3 chamadas en 2 minutos e sanción por non coller o teléfono: nova condena ao Sergas por incumprir as normas das listas de substitución

Protesta do persoal eventual do Sergas nunha imaxe de arquivo © Eventuais en Loita

O Tribunal Superior di que “non é de recibo” equiparar coa mesma penalización unha renuncia expresa a un chamamento para unha substitución que non coller o teléfono cando as chamadas non se axustaron “ás esixencias normativas”

Hai dous anos unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), revelada por Praza.gal, puxo en evidencia como a Xunta incumpre as súas propias normas de xestión das listas de substitucións para traballar no Sergas cando hai postos vacantes. Daquela foi condenada por sancionar a unha traballadora da lista de substitucións por non atender os chamamentos que lle fixo dous días seguidos, o primeiro con catro chamadas telefónicas en seis minutos e o segundo con tres chamadas en catro minutos.

Agora o mesmo tribunal volve condenar á Xunta por outra situación similar, pero desta volta por chamamentos en días moito máis separados nos que, en cada xornada, realizou tres chamadas telefónicas en apenas dous minutos. A traballadora non colleu o teléfono e o Sergas sancionouna “relegándoa ao final do listado” de substitución, algo que agora o TSXG anula argumentando que “non é de recibo” equiparar coa mesma penalización unha renuncia expresa a un chamamento que non coller o teléfono cando as chamadas non se axustaron “ás esixencias normativas” coas que as regulou o propio Sergas.

Protesta de enfermeiras eventuais en Silleda en 2019, cando se produciron os feitos agora xulgados © Eventuais en Loita

Cando o Sergas ten unha praza vacante e quere chamar ao seguinte nas listas de substitucións a súa propia normativa establece que debe facelo “mediante comunicación telefónica rexistrada". Esa comunicación "deixará constancia da data e das horas en que se efectúa, o obxecto da chamada así como a identidade da persoa que a realiza”.

“Ningún tipo de urxencia xustificou a Administración, pese a ser da súa incumbencia a carga da proba sobre este substancial extremo”, censura o tribunal

“Nos chamamentos de carácter urxente efectuaranse dúas chamadas”, di a norma, mentres que “nos restantes chamamentos en que medie un prazo de antelación suficiente á data de inicio do vínculo, efectuaranse un mínimo de tres chamadas, nas cales se procurará que o intervalo entre cada unha delas non sexa inferior a 15 minutos”. Neses casos, “se o chamamento se efectúa cunha antelación inferior a 3 horas ao inicio da prestación de servizos, a aceptación será voluntaria para o/a aspirante en primeiro chamamento e obrigatoria en segundo chamamento”.

No caso agora resolto, di o tribunal, “ningún tipo de urxencia xustificou a Administración, pese a ser da súa incumbencia a carga da proba sobre este substancial extremo”. Malia non haber esa urxencia, o TSXG considera probado que o Sergas chamou á traballadora sen que esta collese o teléfono unha vez o 24 de decembro de 2018, tres veces en dous minutos o 3 de xaneiro de 2019, outras tres veces en dous minutos ao día seguinte, e outras tres veces en dous minutos o 22 de xaneiro daquel ano. Ao non coller o teléfono, o Sergas sancionouna relegándoa ao final da lista de substitucións. 

Sede da Consellería de Sanidade e do Sergas CC-BY-NC-SA CIG

A traballadora recorreu primeiro na vía administrativa a sanción da Xunta, que a ratificou. Despois foi á vía xudicial e un xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago deulle a razón hai un ano, pero a Xunta recorreu aquela sentenza ante o TSXG. E agora é este tribunal o que confirma que o Goberno galego actuou indebidamente e salienta que non é a primeira vez que o fai, lembrando a antedita sentenza de hai dous anos.

O TSXG conclúe que o incumprimento da propia Xunta “converte en inxusta e excesiva a penalización que se fixo” e condena á Xunta a indemnizar a traballadora por danos e prexuízos

A norma de chamamentos sinala que con carácter xeral “a persoa aspirante localizada deberá comunicar a aceptación do nomeamento proposto no momento do chamamento” e que “a falta de confirmación” por parte da persoa “así como o rexeitamento ao nomeamento proposto, sen causa xustificada, penalizarase”. Pero neste caso nin a persoa foi “localizada” nin, polo tanto, puido rexeitar o chamamento, que é o que está penalizado. Así que o tribunal considera que “non é de recibo equiparar, no presente caso, á hora de penalizar, unha renuncia inxustificada a un chamamento coa non recepción dunha comunicación telefónica desaxustada ás esixencias normativas”.

A sentenza tamén critica que o Sergas, que non puido xustificar a urxencia das chamadas, apele “á dilixencia da aspirante procurando estar en todo caso en condicións de cumprir o deber de dispoñibilidade cando, pola súa banda, incumpre o deber de xestionar as listas de vinculación” como establece a normativa. “Certo é que a actora nunca chegou a dar razón da súa reiterada falta de resposta aos chamamentos que se lle efectuaron, e certo é, tamén, que, nalgún caso concreto das diferentes ofertas que se lle intentou facer si podía concorrer algunha situación de urxencia, atendida a data e hora de inicio da vinculación”, concede o tribunal, pero conclúe que o incumprimento da propia Xunta “converte en inxusta e excesiva a penalización que se fixo”.

Fragmento da sentenza do TSXG que volve condenar á Xunta por incumprir as normas das listas de substitucións do Sergas CC-BY-SA Praza Pública

Por iso, o TSXG ratifica a sentenza previa do xulgado de primeira instancia e ordena restituír á traballadora no lugar que debería ocupar na lista de non ser relegada ao último posto e a “indemnizala polos danos e prexuízos” que sufriu cunha suma que se determinará durante a fase de execución da sentenza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.