As declaracións de Valentín García sobre o galego en Europa son unha vergoña

Retrato de Ana de Mendoza, Princesa de Éboli. Alonso Sánchez Coello. S. XVI. Dominio Público

Valentín García, secretario de política lingüística de Galicia, coroou a escornada afirmando nunha declaración desprezábel que converter o galego en lingua oficial da UE é unha imposición

O xornal ABC titulaba, neste mes de maio de 2025, que Núñez Feijó, expresidente da Xunta de Galicia e actual líder do PP, “intenta frear o sprint final de Sánchez para impoñer o catalán na UE”. Afonso Rueda valorou máis tarde que o gasto en lingua é un malgasto, deslizando a insinuación de que en calquera circunstancia. Valentín García, secretario de política lingüística de Galicia, coroou a escornada afirmando nunha declaración desprezábel que converter o galego en lingua oficial da UE é unha imposición. 

A obriga de García como autoridade é a de apoiar vehementemente a aprobación e amecer propostas enriquecedoras para que o estándar do galego se combine co do portugués na UE, seguindo o ronsel da Lei Paz Andrade. En troca de comunicar barbaridades ultras á opinión pública. Esta hostilidade verbal non ten precedentes nos organismos destinados ao fomento do galego.  

No artigo “Boicotear a lingua catalá”, en La Vanguardia, Jordi Basté  afirma que o PP combate activamente o catalán, que o sabotea, e pregúntase por que esa aversión tan profunda, case patolóxica. Di que non se trata dunha posición pasiva e silenciosa, senón dunha operación orquestrada e planificada buscando apoios en contra da propia lingua en toda a UE. Onde Basté escrebe catalán deberemos poñer nós galego. 

A obriga de García como autoridade é a de apoiar vehementemente a aprobación e amecer propostas enriquecedoras. En troca de comunicar barbaridades ultras á opinión pública. Esta hostilidade verbal non ten precedentes nos organismos destinados ao fomento do galego

Jordi Juan, director dese mesmo xornal, valora “a contumaz campaña dos populares para frear como sexa a oficialidade destas linguas en Europa” e Salvador Illa, presidente da Generalitat de Cataluña, considera que o obstrucionismo do PP inhabilita a Núñez Feijó para ser presidente do goberno español.

Ao mesmo tempo que se atacan as linguas con semellante virulencia, Valentín García e o seu equipo pretenden actualizar o Plan Xeral de Normalización Lingüística e din que buscan todos os apoios. A xesticulación positiva é o cebo do PP.  Porque satisfai en certa medida os seus votantes e clientes favorábeis á lingua. Agora con García disparado en horas pico. O núcleo duro comprende esa xesticulación como unha necesidade, sabendo que nunca se cumprirán  os obxectivos marcados.

Ao mesmo tempo que se atacan as linguas con semellante virulencia, Valentín García e o seu equipo pretenden actualizar o Plan Xeral de Normalización Lingüística e din que buscan todos os apoios

A actualización do Plan limítase á formulación escrita do desexo. A hipótese de poñelo en práctica é absurda. Os actores sociais que participan na nova redacción incorporarán medidas, mais as autoridades do PP non as implementarán. Non haberá traslado ningún á práctica do fomento. Só xestualización cordial. Porque o PP sitúa os seus límites nesa fronteira, absolutamente precisa. As linguas periféricas deben someterse ás leis do darwinismo, ditadas pola lingua dominante, sen intervención que  modifique o proceso evolutivo. 

Nos momentos determinantes móstranse como son, agresivos e radicalmente contrarios a calquera avance. Cando o momento resulta concluínte para golpear, fano sen dubidalo. Son saboteadores, segundo as palabras de Jordi Basté. 

Nos longos períodos de calma obran como serenos xestores, tratando de inculcar a mensaxe de que non hai máis nada que facer, que  todo está determinado pola realidade social e culturalmente inerte de Galicia. Neste medio século lograron instalar unha inhibición colectiva practicamente absoluta. Entre os cidadáns non se fala do valor do idioma, do vínculo sentimental e moito menos da utilidade. 

A actualización do Plan limítase á formulación escrita do desexo. A hipótese de poñelo en práctica é absurda. Os actores sociais que participan na nova redacción incorporarán medidas, mais as autoridades do PP non as implementarán

Observando o escenario xorden preguntas. Algunhas para os defensores da lingua que arestora colaboran na renovación do Plan. A principal é se lles paga a pena seguir nestas condicións. 

Mais cómpre preguntarse tamén se os límites da aceptación da lingua por parte do PP non se seguirán restrinxindo. O actual presidente da Xunta proclama abertamente que se perdesen o goberno galego e pasasen á oposición, arremeterían contra as medidas incluídas no PXNL que supoñan obrigatoriedade legal. Pero tolerarían as de sensibilización? Opoñeríanse ás campañas que fomentasen o uso voluntario? Axitarían a rúa en contra do malgasto en actividades sensibilizadoras sabendo que o diñeiro se podería dedicar a “prioridades maiores”? 

O actual presidente da Xunta proclama abertamente que se perdesen o goberno galego e pasasen á oposición, arremeterían contra as medidas incluídas no PXNL que supoñan obrigatoriedade legal. Pero tolerarían as de sensibilización? Opoñeríanse ás campañas que fomentasen o uso voluntario?

Estamos seguros de que non se opoñerían a unha campaña destinada aos inmigrantes, que lles dese a coñecer os aspectos básicos da lingua e da cultura do país? Atreveríanse a dicir que na Sanidade cómpre o diñeiro que se malgasta en lingua? Poden chegar a algo así para buscar votos? Seguro que non comezarán a considerar que todo é malgasto e perda de presenza do castellano? Pretenderán boicotear calquera iniciativa que produza unha intensa reflexión colectiva arredor do idioma?

O PP evita, xa agora, as actividades de sensibilización. A campaña “Saca a lingua que levas dentro” é a da montaña que pariu un rato. Conscientemente invisíbel. O obxectivo estratéxico do PP é consolidar unha España uniformizada e para iso traballan, todos. Non para fortalecer diferenzas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.