En 2023 transmitinlles aos candidatos do BNG e do PSdG á presidencia da Xunta, posíbeis medidas de política lingüística para un goberno de coalición. Unha delas foi o esbozo dun proxecto de galeguización do comercio
En 2023 transmitinlles aos candidatos do BNG e do PSdG á presidencia da Xunta, posíbeis medidas de política lingüística para un goberno de coalición. Unha delas foi o esbozo dun proxecto de galeguización do comercio, que explico con maior amplitude a continuación.
O comercio é unha das actividades máis dinámicas das sociedades. Con grande prestixio. Proxecta infinitos signos de modernidade, expande mensaxes que se converten en hábitos e xera permanente imitación. É un sector inmenso e omnipresente na vida das persoas.
A lingua galega apenas ten presenza escrita na rotulación exterior, nin dentro das tendas, mentres que diminúe progresivamente na oralidade. Trátase de ausencias que están naturalizadas. Non é que sexa unha percepción natural, por suposto, pero si que está profundamente interiorizada na colectividade.
O que quere dicirse é que hai un sentido común estabelecido, segundo o cal á actividade interna, á rotulación e á conversa nos comercios, lles corresponde a lingua castellana case plenamente, a inglesa por sofisticación, e case nada a galega.
A lingua galega apenas ten presenza escrita na rotulación exterior, nin dentro das tendas. Trátase de ausencias que están naturalizadas. Hai un sentido común estabelecido, segundo o cal á actividade interna, á rotulación e á conversa nos comercios, lles corresponde a lingua castellana case plenamente, a inglesa por sofisticación, e case nada a galega
Unha vez que se formula o cuestionamento comeza a dubidarse dese sentido común, e chégase á evidente conclusión contraria, consciente e momentánea. Pero antes non, e despois de abandonar o razoamento tampouco. A mente volverá ao “sentido común”, loxicamente colectivo, que non se reflexiona, porque é unha constancia solidamente aceptada. Está aí. Asúmea todo o mundo. Tamén as persoas sensíbeis coa cousa lingüística. A proba é que cando se pensa en modificar a situación social da lingua, o centro de atención son sempre os outros ámbitos, principalmente os que están relacionados coas obrigas legais das administracións. Aqueles nos que os poderes públicos poden e deben ser interpelados para que cumpran. Mais este non.
Se houbese consciencia do que significa o ámbito comercial para a lingua, teríamos visto, ao longo dos case cincuenta anos que dura o que se deu en chamar normalización lingüística, experiencias de certa consideración no comercio. Desde os gobernos da Xunta de Galicia e desde os concellos. Pero apenas. A atención vaise unicamente para os órganos dependentes dos gobernos e case nunca se detén no privado, que pola súa dimensión vén sendo algo así como a cara oculta da lúa. Case tan grande como a que se ve.
Hai ademais outro aspecto decisivo á hora de activar este campo. A súa voluntariedade. Os actores principais son persoas singulares, ou empresas, de cuxa vontade depende a incorporación da lingua ás súas actividades. É un proceso de abaixo arriba na toma da decisión. Os protagonistas son soberanos, deciden eles e tal exercicio, ao ser activo, resulta fundamental para reforzar a vitalidade lingüística. A necesidade de coordinación de tantos colectivos privados, a posta en marcha, o intercambio de experiencias e sobre todo a decisión de facelo, debería provocar unha relativa reformulación dos puntos de vista, removendo unha rutina que até agora nunca foi cuestionada. Inmóbil como unha montaña.
Hai poucas experiencias en Galicia, poucos antecedentes nos que fixarse
Hai poucas experiencias en Galicia, poucos antecedentes nos que fixarse. Aquelas campañas de rebaixas de finais dos anos oitenta. Consistían nun sinxelo cartaz, feito no inicio por Calros Silvar, deseñador e daquela imaxineiro, por así dicir, de Sargadelos. Fora masivamente exhibido polos comerciantes, case con entusiasmo. Asolagara as rúas. O dato da óptima acollida é moi importante.
Posteriormente houbo tamén algunhas experiencias municipais. Lembro agora a de Compostela e a de Pontedeume, onde o empeño da súa técnica de normalización lingüística produciu resultados orixinais. Aínda que moi timidamente, a paisaxe urbana da vila incorporaba a lingua galega nos luminosos dos negocios, para alén das cartas dos restaurantes e outros soportes dese tipo.
