Candidatos e candidatas aproveitan a xornada previa aos comicios para seguir amosándose en público pero xa sen poder pedir o voto
Na medianoite do venres ao sábado rematou a campaña electoral e os partidos deixaron de poder pedir o voto expresamente para os comicios xerais deste domingo. Pero iso non impide que candidatos e candidatas aproveiten tradicionalmente as xornadas de reflexión, como a deste sábado, para amosarse en público ou divulgar fotos de todo tipo lembrando á cidadanía que seguen existindo e, implicitamente, que os poden votar.
O presidente do Goberno de España e candidato á reelección polo PSOE, Pedro Sánchez, divulgou un vídeo practicando bicicleta de montaña xunto coa súa muller.
No PP o seu candidato, Alberto Núñez Feijóo, fotografouse na Coruña mercando un xoguete para o seu fillo.
A tamén galega candidata de Sumar, Yolanda Díaz, amosouse tomando un vermú con amizades en Madrid.
E o mesmo fixo en Santiago o candidato do BNG pola provincia da Coruña, Néstor Rego, acompañado pola portavoz nacional da formación, Ana Pontón.
Tamén en Galicia o presidente da Xunta e do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo un treito do Camiño de Santiago acompañando un grupo de mozos e mozas e despois acudiu ao Atlantic Fest en Vilagarcía, mentres o ministro de Sanidade e candidato pola Coruña, José Miñones, desprazouse á costa para comer e o cabeza de lista socialista por Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, amosouse mercando na praza de abastos de Lugo para facer a comida á súa familia.