Veteranos militantes socialistas lembraban este xoves en Lugo os tempos en que o partido non se atrevía a convocar un mitin no vello auditorio Gustavo Freire. O máis probable, ilustraban, é que se o facían tivesen que acabar cubrindo parte do vetusto patio de butacas cunha lona para tapar ocos.
Hai algo máis de dúas décadas, nos tempos de José Luis Rodríguez Zapatero en España, de Touriño na Xunta e do alcalde Orozco en Lugo, que eses medos esvaeceron, con cheos que minguaron na etapa do PP de Rajoy no Goberno de España, pero que este 20 de xullo regresaron mesmo alargados co presidente do Goberno de España e candidato á reelección, Pedro Sánchez. Ata o punto de facer rebordar o recinto, con máis asistentes no exterior dos que collían no interior.
Co auditorio rebordando e cheo de "calor humana", ironizou o cabeza de lista do PSdeG por Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, Pedro Sánchez aguilloou o electorado dunha circunscrición que os socialistas consideran clave para dar desequilibrado os comicios a prol da esquerda. Actos coma o deste xoves en Lugo, asegura, non son máis que a mostra da "mobilización da España progresista" e tamén "da Galicia progresista que nos vai levar á vitoria", unha "vitoria que nos vai saber estupendamente"
Sánchez e Besteiro piden o voto a simpatizantes do PP "que non están tranquilos cos pactos do odio" e, no caso lucense, tamén "con todo respecto" a votantes do BNG e Sumar, porque "todos os votos que non sexan socialistas nesta provincia só axudan a Feijóo"
Fronte a un PP que, asegura Sánchez, "chega desfondado" á fin da campaña, o PSOE está "na remontada" e disposto a vencer nuns comicios que "non son unhas eleccións máis". Alí onde gobernan, advirte o candidato, PP e Vox están a amosar un "intercambio impúdico de dereitos por votos" e por iso, di, non pide o voto para repetir un Goberno "que o fixo ben" só ao electorado habitual do Partido Socialista. Apela "ao voto de todos, mesmo o da xente que votou ao PP" pero "non quere que goberne con Abascal".
A ese electorado que noutrora apoiou outras forzas dirixiuse tamén Besteiro. O candidato lucense, especialmente cómodo no atril, advirte de que "todos os votos que non sexan socialistas nesta provincia son votos que só axudan a Feijóo". Por ese motivo, salienta, tamén chama polos "votantes do PP que non están tranquilos cos pactos do odio" e mais, "con todo o respecto", "polos votantes do BNG e de Sumar, porque o voto deles tamén vai servir para parar á dereita e construír catro anos mellores".
As "persoas solidarias, tolerantes, galeguistas, centradas", augura Besteiro, van axudar a volver "facer presidente" a un Sánchez que en Lugo puxo, como o candidato da provincia, especialmente o foco na poboación pensionista. Mentres un Feijóo "que non lle di a verdade nin ao médico" votou en contra da lei que blinda a revalorización das pensións, resalta, o Goberno da esquerda non só as subiu, senón que xa pensa "nas xubilacións das xeracións futuras" coa promesa de "encher o peto das pensións" con 5.000 millóns ao ano.
"Que gañen as mulleres e perdan os machistas", clamou Pedro Sánchez
Sánchez e Besteiro estiveron precedidos na palabra polo secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que pediu unha "mobilización absoluta" cara ao 23X, e mais pola vicesecretaria do partido e alcaldesa de Lugo. Lara Méndez foi a primeira en erguer a concorrencia dos seus asentos ao esgrimir que un dos motivos para que Sánchez recunque é que "queremos seguir vivas" e frear "o negacionismo da violencia de xénero".
Porque "que gañen as mulleres e perdan os machistas", advirte Sánchez, tamén é o que está en xogo o 23X. "A gañar, a vitoria está preto, estamos en remontada e imos gañar!", concluíu ante un auditorio entregado no que, ademais de abondosos militantes e simpatizantes de base, sentaban tamén destacados cargos socialistas actuais, como o alcalde de Vigo e alcaldesa da Coruña, Abel Caballero e Inés Rey, pero tamén antigos dirixentes como José Blanco e Ismael Rego.