A apelación de Feijóo aos gobernos "estables" suscita a hilaridade no resto de forzas

Feijóo, nun acto electoral da pasada fin de semana CC-BY-SA PPdeG

"Asegurar a estabilidade dos concellos". Esta é unha das frases máis reiteradas polo presidente da Xunta e do PPdeG nas últimas semanas e, moi especialmente, dende o inicio da campaña do 24-M. Na súa intensísima axenda electoral, a mesma que está a reducir á mínima expresión a súa actividade pública como xefe do Goberno, Alberto Núñez Feijóo, proclama que os seus candidatos son a única alternativa fronte a unha masa informe e caótica. O que ten enfronte é segundo o caso, un "caos liderado por Podemos" e "os comunistas", os que "caeron derrotados na Transición" ou "Podemos ou como 'coño' se chame en cada sitio", que servirían de apoio para "o PSOE" ou "o nacionalismo" e, sobre todo, fonte de "inestabilidade". Estas advertencias suscitaron este luns a hilaridade no resto de forzas.

Ante as iradas intervencións protagonizadas nos últimos días por Feijóo, que este luns fai campaña en Ferrol, Mugardos e Betanzos, outras formacións políticas animaron o presidente a facer un exercicio de memoria para cuestionar se, por exemplo, gobernos locais como o de Santiago poden ser exemplo da estabilidade que agora invoca o PP. Así, por exemplo, dende o PSdeG o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, bota man da retranca para declararse "sorprendido" por que Feijóo "reclame gobernos estables". "Xa os tiveron na Coruña, Ferrol e Santiago", di o socialista. "

"Eu os gobernos estables do PP non os quero", sinala Besteiro, quen insta o líder dos conservadores aclarar se esta estabilidade implica ter "tres alcaldes en catro anos", como sucedeu en Compostela, onde Gerardo Conde Roa, Ángel Currás e Agustín Hernández se sucederon á fronte da corporación malia dispoñer o PP de maioría absoluta. "Vaia estabilidade!", concluíu o líder do PSdeG durante unha visita a Melide.

Besteiro di "non querer" os "gobernos estables do PP", que implican "tres alcaldes en catro anos"

Tamén o candidato de Compostela Aberta á alcaldía de Santiago, Martiño Noriega, indicou este luns que, ao seu xuízo, ten "graza" que "o presidente dunha Xunta que amparou en Santiago un goberno con tres alcaldes do PP e un goberno actual de concelleiros non electos" semente "dúbidas sobre unha posible inestabilidade na acción de gobernos" alternativos. "Despois do que pasou en Santiago, como poden reivindicar a estabilidade do PP?", pregúntase. 

Noriega: "Ten graza que quen amparou un goberno con tres alcaldes semente dúbidas sobre a inestabilidade dos gobernos"

Nun sentido semellante o alcaldable do BNG na capital, Rubén Cela, instaba a través das redes sociais a lembrarse da traxectoria dos populares no consistorio compostelán no último mandato. "O PP non leva uns meses gobernando Santiago, leva catro anos", indicou Cela, quen con dúas imaxes dun mitin nas que Hernández interveu para apoiar a Conde Roa, en cuxa lista se integraba, recordou que hai catro anos "Agustín Hernández" xa "andaba xerando ilusión", en referencia ao lema empregado polo PP naquela campaña.

Besteiro, en Melide ante os medios CC-BY-NC-SA PSdeG
Noriega, coa candidata María Rozas en rolda de prensa CC-BY-SA Compostela Aberta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.