Un proxecto para catro anos, os que dura unha lexislatura, ha partir da administración autonómica, colaborando coas administracións locais e cos demais actores, que son moitos. Asociacións de pequenos, medianos ou grandes empresarios, traballadores, sindicatos, especialistas da Xunta, técnicos de normalización lingüística municipais, empresas de rotulación, de publicidade e de deseño
Desenvolvo a continuación a relación de protagonistas institucionais e privados, cos seus roles respectivos e a coordinación pertinente.
Un proxecto para catro anos, os que dura unha lexislatura, ha partir da administración autonómica, colaborando coas administracións locais e cos demais actores, que son moitos. Asociacións de pequenos, medianos ou grandes empresarios, traballadores, sindicatos, especialistas da Xunta, técnicos de normalización lingüística municipais, empresas de rotulación, de publicidade e de deseño. E tamén lingüistas. É doado comprender que nunha xeira así a función dos lingüistas, como tais lingüistas, se limita a velar pola calidade da lingua empregada. Seguro que faltan outros oficios, porque isto non é máis que unha descrición apurada.
Corresponde a iniciativa, proxectada para catro anos, ao departamento de política lingüística da Xunta de Galicia, co nivel xerárquico que teña, (dirección xeral, secretaría, consellaría) e á Dirección Xeral de Comercio, en coordinación permanente. Coa imprescindíbel compenetración e supervisión das dúas personalidades que ocupen a presidencia e vicepresidencia da Xunta.
O nomeamento do director xeral de comercio e dos demais cargos superiores dese departamento tería que estar condicionada por esta actividade, compoñendo un equipo firmemente comprometido.
A transversalidade da política lingüística no organigrama autonómico foi moitas veces demandada, seguindo o modelo de Cataluña. Dito doutra maneira: a esixencia de superioridade xerárquica do departamento de normalización lingüística, sobre os demais, á hora de activar políticas lingüísticas en toda a trama institucional é unha fórmula importada de Cataluña.
En Cataluña funciona, porque a conciencia e a disposición consecuente de todos os cargos autonómicos enténdense como seguras. Mais esa realidade non ten correspondencia en Galicia, nin remotamente. É por tanto unha demanda estéril, sen utilidade. No caso galego cómpre restrinxir esa condición unicamente aos departamentos implicados no desenvolvemento do programa concreto de política lingüística que pacte a coalición.
As liñas de axuda para a galeguización terían que estar vinculadas ás iniciativas de modernización da imaxe corporativa das empresas e á reforma dos estabelecementos. As axudas destinadas especificamente á modernización comercial, serían reforzadas por estoutras.
Estabeleceríase unha liña de colaboración coas deputacións e os concellos, coa finalidade de estender territorialmente o proxecto, a través das concellarías de política lingüística e dos servizos de normalización lingüística.
Asesoramento particularizado, da Xunta e dos servizos municipais, para comercios pequenos e medianos que decidan galeguizar calquera dos aspectos cotiáns das súas actividades.
Elaboración e sistematización dos materiais necesarios, lingüísticos, terminolóxicos, guías de recursos, etc. Colaboración institucional fluída coas empresas de rotulación, publicidade, deseño e impresión. Asesoramento toponímico e lingüístico. Encontros informativos con estas empresas e coordinación permanente.
Os concellos e as deputacións carecen de orzamentos para abordar un proxecto desta dimensión en solitario. As competencias principais de comercio e de política lingüística residen no poder autonómico. Mais si que teñen capacidade para convidar (mellor colectivamente) ao actual goberno da Xunta a pactar este plan
Esta breve descrición está destinada á pequena e mediana empresa. Mais a coordinación entre o departamento de comercio e o de política lingüística debería crearse para ficar, proxectando tamén, co tempo, o seu labor sobre a grande empresa, a banca e a rotulación de mercadorías, tanto da empresa galega como da foránea. Mais iso supera as capacidades, necesariamente restrinxidas, dun período de catro anos.
Un convite para rematar. Os concellos e as deputacións carecen de orzamentos para abordar un proxecto desta dimensión en solitario. As competencias principais de comercio e de política lingüística residen no poder autonómico. Mais si que teñen capacidade para convidar (mellor colectivamente) ao actual goberno da Xunta a pactar este plan. Mesmo cuantificando previamente o orzamento. Coidando loxicamente de que non quede todo nunha pantomima destinada a facer que se fai, como no resto das actuacións directas do Partido Popular na política lingüística. Para iso mellor ficar quedos.