Gran parte do persoal das diferentes Administracións públicas viu condicionado nas últimas semanas ou seu traballo pola pandemia do coronavirus. Xa sexa por ter que estar directamente implicado na loita contra a pandemia en primeira liña sanitaria ou de atención social ou por ter que adaptar o seu posto de traballo ás medidas de confinamento. No caso do persoal de áreas non implicadas directamente no dispositivo contra a covid-19, o Goberno central vén de abrir unha vía para que poida reforzalo de xeito "voluntario".
O Real Decreto das axudas do Goberno central para paliar as consecuencias do virus prevé que o persoal público que o "solicite" poida "apoiar áreas e actividades distintas das do seu posto de traballo" do dispositivo contra o virus
Dentro do Real Decreto-Lei no que o Goberno de España articula boa parte do seu plan social para paliar as consecuencias económicas da pandemia, con medidas como a suspensión de cortes de auga, luz ou gas ou as axudas para profesionais autónomos, o Executivo central abre tamén esta vía par ao persoal público. Concretamente, indica, "prevese a posibilidade de que as empregadas e empregados públicos" poidan "voluntariamente", dedicarse neste tempo a "apoiar aquelas áreas e actividades distintas das do seu posto de traballo" destinadas a loitar contra o virus.
Neste sentido, indica, poderán pedir incorporarse a labores "de carácter sanitario, sociosanitario, de emprego, para a protección de colectivos vulnerables" ou "outras que requiran un reforzo en material de persoal como consecuencia da situación provocada pola covid-19". No tempo en que o fagan, especifica, non se verá "alterada a súa situación administrativa, nin as súas retribucións ou condicións do seu contrato". "Esta posibilidade -advirte- prevese para o traballo presencial ou a distancia" e mesmo para "tarefas en Administracións diferentes á de orixe".
O persoal "voluntario" manterá as súas condicións laborais e mesmo poderá pedir ser "reforzo" nunha Administración diferente á súa durante o estado de alarma pola covid-19
O texto do Real Decreto só contempla esta posibilidade para o persoal que así o "solicite" coa intención de "colaborar, tanto no ámbito da súa administración de orixe como en calquera outra" no dispositivo contra o coronavirus. No tempo que dure ese labor excepcional, cinguido ao estado de alarma, o seu salario seguiría sendo abonado polo "organismo de orixe" e a "situación administrativa ou contrato de traballo" non variaría. En calquera caso, conclúe, este cambio de funcións debe contar coa "autorización do seu superior xerárquico".
A cuestión do persoal é unha das que está enriba da mesa tamén en Galicia dende o inicio da epidemia. Tanto pola necesidade de reforzar os servizos sanitarios como polo impacto do propio virus noutros eidos especialmente sensibles, como residencias de persoas anciás ou centros de menores.
As necesidades de persoal, previsiblemente, tamén irán á alza coa apertura de hospitais de campaña xa confirmada pola Xunta, aínda que segundo o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, cada área sanitaria asumirá este traballo adicional con medios "propios" dos que xa dispón. Non aclarou, non obstante, a vía pola que se fornecerá de persoal ao Sergas para os servizos non estritamente sanitarios que sexan precisos para estas instalacións provisionais.