Unha decada despois da chegada da alta velocidade e dous anos e medio despois do AVE ata Ourense o ministro de Transportes promete progresivas melloras dos servizos coa Meseta a medida que avancen as obras de Chamartín
Tras unha espera de varios anos polas demoras de Talgo na súa posta en servizo, o próximo martes 21 de maio comezarán a operar os trens Avril cos que Renfe prestará servizos AVE, os de maior velocidade, tamén ás cidades atlánticas galegas. Este xoves, a xeito de presentación dos novos servizos, o ministro de Transportes, Óscar Puente, fixo unha viaxe desde Madrid parando en Ourense, Santiago -onde subiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda- e A Coruña, recorrido no que asegurou que nos próximos meses seguirán mellorándose "horarios e frecuencias" a medida que avancen as obras de ampliación que actualmente se están a facer na estación madrileña de Chaamartín e que reduciron a súa capacidade "un 25%".
Entre esas melloras Puente asegurou que estarán "xa" os servizos de alta velocidade de baixo custe, denominados Avlo. O ministro non concretou ese "xa", pero posteriormente o ministerio, nunha nota de prensa, indicou que será "desde principios de outubro" cando haxa un Avlo por sentido a Vigo e A Coruña.
Os Avril que agora comezarán a operar en Galicia presentan como principal característica o seu ancho de rodadura desprazable, o que os permite circular tanto polo ancho de vía ibérico da rede interior galega como polo ancho internacional da liña coa Meseta. Iso xa o podían facer os Alvia, pero a súa velocidade é inferior, así que agora os Avril permitirán estender os servizos AVE que ata agora só chegaban a Ourense tamén ata as cidades atlánticas. Será dous anos e medio despois da chegada deses servizos a Ourense e 12 anos e medio despois da chegada da alta velocidade á liña A Coruña-Santiago-Ourense.
Entre os Avril e os Alvia haberá oito trens de alta velocidade por sentido ao día entre Galicia e Madrid
Cos Avril, e á espera das melloras cando Chamartín así o permita, serán en total oito os trens de alta velocidade por sentido -sumando AVE e Alvia- cada día entre Galicia e a Meseta, algo menos nas fins de semana. Ese é o número de trens que dará servizo en Ourense, pero aínda que o resto de cidades terán menos conexións directas, Renfe oferta billetes combinados con transbordos garantidos. O ministerio tamén avanzou que desde outubro todos os servizos serán con trens Avril e non Alvia, agás Lugo, onde están en marcha obras de mellora da súa conexión con Ourense.
Este xoves, na viaxe de presentación, o ministro Puente asegurou que de momento os Avril, grazas á súa maior capacidade, xa van permitir "máis que duplicar" a oferta de prazas anterior, con catro millóns de prazas entre Ourense e a Meseta, que serán dous millóns ata Vigo e outros dous millóns ata A Coruña. Segundo dixo, é o "colofón a un traballo de moitos anos" que xustificou porque "os trens eran un prototipo" que había que desenvolver" e que agora tanto Renfe como o resto de empresas privadas que estean interesadas poderán encargar e ter dispoñibles con máis rapidez.
Ademais do ancho de rodadura variable, os novos trens presentan varias características particulares, como os seus accesos ao mesmo nivel dos apeadoiros, sen escalóns, a capacidade de ata cinco asentos por fila -menos en preferente- ou a presenza de pantallas individuais en cada asento. Ademais, o Avril é o primeiro tren que circula a 300 quilómetros por hora na liña de alta velocidade entre Ourense e Santiago.
O ministro aproveitou a viaxe no Avril ata A Coruña para presentar este xoves nesa cidade o plan director do corredor atlántico ferroviario, coas principais melloras que xa están en marcha e futuras.