A concesionaria do bus na Coruña consegue frear no xulgado a baixada das tarifas tras anos de beneficios millonarios

Autobús urbano da Coruña © Concello da Coruña

A rebaixa nas tarifas do bus urbano aprobadas en 2018 polo goberno da Marea Atlántica na Coruña vén de ser anulada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), ao considerar que incumpriu de maneira inxustificada os termos do convenio municipal coa Compañía de Tranvías. 

O TSXG anula a redución de tarifas que avalara antes o xulgado, que advertira do beneficio “extraordinario ou excepcional por excesivo” da Compañía de Tranvías

O Superior estimou o recurso da empresa contra o ditame anterior do Xulgado do Contencioso-administrativo que avalara aquela redución dos prezos do billete -de 1,30 euros a 1,20 na tarifa xeral e con viaxes de balde para menores de 13 anos ou reducións no bonobús- e fora contundente contra o beneficio “extraordinario ou excepcional por excesivo” da Compañía de Tranvías. 

Pero a concesionaria recorreu e agora o TSXG deulle a razón ao considerar que se aplicou retroactivamente unha normativa europea posterior á sinatura do convenio e porque se mudou de maneira unilateral ese mesmo convenio, sen xustificar o interese social ou a mellora do servizo público. Nada di, porque non era o caso, se os beneficios eran ou non extraordinarios, aínda que seguiron séndoo, de ter en conta as contas da compañía. 

O ex-alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, nun acto da Compañía de Tranvías © Concello da Coruña

Malia que a redución de tarifas foi aprobada en 2018, comezouse a aplicar en febreiro de 2019. Nese exercicio, Tranvías obtivo un beneficio neto de 3,32 millóns --30 veces máis que, por exemplo, Vitrasa en Vigo- e repartiu 2,6 millóns en dividentos entre os accionistas, a mesma cantidade que o ano anterior (2018) cando os beneficios ascenderan a 3,78 millóns para unha concesionaria dun servizo público. 

A Compañía de Tranvías obtivo un beneficio de 3,32 millóns no primeiro exercicio con redución de tarifas e repartiu 2,6 millóns en dividendos

A propia Compañía de Tranvías, nas súas contas de 2019 -as últimas feitas públicas-, explicaba que o lixeiro descenso nos beneficios dos que culpaba á rebaixa de tarifas fora "atenuado" polo incremento no número de viaxeiros e o "control ou suspensión de gastos e investimentos" ante a "incerteza xurídica" na que dicía estar sumida. Para a empresa, a modificación do convenio que fora nun principio avalado pola xustiza -e agora tombado- e as posibles mudanzas desde o Concello "xustifican a falta de investimentos deste e dos exercicios pasados", unha medida que foi "outro dos factores que compensaron parte dos prexuízos económicos". 

Neste mesmo martes, e ao valorar a sentenza do TSXG, o director de Tranvías, Ignacio Prada, argumentaba que fora esa inseguridade xurídica a que impedira á compañía facer investimentos durante sete anos. E mesmo que se deixaron de renovar 56 buses, a metade da frota do transporte urbano na Coruña. Ademais, acusou o anterior goberno local da Marea Atlántica de "non querer mellorar o servizo", senón de levar a cabo a redución das tarifas con fins electoralistas: "Foi tres meses antes das eleccións". 

A concesionaria recoñece que a "incerteza xurídica" levouna a deixar de investir durante sete anos e a non renovar 56 buses

Ademais, Tranvías amósase disposta "chegar a un acordo" co Concello sobre a compensación logo da sentenza. Mentres, o goberno local di que estuda "todas as posibilidades e vías de recurso que poidan existir" contra o ditame do TSXG. 

Desde a Marea Atlántica piden ao executivo local que "esgote todas as vías xurídicas en defensa da baixada do billete de bus", que consideran "unha medida de interese xeral que incrementou o uso do transporte público nun millón de viaxeiros". Ademais, o BNG aposta tamén por "recorrer a sentenza para protexer os itnerses municipais", aínda que pediu "moita maior cautela" á hora de tomar decisións como a suba de tarifas polas súas repercusións na Facenda local. 

Autobús urbano da Coruña na parada do CHUAC © Concello da Coruña

"Visto o contido da sentenza, fica claro que o goberno local debe pensar en asumir a xestión directa do transporte público urbano cando remate a actual concesión, en 2024", di o BNG, mentres que a Marea lembra que esa concesión foi "feita a medida en 1986, no primeiro goberno de Francisco Vázquez, para que unha empresa privada se enriquecese a partir dun servizo público".

O Concello di que estuda "todas as posibilidades de recurso" e Marea e BNG pídenlle que "esgote todas as vías xurídicas"

Precisamente, a batalla xudicial aínda en pé non é a primeira entre o goberno local cando estaba á fronte Marea Atlántica e a Compañía de Tranvías. Sendo Xulio Ferreiro alcalde, o Concello interpretou que a fin da concesión remataba en 2016 e deulle dous anos de prórroga á empresa, que recorreu ata que o Tribunal de Xustiza da UE avalou a tese da concesionaria de que seguía vixente ata decembro de 2024. 

O goberno local baseaba a súa interpretación no regulamento comunitario de tranporte que desde 2009 establecía que os contratos adxudicados antes de xullo de 2000 sen procedemento licitador equitativo non podían estar vixentes máis de trinta anos. O tribunal europeo considerou que o prazo debería cotnar a partir de 2009, coa entrada da nova normativa, e non desde os anos 80, data da concesión. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.