Queridas teorías da conspiración: Perejil, práctica previa á teoría (VI)

Illa de Perexil, dende a costa africana CC-BY-SA eForge

O que xulgo inconcibíbel é que eses medios de comunicación, até hoxe mesmo, silencien un antecedente tan escandaloso e comecen todos de acordo o seu relato coa invasión dos xendarmes no Perejil o 11 daquel xullo. Antes dese día non recoñecen que acontecese nada, e cando enumeran as posíbeis causas da chegada dos xendarmes omiten a previa intrusión da Armada española

O que segue será conspiración ou non, mais teoría non é: son feitos probados, aínda que ocultados.

O advento dos xendarmes na illa ten lugar o 11. Cinco días antes entrara na baía de Alhucemas (Al Hoceima, augas territoriais pristinamente marroquís) unha flotilla da Armada española. Catro corvetas e un buque de desembarque. Eran as prácticas fin de curso da Escola Naval de Marín, dando voltas arredor do rochedo de Alhucemas, de propiedade militar española. 

Até aquel momento había un acordo –penso que tácito, asumido, non escrito– para que a Armada española fixese augada e aprovisionamento ao rochedo, o que sempre realizaba algún pequeno buque auxiliar sen obxección marroquí. Aquela aparición foi algo moi distinto. Pregunto se pode cualificarse de maneira outra que de provocación. Houbo protesta diplomática de Marrocos, abofé.

Quen a decidiu? Non o sei. Puido ser o comandante da flotilla sen pedir permiso, o que me estrañaría moito, puido ser o Estado Maior da Armada, o goberno ou o presidente Aznar en persoa. As posibilidades son múltiples, e por aí cabe volver despregar teorías da conspiración innovadoras e variadas. Facédeo vós, que eu non. 

Quen a decidiu? Non o sei. Puido ser o comandante da flotilla sen pedir permiso, o que me estrañaría moito, puido ser o Estado Maior da Armada, o goberno ou o presidente Aznar en persoa

Ao quinto día desembarcaron os xendarmes. Seis. Na migalla de illa aquela, ben lonxe de Alhucemas/Al Hoceima.

Tamén me pregunto se algún español con poder non ficaría moi decepcionado, se non agardaba de Marrocos unha resposta máis ampla, aparente, irritada, espectacular.

O que si sei, e vai máis conspiración, é que a prensa e medios españois, da dereita, esquerda (e mediopensionistas, dirá o máis ocorrente), as radios e televisión, até onde eu sei, non fixeron a menor mención. Algunha filtración lles fuxiu: grazas a elas pode relatarse con seguridade aquela acción. 

O que xulgo inconcibíbel é que eses medios de comunicación, até hoxe mesmo, silencien un antecedente tan escandaloso e comecen todos de acordo o seu relato coa invasión dos xendarmes no Perejil o 11 daquel xullo. Antes dese día non recoñecen que acontecese nada, e cando enumeran as posíbeis causas da chegada dos xendarmes omiten a previa intrusión da Armada española.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.