A Xunta tentou de xeito "impropio" que o Supremo corrixise a condena a pagar a multa da UE polas depuradoras de Vigo e Ribeira

Inauguración da nova depuradora de Vigo en abril de 2018, 17 anos despois do que obrigaba a UE CC-BY-SA Xunta de Galicia

O alto tribunal rexeita a petición do Goberno galego de que aclarase a sentenza porque “o que trata de obter é unha modificación da resposta dada” contraria aos seus intereses e salienta que as supostas dúbidas da administración xa tiveron “resposta explícita”

Por terceira e definitiva vez o Tribunal Supremo vén de rexeitar o intento da Xunta de eximirse de responsabilidades no atraso da construción das depuradoras de Vigo e Ribeira. O alto tribunal afea agora ao Goberno galego que de xeito “impropio” quixese que el mesmo corrixise a sentenza que emitiu hai dous meses pola que obriga á Xunta a pagar 4 dos 32 millóns de euros cos que a UE multou a España pola demora do saneamento de varios núcleos de poboación de todo o Estado, entre eles varios galegos.

A administración, di o Supremo, pediulle unha suposta “aclaración” desa sentenza coa que en realidade “o que trata de obter é unha modificación da resposta dada” contraria aos seus intereses. O tribunal respóndelle que esas dúbidas alegadas sobre a sentenza xa teñen “resposta explícita” na propia sentenza e que non pode pretender “unha revisión” da mesma.

Fragmento do auto do Supremo que considera "impropio" que a Xunta quixese obter "unha modificación" da sentenza que emitiu hai dous meses CC-BY-SA Praza Pública

A orixe da multa que debe pagar a Xunta está en 1991, cando a Unión Europea aprobou unha Directiva que obrigaba a que as aglomeracións urbanas de máis de 15.000 habitantes contasen con sistemas de tratamento das súas augas residuais “a máis tardar, o 31 de decembro do ano 2000”. Ese requisito non se cumpriu en Vigo ata 2018, cando se inaugurou a nova depuradora, e similares demoras rexistráronse en Ribeira ou Santiago.

Este é o terceiro e definitivo pronunciamento do Supremo, despois de rexeitar a paralización cautelar da multa, resolver sobre o fondo da cuestión e agora desbotar a revisión da sentenza que lle pedía a Xunta

En 2011 o Tribunal de Xustiza da UE ratificou os incumprimentos en varias poboacións galegas pero a Comisión contentouse coas xustificacións que lle foi dando o Goberno central de que xa se estaba a traballar para mellorar a situación e foi adiando a sanción. Nos comicios europeos de 2014, o PP chegou a elevar a proposta electoral non o cumprimento da normativa senón que o seu incumprimento non implicase sancións. Finalmente, en 2018 o tribunal europeo decidiu impoñer unha multa inicial de 12 millóns e sucesivas multas coercitivas mentres non se resolvesen os problemas aínda pendentes.

Hai dous anos o Goberno central tomou a decisión de repercutir a outros parte dos 34 millóns de euros que xa levaba pagados por esas sancións nas diversas administracións que consideraba corresponsables dos atrasos. Reclamou á Xunta 4 millóns polos atrasos no saneamento de Vigo e Ribeira e, ao tempo, asumiu que á propia Administración Xeral do Estado lle correspondía asumir 1,6 millóns por Santiago. 

Reparto das sancións europeas polo atraso do saneamento entre o Estado e as comunidades © BOE

A Xunta recorreu esa decisión do Goberno central e intentou primeiro paralizala de xeito cautelar, pero recibiu a primeira resposta negativa do Supremo que hai un ano o rexeitou a súa petición e permitiu que o Goberno central xa se cobrase esas contías empregando un decreto impulsado en 2013 polo ex-ministro popular Montoro. 

No proceso sobre o fondo da cuestión a Xunta chegou a argumentar que a responsabilidade era dos concellos de Vigo e Ribeira e agora dicía que a sentenza do Supremo non era clara, pero o tribunal cre que o que pretendía era "unha revisión" da mesma

A segunda resposta negativa do Supremo, a máis importante, chegou hai dous meses, cando resolveu sobre o fondo da cuestión e rexeitou os argumentos da Xunta, entre eles o de que as responsables eran as administracións locais, os concellos de Vigo e Ribeira. Nesa sentenza o Supremo estableceu que o Goberno de España argumentara adecuadamente que el non fora o responsable dos atrasos xa que cumprira con todas as obrigas que lle fixaban os diversos convenios que asinara coa Xunta e os concellos para executar as depuradoras. Nesa liña, o Supremo lembraba que o Estado si asumiu a súa responsabilidade polo atraso da depuradora de Santiago.

Cando se coñeceu esa sentenza hai un mes a Xunta tentou restarlle importancia argumentando que presentaría unha petición de aclaración ao Supremo co argumento de que non resolvera sobre varios puntos das súas alegacións. Pero agora chega a terceira resposta negativa do Supremo, que rexeita “as pretensións de complemento e aclaración de sentenza” que solicitaba a Xunta por entender que o que realmente pretendía era “unha revisión” do fondo da sentenza.

O Supremo desestima a petición da Xunta porque di que unha aclaración non pode servir "para obter unha revisión" da sentenza CC-BY-SA Praza Pública

No seu auto, con data do 10 de marzo, o Supremo identifica os parágrafos concretos da súa sentenza de hai dous meses nos que xa se daba resposta ás supostas dúbidas formuladas pola Xunta. O tribunal di que o Goberno galego argumentou a súa petición de aclaracións sobre a base dunha “lectura incompleta” daquela sentenza e di que nela xa había “unha resposta explícita ás cuestións suscitadas” pola Xunta “sen que este trámite de complemento ou aclaración de sentenza poida servir para obter unha revisión dos mesmos resolvendo conforme á formulación da parte, que é o que se pretende”. Noutro punto da sentenza o Supremo insiste en que a Xunta “o que trata de obter é unha modificación da resposta dada” por el mesmo “ás alegacións correspondentes, ben completándoa ou axustándoa á súa formulación, o que é impropio desta vía procesual”.

O tribunal di que o Goberno galego argumentou a súa petición de aclaracións sobre a base dunha “lectura incompleta” daquela sentenza e di que nela xa había “unha resposta explícita ás cuestións suscitadas

Aínda así, o Supremo analiza as supostas dúbidas ou aclaracións solicitadas pola Xunta e, ademais de indicar en que parte da sentenza de hai dous meses se atopan as respostas, volve contestar a elas de xeito resumido. En particular a Xunta alegaba que a sentenza non aclarara por que o Goberno de España se demorara nun momento do procedemento polo que lle derivou parte da responsabilidade da demora das depuradoras e que tampouco analizaba a mudanza de argumentos empregados ao longo desa tramitación administrativa. O Supremo lémbralle que a sentenza xa deixaba claro que o debate sobre os prazos seguidos no proceso por parte do Goberno de España “non ten incidencia na validez do procedemento e non determina a prescrición do dereito do Estado a efectuar a correspondente repercusión” de responsabilidades na Xunta. 

O Supremo tamén di que na sentenza “claramente se distingue” que unha cousa é como se inicia un procedemento administrativo e outra como conclúe unha vez analizados “os elementos de proba achegados ao expediente” e que levaron ao Estado a considerar á Xunta corresponsable da demora no saneamento. Ven dicir que niso consiste a "instrución" dun procedemento, en achegar probas que poidan modificar as premisas iniciais. “Tales pronunciamentos da sentenza”, remata o Supremo, supoñen unha resposta explícita ás cuestións suscitadas” pola Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.