4.500 millóns en seis anos: os plans de Transportes para o Corredor Atlántico, a maioría para liñas ferroviarias

Autoridades no acto de balance do Corredor Atlántico na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Un ano despois de nomear un comisionado para o Corredor Atlántico, que chegou seis anos despois que o do Mediterráneo, o ministerio anuncia un grupo de traballo con Xunta e patronal para impulsar actuacións

O ministro de Transportes, Óscar Puente, presentou este xoves na Coruña o que denominou "avances" do Plan Director do Corredor Atlántico en Galicia, unha caste de balance do xa executado e do pendente de executar das principais redes de transporte priorizadas e financiadas pola UE no país. Un balance [aquí o PDF da presentación] no que, como xa fixera hai un ano, salientou que nas dúas últimas décadas xa se executaron 33.000 dos 49.000 millóns en que se cuantifican as diversas actuacións integrantes do corredor.

Resumo esquemático de en que consiste o Corredor Atlántico © Ministerio de Transportes

Dos investimentos que restan,segundo o ministerio, ata o primeiro fito temporal da UE, 2030, investiranse 3.059 millóns de euros na rede denominada básica, a máis prioritaria, que debera estar rematada para esa data. Nese mesmo período, o seguinte chanzo, a rede global ou non tan prioritaria, fixada no horizonte de 2050, recibirá igualmente 1.502 millóns para así "adiantar" a súa execución. 

O ferrocarril recibirá 3.300 millóns ata 2030, dos que 1.300 son para proxectos xa en execución

O groso do investimento de 4.561 millóns previstos para os próximos anos irá destinado ao ferrocarril, elemento fundamental dos plans da UE e dos seus corredores, que recibirá 3.355 millóns, dos que 1.312 millóns se corresponden con proxectos que xa están en execución, 1.501 millóns irán a actuacións na rede básica e 541 millóns á rede global. 

Investimentos ferroviarios no Corredor Atlántico © Ministerio de Transportes

Pero o Corredor Atlántico inclúe tamén actuacións en materia de estradas, portos ou intermodalidade, con actuacións na A-55 Vigo-Tui, a Avenida Alfonso Molina da Coruña ou a construción en distintas fases das estacións intermodais das principais cidades galegas. 

Para coordinar o impulso do Corredor Atlántico o ministerio nomeou un comisionado, José Antonio Sebastián, en xaneiro do pasado ano, seis anos despois de facer o mesmo para o Corredor Mediterráneo. Pero será aínda agora cando se cree un grupo de traballo no que participarán a Xunta e a patronal galega para "facer seguimento da evolución das distintas actuacións e axilizar a súa execución". O grupo, di o ministerio, "estará coordinado polo Comisionado e contará cunha oficina con sede en Galicia". Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu diálogo entre as partes para "enriquecer" os proxectos.

O acto sobre o Corredor Atlántico realizouno o ministro na Coruña tras viaxar desde Madrid nun dos trens Avril que comezará a operar en Galicia o próximo martes. [A estrea dos trens Avril inicia unha xeira de melloras ferroviarias que continuarán "xa" os Avlo de baixo custe]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.