurídicos, como moitas das “estratexias” feitas polas consultoras privadas para adornar en nutridos PDFs as políticas sectoriais neoliberais da Xunta de Galicia. En definitiva, limítase a recoller un feixe de diagnoses, propostas e recomendacións para os operadores xurídicos, mais sen exixibilidade xurídica por terceiros.
Esta é a razón pola que as condicións introducidas polo PSdG durante a negociación política do Plan non pasan de ser meras recomendacións. Por exemplo, as de avaliación e seguimento do Plan, previstas na páxina 55:
O 2026 remata, pois, con tres pésimas noticias para o galego: a) a aprobación dunha actualización do Plan do 2004 que perpetúa a súa inanidade como mecanismo de planificación sociolingüística vinculante; b) o decaimento da proposición de Lei Orgánica de garantía do plurilingüismo tras o peche da XV lexislatura; c) a atribución á propia Xunta da competencia das entidades locais para realizar políticas de normalización lingüística
Pola natureza non obrigatoria do Plan, o cumprimento efectivo destas formas de avaliación ten pior pronóstico que a famosa disposición adicional quinta do Decreto 79/2010, reiteradamente incumprida polo Goberno durante 16 anos –pese a estar recollida nunha disposición xeral xuridicamente exixible– porque toca o corazón do modelo neoliberal do PP: a realidade empírica debe diluirse para que se manteña a visión ideolóxica da realidade. A adicional quinta, por certo, manténse intacta na nova versión do Decreto que introduce o Proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas para adaptalo ao acordo político do PSdG.
Pasada a metade desta lexislatura, o resultado da actualización do plan do 2004 é un novo buffet libre posto ao día con medidas variopintas distribuídas por sectores, sen financiamento vinculado nin calendarización precisa, nin indicadores de resultado que permitan reorientar iterativamente o propio Plan. Durante como mínimo seis anos, todo volve ficar nas mans da vontade política do Goberno galego (que, por certo, acaba de propoñer no proxecto de Lei de Medidas adiar as modificacións do Decreto 79 ao curso 2028-2029), e no seu discrecional uso da capacidade de gasto no programa 151A Fomento da Lingua Galega, ese marco de escasez sobre o que descansa o business as usual dos últimos 17 anos, que todos ben coñecemos.
Unha ollada ao proxecto de orzamento para 2027 confirma que o incremento do orzamento disponible da Secretaría Xeral da Lingua (un millón e medio de euros pactado co PSdG) impútase á partida 640, a máis discrecional de todas, que pasa de 3.015.213 € a 4.268.123 €, polo que o secretario xeral da Lingua terá ainda máis gasolina para atar afinidades. Mesmo así, o conxunto do orzamento deste programa para 2027, 14.686.543 €, fica moi lonxe dos 21.531.377 € do ano 2009, último orzamento do Bipartito.
O 2026 remata, pois, con tres pésimas noticias para o galego: a) a aprobación dunha actualización do Plan do 2004 que perpetúa a súa inanidade como mecanismo de planificación sociolingüística vinculante; b) o decaimento da proposición de Lei Orgánica de garantía do plurilingüismo e dos dereitos lingüísticos da cidadanía perante as institucións do Estado tras o peche da XV lexislatura; c) a atribución á propia Xunta da competencia das entidades locais para realizar políticas de normalización lingüística (artigo 6.3 do proxecto de Lei da Administración Local de Galicia, actualmente en tramitación parlamentar).