"Son consciente de que vos estamos a reclamar que vos convertades, vós tamén, en heroes". É unha das apelacións que a conselleira de Educación, Carmen Pomar, fai ao persoal coidador que habitualmente desenvolve os seus labores en centros educativos galegos para pedirlle que se incorpore como "reforzo" contra o coronavirus en centros dependentes da Consellería de Política Social, unha das áreas máis golpeadas pola pandemia, moi especialmente en residencias de persoas anciás, sobre todo nas de titularidade privada -maioritarias no país-.
Nunha carta remitida ao persoal coidador dos centros educativos, a conselleira pídelle "que vos convertades, vós tamén, en heroes" respondendo á "chamada de auxilio para reforzar o persoal da Consellería de Política Social"
Nunha carta remitida a todo este persoal este 3 de abril e a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, Carmen Pomar indica que "mentres a maior parte do país permanece pechado nas súas casas" para evitar a propagación da covid-19, "que puxo patas para riba o noso mundo hai unhas semanas", outras persoas "temos a obriga de seguir acudindo aos nosos lugares de traballo" para "cumprir tarefas esenciais". E neste contexto, agrega, "moitos traballadores ven modificados os seus cometidos para facelos máis útiles nestes momentos".
Iso é "o que desde Función Pública se vos está a solicitar", sinala en referencia ao departamento da Xunta que xestiona o persoal da Administración. "É -agrega- unha chamada de auxilio para reforzar o persoal da Consellería de Política Social que, debido ás necesidades derivadas desta situación de alarma, precisan todas as mans dispoñibles".
É neste punto no que Pomar apela á heroicidade. "Sei que vos estamos a pedir un gran esforzo" e que "vos convertades, vós tamén, en heroes, como son o persoal sanitario, as persoas que traballan en supermercados" ou en servizos de limpeza, exemplifica. "Non podemos deixar que o medo nos venza, porque entón teremos a batalla perdida" e nesta liña, di a carta, "a vosa experiencia, a vosa profesionalidade é necesaria, agora máis que nunca". "É por iso que me atrevo a pedirvos que, se podedes, fagades ese grande esforzo", remata.
Nas últimas semanas, Xunta e Goberno central ditaron normas que permiten transvasar persoal doutros departamentos ás áreas implicadas na loita contra a pandemia
Esta petición encaixa en dúas disposicións ditadas nos últimos días pola Xunta e tamén polo Goberno central. O pasado 30 de marzo, a Xunta ditou novas normas para poder transvasar persoal entre departamentos para reforzar o dispositivo fronte á covid-19, as cales foron publicadas no DOG ao día seguinte. Nesa mesma xornada, o 31 de marzo, o Goberno central aprobaba en Consello de Ministros o Real Decreto-Lei con diversas medidas sociais para afrontar as consecuencias económicas da pandemia e, na mesma disposición, estipulou que persoal público de áreas non implicadas no dispositivo contra o coronavirus pode presentarse "voluntario" para reforzalo.
No caso da disposición estatal, o decreto indica que o persoal de calquera administración que non estea implicado directamente no dispositivo fronte ao virus, pode pedir incorporarse a labores "de carácter sanitario, sociosanitario, de emprego, para a protección de colectivos vulnerables" ou "outras que requiran un reforzo en material de persoal como consecuencia da situación provocada pola covid-19". No tempo en que o fagan, especifica, non se verá "alterada a súa situación administrativa, nin as súas retribucións ou condicións do seu contrato". "Esta posibilidade -advirte- prevese para o traballo presencial ou a distancia" e mesmo para "tarefas en Administracións diferentes á de orixe".