A Audiencia Nacional axuíza dende este 19 de outubro en Madrid unha ducia de membros das organizacións Causa Galiza e Ceivar, acusados de "enaltecemento do terrorismo" e "pertenza a organización criminal para a comisión de delitos de enaltecemento do terrorismo". As peticións de condena por parte da Fiscalía oscilan entre os 4 e os 12 anos de prisión, ata sumar un total de 102 anos, alén de sancións económicas e administrativas no que as persoas acusadas consideran unha "operación política" contra o independentismo.
A 'Operación Jaro' remóntase a 2015 e, malia á retirada dalgunha das imputacións, implica peticións de prisión de entre 4 e 12 anos para as persoas acusadas pola Fiscalía
A que foi denominada como Operación Jaro remóntase ao ano 2015, cando o xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco lanzou as detencións acusando varios membros de Causa Galiza de seren membros dunha organización terrorista e suspendendo a actividade da organización. Aqueles primeiros pasos do proceso, que incluíron a citación como testemuñas de membros da daquela Executiva Nacional do BNG a escasos días das eleccións xerais, trouxeran xa consigo as primeiras alertas dos encausados: tratábase dunha operación política contra o independentismo, advertían.
En 2016, coa acusación de "integración en banda armada e enaltecemento do terrorismo" aínda vixente, a propia Audiencia anulaba a suspensión de actividade de Causa Galiza, o que para o Joám Peres, no nome das persoas imputadas, supuña "deixar sen unha das súas bases fundamentais ao sumario e ao proceso iniciado coa operación da Garda Civil".
Case tres anos despois, no verán de 2019, a propia Audiencia decidía retirar a acusación de pertenza a banda armada que pesaba contra nove membros de Causa Galiza. "Implica mais um passo na deconstruçom da montagem político-policial", resaltaban daquela os imputados, que subliñaban que ningún membro da formación estaba "envolvida en atuaçons ilegais". Así e todo, a finais do pasado ano, catro anos despois do comezo da operación, o Ministerio Público confirmaba a súa acusación de "pertenza a organización criminal para a comisión de delitos de enaltecemento do terrorismo", coa devandita petición de condenas.
Un manifesto e unha mobilización de rúa reclamaron a absolución das persoas acusadas
Este é o pano de fondo co que se celebra o xuízo, que a defensa pediu adiar por mor da situación epidemiolóxica de Madrid coa COVID-19, adiamento que o tribunal denegou. Nas semanas previas á vista, un manifesto aberto de solidariedade coas persoas imputadas xuntou sinaturas de diferentes dirixentes do nacionalismo, como as dos secretarios xerais da CIG e da CUT, deputados e deputadas do BNG, membros de Anova ou persoeiros do mundo da cultural. "Consideramos que ampla representación de apoios é unha mostra da inxustiza deste procesamento aos 12 independentistas e un clamor solidario para conseguir a absolución de todos eles", advertían.
Esa petición de absolución foi reiterada tamén o pasado domingo, nunha manifestación en Compostela. "Está em jogo -defenden- a mesma possibilidade de podermos defender à luz do dia a independência nacional como um objetivo estratégico para a Galiza". O xuízo pódese seguir ao vivo na canle de YouTube de El Salto.