"Voto útil". É un clásico de cada campaña electoral que, dende a popularización das redes sociais e a extensión do xornalismo de datos a múltiplas cabeceiras, adoita concretarse en números máis ou menos realistas. Dende explicacións sobre o limiar legal para poder optar a un escano -no caso do Congreso, as forzas políticas que non cheguen ao 3% en cada circunscrición fican fóra do reparto- ata concrecións en números de votos que, segundo as diferentes formacións, precisarían para obter un representante máis ou restarllo a outro partido.
Eses chamamentos ao "voto útil" están a medrar na fin da campaña no conxunto do Estado e tamén en Galicia. Especialmente nas provincias de Lugo e Ourense, dúas desas circunscricións que reparten catro escanos e que as dúas principais forzas, PSOE e PP, consideran determinantes para inclinar a balanza do 23X a prol dunha maioría que dea lugar a un Goberno de España apoiado na esquerda ou na dereita.
Tanto na provincia lucense como na ourensá, hai catro anos dous escanos foron para os populares e outros tantos, para os socialistas. Nos comicios xerais repetidos de 2016, en troques, na circunscrición de Lugo tamén conseguira representación a desaparecida En Marea (1) ademais de PP (2) e PSdeG (2) e en 2015, esa formación conseguira igualmente representación lucense e tamén ourensá (2-1-1, en ambos casos) nun contexto marcado polo desgaste xeral de PP e PSOE e a aparición de novas forzas.
Nas provincias de Lugo e Ourense, o PSdeG apela tamén a votantes de Sumar e mais do BNG, cuxa líder subliña que a formación soberanista "disputa escanos ao PP nas catro provincias", argumento ao que tamén apunta Sumar. O PP clama por "unir o voto" para ter as menores fugas posibles cara á extrema dereita de Vox
Agora o contexto é distinto. O PP está convencido de non ter competencia pola dereita en Galicia -Ciudadanos non se presenta e Vox ten escasa implantación- e na esquerda, o PSdeG defende que, especialmente en Lugo e Ourense, "todos os votos que non sexan socialistas só axudan a Feijóo", resumía este xoves nun mitin xunto a Pedro Sánchez o cabeza de cartel socialista por Lugo. Por iso José Ramón Gómez Besteiro se dirixiu "con todo o respecto" a "votantes do BNG e de Sumar" para pedirlles que opten desta volta pola papeleta socialista, porque así "voto deles tamén vai servir para parar á dereita e construír catro anos mellores".
Pero as forzas aludidas, como é obvio, non concordan con esa interpretación. Neste sentido, a escasas horas da fin da campaña a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, rexeitou o "empeño das forzas estatais en darnos lección sobre o voto útil", xa que "un só deputado do BNG foi máis útil para Galiza que os 22 restantes" na lexislatura que remata. Pero ademais, mantén, "o BNG dispútalle escanos ao PP nas catro provincias" nun contexto no que o Bloque, advirte, está a "demostrar" nos últimos anos que é "capaz de facer posíbel o que nos din que é imposíbel e ímolo volver facer este 23X".
Tamén Sumar Galicia defende que o seu é o voto "decisivo" porque, asegura, "quita escanos ao PP e a Vox" e ao tempo, "garante a mellor versión dun Goberno progresista". Neste sentido, a formación que encabeza Yolanda Díaz aseguraba nos últimos días a través dun dos seus candidatos ao Senado, o lucense Fernando Bello, que "este 23X o voto útil en Galicia é Sumar" porque "estamos a xogar escanos co PP e se os gañamos nós, eles pérdenos".
Por tras destas consideracións, alén da obvia vontade por captar votantes, está o funcionamento do sistema electoral: dende o limiar do 3% para obter representación ao sistema d'Hondt para asignar escanos
Aínda que en menor medida, tamén o PP chama por esa 'utilidade' do voto no espectro da dereita. Neste sentido, tanto Alberto Núñez Feijóo como Alfonso Rueda veñen repetindo en múltiples mitins a súa petición de "unir o voto" porque, defende o presidente da Xunta e dos populares galegos, "uns poucos votos poden marcar a diferenza entre gobernar ou non". A intención pasa, fundamentalmente, por captar votantes que noutras convocatorias apoiaron a extrema dereita de Vox.
Por tras destas consideracións, alén da obvia vontade por captar votantes e restarllos ás demais forzas políticas, está o propio funcionamento do sistema electoral, que tende a unha maior proporcionalidade nas circunscricións máis poboadas e que reparten máis escanos -á Coruña correspóndenlle 8 e a Pontevedra, 7-. Para entendelo cómpre coñecer non só o devandito limiar do 3% -que en ocasións non é dabondo para lograr un escano- senón tamén o funcionamento do sistema d'Hondt, o método matemático que, segundo figura na lei electoral, é o empregado para repartir escanos e cuxa mecánica podes coñecer polo miúdo nesta ligazón. Entre outros aspectos, unha das características desa regra é que é habitual que o escano final de cada cada circunscricións poida acabar estando en xogo entre a forza máis votada e a que ten menos sufraxios dentro das que obteñen representación.