A Audiencia Nacional condena o Estado a indemnizar a un criadeiro de ameixas por un erro de deseño da Xunta nunha depuradora

Visita da daquela conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, á depuradora de Ribeira durante o período de probas no que se produciu o vertido CC-BY-SA Xunta de Galicia

O ministerio foi o responsable último da depuradora de Ribeira na que nin Augas de Galicia nin Portos informaron dunha conexión preexistente que acabou provocando a contaminación da empresa, que será indemnizada con 76.000 euros

A Audiencia Nacional vén de condenar o Ministerio para a Transición Ecolóxica a indemnizar con 73.000 euros á empresa Almeja Ría de Arosa SL pola contaminación que sufriu en xuño de 2016 o seu criadeiro de ameixa emprazado no porto de Aguiño, en Ribeira. A sentenza constata que a orixe da contaminación por augas fecais foi un fallo no deseño da nova depuradora de Ribeira, competencia de Augas de Galicia pero que debera ser revisado polo ministerio como responsable último do proxecto. 

Nin Augas de Galicia nin Portos de Galicia comunicaran que no porto de Aguiño había unha conexión entre a rede de augas fecais e a de pluviais que acabou provocando unha vertedura ao mar nas proximidades da captación de auga para o criadeiro de ameixa. Pero a condena final foi para o ente Aguas de las Cuencas de España (Acuaes), do ministerio, porque “estaba obrigada a revisar e supervisar o proxecto”.

A demora na construción da depuradora de Ribeira xa supuxo unha multa da UE que o Supremo estableceu hai uns meses que lle correspondía pagar á Xunta despois de que esta tentase facer responsables ao Estado ou, no seu defecto, ao Concello de Ribeira.

Fragmento da sentenza da Audiencia Nacional sobre a depuradora de Ribeira CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o relato dos feitos que narra a nova sentenza a depuradora de Ribeira foi froito dun convenio entre Augas de Galicia e Acuaes. O acordo estableceu que Augas de Galicia elaboraría o proxecto da depuradora e de varios quilómetros da rede de tubaxes e este sería asumido por Acuaes, que executaría a obra para despois entregarlle a planta para a súa xestión a Augas de Galicia. As obras remataron a comezos de 2016 e iniciouse un período de probas de varios meses durante o que o 15 de xuño daquel ano a empresa de cría de ameixa detectou “un episodio masivo de mortandade de semente por contaminación de bacteria E.coli”.

A demora na construción da depuradora de Ribeira supuxo unha multa da UE que hai uns meses o Supremo obrigou a pagar á Xunta, que tentara desviar a responsabilidade ao Concello

A sentenza constata que o colector de augas de chuvia do porto de Aguiño, que vertía ao mar nas proximidades da captación de auga para o criadeiro, estaba conectado á rede de augas fecais e en determinadas circunstancias producíanse transvases. A relación causa efecto entre ese feito e a mortandade de ameixas denunciada pola empresa constátaa a Audiencia Nacional argumentando que “unha vez corrixidos os fallos existentes no proxecto, relativos ás alturas de cotas do aliviadoiro do tanque de tormentas, e das tubaxes da rede de pluviais do porto, non volveu producirse ningún outro episodio de verteduras, polo que os repetidos danos no criadeiro de ameixas si tiveron lugar no ámbito da obra executada e dirixida por Acuaes”. 

E sobre a responsabilidade de Acuaes e non de Augas de Galicia o tribunal di que “se ben o deseño do proxecto (redactado por Eptisa) era competencia de Augas de Galicia, Acuaes tiña a obriga de revisar dito proxecto ao ser a directora técnica da obra” e estar “obrigada a revisar e supervisar o proxecto”.

A daquela conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, nunha visita á depuradora de Ribeira en 2016 CC-BY-SA Xunta de Galicia

A depuradora de Ribeira, segundo di a sentenza, foi entregada de xeito definitivo por Acuaes a Augas de Galicia o 30 de xaneiro de 2020. A demora na súa construción, e polo tanto no saneamento das augas desa parte da ría de Arousa, provocou, xunto con outras demoras similares en Vigo e noutros puntos do Estado, unha sanción a España por parte da Unión Europea, que en 1991 fixara para o ano 2000 o límite para o saneamento desas poboacións. 

O Goberno de España repercutiu en 2020 parte desa multa a diversas administracións autonómicas ou locais alí onde considerou que a responsabilidade era compartida, atribuíndo á Xunta o pagamento de 291.000 euros no caso de Ribeira e 3,7 millóns no de Vigo. O Goberno galego recorreu, empregando mesmo un procedemento “impropio”, pero a comezos deste ano o Supremo estableceu que efectivamente debía ser a Xunta quen pagase a multa e non o Estado ou os concellos, aos que tentou desviar a responsabilidade. Nesa sentenza o Supremo salientou como a Xunta se atribuíra para si a competencia sobre a depuradora de Ribeira.

Reparto das sancións europeas polo atraso do saneamento entre o Estado e as comunidade © BOE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.