A Audiencia Nacional absolveu as doce persoas integrantes de Causa Galiza e Ceivar que foran acusadas de enaltecemento do terrorismo e para quen a Fiscalía solicitaba condenas de entre 4 e 12 anos de cárcere (sumando en total máis dun cento de anos de condena). A sentenza tamén rexeita a disolución de Causa Galiza e Ceivar como pedira o Ministerio Público, polo que quedan tamén sen efecto todas as medidas cautelares impostas contra ambas organizacións. A formación política Causa Galiza mesmo chegara a ser ilegalizada en abril do ano 2016, unha decisión que foi anulada oito meses despois.
O ditame rexeita que as dúas organizacións teñan como finalidade o enaltecemento de Resistencia Galega ou a xustificación das accións levadas a cabo por este grupo ou por algún dos seus membros
O ditame rexeita que as dúas organizacións teñan como finalidade o enaltecemento de Resistencia Galega ou a xustificación das accións levadas a cabo por este grupo ou por algún dos seus membros. A sentenza indica que "non se acreditou" que Causa Galiza "tivese relación, persoal ou institucional, co grupo denominado Resistencia Galega, algúns de cuxos membros foran condenados por actividades terroristas".
O mesmo sinala en relación con Ceivar, "sen prexuízo de que a asociación ou algún dos seus membros participase en actos de recibimento a presos condenados por delitos relacionados con actividades de carácter violento ou terrorista ou accións de protesta con ocasión da celebración de xuízos contra as devanditas persoas e participa en campañas para reclamar o achegamento de presos galegos ao territorio da comunidade autónoma".
Os acusados denunciaron que a operación e o posterior proceso xudicial se enmarcaban nunha campaña política contra o independentismo galego
O xuízo desenvolveuse no mes de outubro en Madrid e veu precedido da celebración en Compostela dunha manifestación de apoio aos doce integrantes de Causa Galiza e Ceivar, na que participaron centos de persoas. A que foi denominada como 'Operación Jaro' remóntase ao ano 2015, cando o xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco lanzou as detencións acusando varios membros de Causa Galiza de seren membros dunha organización terrorista e suspendendo a actividade da organización. Os acusados denunciaron que a operación e o posterior proceso xudicial se enmarcaban nunha campaña política contra o independentismo galego. A acusación chegou a incluír o delito de "integración en banda armada", que foi retirada no verán de 2019.
A Audiencia Nacional explica nos seus feitos probados que Causa Galiza naceu para promocionar a cultura e fundamentalmente a lingua galega, a defensa do patrimonio natural, social e cultural de Galicia e a afirmación de Galicia en todos os ámbitos sociais e culturais
A Audiencia Nacional explica nos seus feitos probados que Causa Galiza se constituíu para promocionar a cultura e fundamentalmente a lingua galega, a defensa do patrimonio natural, social e cultural de Galicia e a afirmación de Galicia en todos os ámbitos sociais e culturais, sendo o rumbo dos seus integrantes e a finalidade da asociación a de operar no marco político como grupo que defende unha ideoloxía independentista.
Así, a sentenza considera que pese ao relato presentado polo Ministerio Fiscal en sustento da súa pretensión condenatoria, as organizacións cuxa disolución se pretendía, por ser a súa finalidade presuntamente de enaltecemento de organización terrorista e dos seus membros, "non tiñan tal finalidade como obxectivo social senón os que figuran definidos nos seus respectivos estatutos e aos que non referimos no relato fáctico".
A sentenza tamén rexeita a disolución de Causa Galiza e Ceivar como pedira a Fiscalía, polo que quedan tamén sen efecto todas as medidas cautelares impostas contra ambas organizacións
A sentenza conclúe que as actividades desenvolvidas, en ausencia dun movemento violento de carácter terrorista efectivo á vez que se desenvolvían tales actuacións por parte das organizacións sinaladas, e non acreditada a existencia dun chamamento á violencia por parte da asociación no desempeño da súa actividade, "non permite chegar á conclusión postulada pola acusación pública respecto da finalidade delituosa que imputa a tales organizacións e que justificaría a disolución das mesmas, e a condena dos seus militantes ou colaboradores".
No ditame indícase, neste senso, que "nos anos nos que se sitúa a actuación que se cualifica como constitutiva de delito, 2014 e 2015, non había unha actividade terrorista entendida como actuación violenta, o que impide que poida entenderse concorrente a situación de risco potencial ou real, de causación de danos, derivada do discurso de ambas asociacións".
A Audiencia Nacional considera que a orientación política de Causa Galiza é merecedora de protección constitucional
No xuízo os acusados e acusadas "negaron que a referencia a 'todas as clases de loita' incluíse a violencia terrorista, negando a pretendida vinculación con Resistencia Galega, e insistindo no carácter político da súa actividade", pódese ler na sentenza.
A Audiencia Nacional considera que a orientación política de Causa Galiza é "merecedora de protección constitucional". O ditame explica que "resulta innegable a inmersión de ambas as asociacións no ámbito da loita independentista plasmada en multitude de movementos que tiveron ao longo dos últimos anos no territorio da comunidade autónoma". Con todo, reitera que "non pode entenderse, á vista da proba practicada no plenario, que fose a finalidade de tales asociacións a de levar a cabo actos de enaltecemento con relevancia criminal, nin que os actos de homenaxe realizados auspiciados ou participados por tales grupos puidesen revestir a relevancia criminal que o Ministerio Fiscal pretende na súa tese acusatoria".