Renfe comeza este xoves a venda de billetes para os novos servizos que implantará a partir do 21 de maio, coa expectativa de máis frecuencias e prazas a partir do verán
Este xoves Renfe comezará a venda de billetes para os novos servizos de alta velocidade que implantará a partir do 21 de maio entre Galicia e a Meseta tras a longamente adiada entrega por parte de Talgo dos trens Avril. O ancho de rodadura desprazable destes trens, que poden circular tanto polo ancho de vía ibérico da rede interior galega como polo ancho internacional da liña coa Meseta, permitirá estender os servizos AVE que ata agora só chegaban a Ourense tamén ata as cidades atlánticas. Será xusto dous anos e medio despois da chegada deses servizos a Ourense e 12 anos despois da chegada da alta velocidade á liña A Coruña-Santiago-Ourense.
Os novos servizos, unidos aos xa existentes servizos Alvia, lixeiramente máis lentos e que eran os que chegaban ás cidades atlánticas, farán que en total sexan oito os trens de alta velocidade por sentido cada día entre Galicia e a Meseta, algo menos nas fins de semana. Ese é o número de trens que dará servizo en Ourense, pero aínda que o resto de cidades terán menos conexións directas, Renfe oferta billetes combinados con transbordos garantidos.
Tomando Ourense como gran nó da alta velocidade galega, os novos servizos ofrecen trens desde esa cidade a Madrid desde as 6.30 horas da madrugada ata as 21 horas da noite, con frecuencias cada menos de entre unha e tres horas. No sentido inverso, haberá trens desde as 8 ata as 20.32 horas.
Os tempos de viaxe ata Ourense serán como ata agora, de 2 horas e 15 minutos para os servizos AVE e algo menos de 3 horas para os Alvia, mentres que se verán recortados en 16 minutos na Coruña e Vigo e en 18 minutos en Santiago. En Lugo hai que ter en conta que as actuais obras de modernización manteñen a liña pechada e os servizos préstanse por estrada ata Ourense.
Os Avril, de maior capacidade, tamén permitirán ofrecer un maior número de prazas semanais, ata 39.000, un 20,3% máis que na actualidade, segundo os cálculos de Renfe. Porén, as obras de ampliación que se están a realizar na estación madrileña de Chamartín, a onde chegan todos os servizos do noroeste peninsular, condicionan as frecuencias e horarios que pode ofrecer de momento Renfe -similares ás que había ata agora aínda que con mellores prestacións- polo que se agarda que a partir do verán poida haber aínda máis prazas e frecuencias. Tamén está pendente o comezo de operacións en Galicia dos trens de baixo custe de Renfe, o servizo Avlo.