A conselleira de Sanidade esixe "respecto" para o seu marido entre peticións de dimisión

A conselleira le a súa resposta CC-BY-SA Praza Pública

Erosionada politicamente pero coa tranquilidade que outorga o aval público do seu xefe, o presidente da Xunta. A conselleira de Sanidade acudiu este mércores ao Parlamento para, forzada pola oposición, abordar a anulación xudicial do ascenso do seu marido a unha xefatura de servizo do Hospital Clínico de Santiago cando ela mesma ostentaba a xerencia do Servizo Galego de Saúde. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia coida que o posto lle foi concedido a Manuel Bustamante cunha "falta de motivación clamorosa", nun procedemento que máis foi un "cheque en branco" ca unha proba selectiva. A oposición en pleno esixe que Mosquera abandone a consellería pero ela esixe "respecto" para o seu cónxuxe.

"Só lle queda dicir adeus, porque as explicacións xa as deron os feitos, o seu comportamento e a sentenza do TSXG", instouna a socialista Carmen Acuña, para quen Mosquera debe asumir a súa "responsabilidade política" polo que, di, é un claro caso de "nepotismo". "Resulta intolerable nun país democrático ver o señor presidente da Xunta xustificando o inxustificable" e, neste contexto, a voceira sanitaria do PSdeG pregúntase se a conselleira é "consciente da realidade" e do impacto que este caso está a ter na sanidade pública galega.

A oposición esixe a dimisión "por ética e dignidade"

Pero Mosquera non se moveu da súa posición. Así, na primeira quenda limitouse a ler unha resposta na que, en esencia, explicou a normativa que rexe este tipo de procesos de selección, "conforme a criterios fixados e dados a coñecer previamente" nunha "convocatoria pública" dun "proceso transparente ao que se poden presentar os profesionais". Ademais, "está claro na normativa que non é unha praza en propiedade, senón que a xefatura de servizo debe ser nomeada e reavaliada cada catro anos".

A conselleira defende o "dereito" do seu marido a acceder á praza, que segundo o TSXG estaba dada "de antemán"

"Por ética e dignidade, adeus", insistiu Acuña. "Nesta sentenza en ningún caso se pon en dúbida que tanto os candidatos como os membros da comisión" avaliadora "son profesionais que merecen todo o respecto" e ese mesmo "respecto" é o que esixe "polos profesinais, tanto para os que se presentaron á praza como para a comisión, cuxa honestidade non debemos poñer en dúbida". A oposición, causa, "eríxese en xuíz facendo intepretacións que a sentenza non contén" e sen ter en conta que é "claramente inxusto" que "un profesional, por estar casado cunha directiva da Administración", ela mesma, "non teña dereito a obter unha praza". A praza perdeuna, segundo o tribunal, no proceso de selección "a sorte estaba botada de antemán".

A conselleira le a súa resposta CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.